Tomás Acha Álvarez, nado na Coruña, foi un mariño e político galego, deputado e senador polo Partido Progresista en varias lexislaturas e conselleiro de Estado.

Traxectoria Nado na Coruña, era fillo de Manuel Acha Patiño, fidalgo de orixe familiar en Cambados, e María del Carmen Álvarez Trelles, de procedencia asturiana. Seguindo o exemplo dos seus irmáns máis vellos (Ramón e Juan) ingresou como gardamariña en 1819. Dentro da Armada foi ascendendo por mérito: en 1854 era capitán de navío, en 1863 logrou o título de brigadier, en 1868 foi nomeado contraalmirante e, en 1870, incorporouse ao Consello de Estado de Guerra e Mariña.

Politicamente militante do progresismo, o Comité Progresista da Coruña candidatouno en diversas ocasións ao Congreso: en 1839 e 1841 como deputado suplente, non sería titular ata as eleccións do 4 de outubro de 1854, logo da Década Moderada. Entón foi escollido por 15 121 votos dos 18 194 emitidos e mantivo a acta ata setembro de 1856. Nas eleccións de 1858 presentouse no distrito de Ferrol, mais foi derrotado polo unionista Manuel Aguirre de Tejada. En 1865 formaba parte da Xunta Central do Partido Progresista que defendeu nun manifesto colectivo o retraemento electoral fronte os gobernos apoiados por Isabel II.

A súa importancia política incrementouse durante o Sexenio Democrático. Ademais dos seus ascensos militares, en 1871 foi electo senador pola provincia da Coruña, cargo que revalidaría tras as eleccións de 1872, manténdose como senador ata 1873. Na sesión conxunta das Cortes Xerais do 11 de febreiro de 1873 para dar conta da renuncia de Amadeu I, Tomás Acha votou a favor da proposta do deputado Pi i Margall de proclamar a I República Española. En 1874 foi designado membro do Consello de Estado.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Senadores de Galicia Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos Categoría:Políticos do Partido Progresista