Carolina López Fernández, nada en Tinéu o 18 de xaneiro de 1985, é unha arquitecta técnica e política asturiana, deputada na Xunta Xeral do Principado de Asturias desde 2023 e presidenta de Vox Asturias dende maio de 2025.
Traxectoria Carolina naceu no seo dunha familia de orixe gandeira, con casa familiar en Ansarás na parroquia de Santuyanu, e dedicada á hostalería, seus pais rexentaron varios establecementos en Tinéu e cando Carolina tiña 16 anos a familia marchou a Oviedo para establecer unha polbeira e un restaurante. Estudou un ciclo superior de delineación nun instituto da capital asturiana e posteriormente arquitectura técnica na Escola Politécnica Superior de Zamora da Universidade de Salamanca, e rematou os seus estudos en 2012. Tamén cursou estudos de posgrao relacionados coa análise de riscos inmobiliarios.
Actividade política En 2019 principiou a súa carreira política ao encabezar a candidatura de Vox ao concello de Tinéu nas eleccións municipais de 2019, nas que o seu partido logrou un asento, e pasou a exercer como concelleira. En xaneiro de 2023 Vox designouna candidata á presidencia do Principado de Asturias nas eleccións autonómicas de 2023. Vox obtivo catro escanos na Xunta Xeral do Principado de Asturias, e López resultou elixida deputada pola circunscrición central. O 27 de maio de 2025 o Comité Executivo Nacional de Vox designouna presidenta de Vox Asturias, en substitución de José María Figaredo.
Despois da crise migratoria de Ceuta, Carolina López erixiuse como a cara visible do seu partido no rexeitamento á apertura de novos centros de menores estranxeiros non acompañados en Asturias. Apoiou publicamente as mobilizacións veciñais do barrio de La Florida en Oviedo contra da instalación dun centro de menores e reiterou a súa postura de "cero menas". En setembro de 2026 durante o pleno institucional con motivo do Día de Asturias, a deputada afirmou que "non hai nada que celebrar" mentres goberne o socialismo en Asturias. Acusou ao executivo de Adrián Barbón de "destruír a rexión" e rexeitou participar nos actos oficiais. Posicións políticas miniatura|Carolina López nun acto de Vox en Murcia en 2023 Posición sobre a oficialidade das linguas de Asturias
Carolina López opúxose de maneira rotunda á oficialidade do asturiano, e por extensión do galego de Asturias. En 2024 formulou na Xunta Xeral unha pregunta ao presidente do Principado sobre a que denominou «imposición dunha lingua inventada» e cuestionou as políticas de promoción da llingua. En outubro de 2024, diante a proposición de reforma do Estatuto de Autonomía que pretendía recoñecer a oficialidade do asturiano e do galego de Asturias, López anunciou que Vox votaría en contra e afirmou que a cooficialidade implicaría unha obriga para os cidadáns de aprender o que cualificou como "lingua de laboratorio". Tamén defendeu que as variedades lingüísticas tradicionais de Asturias, ás que se referiu como «bables», constituían a riqueza lingüística que habería que preservar. Ás referencias de Carolina López sobre o galego de Asturias relaciónanse coa súa oposición á oficialidade. En setembro de 2024 criticou que Adrián Barbón pronunciase parte do seu discurso na Xunta Xeral en eonaviego, que cualificou de «lingua inventada».
Sector primario e medio rural López defendeu reiteradamente o sector agropecuario asturiano e criticou as políticas que, ao seu xuízo, dificultan a actividade gandeira e agrícola. En 2023 afirmou que o sector primario constituía, xunto coa minería e a industria, parte do «ADN asturiano» e acusou o Goberno autonómico de abandonar a gandería. Entre as súas críticas incluíu a burocracia, os controis administrativos, a protección do lobo e determinadas políticas ambientais.Tamén se opuxo a determinadas medidas da Política Agrícola Común e criticou especialmente os ecoesquemas, que considerou prexudiciais para a actividade agraria.
En 2024 criticou o Pacto Verde Europeo e a Axenda 2030, aos que lles atribuíu parte das dificultades do sector primario. Defendeu a soberanía alimentaria e reclamou políticas que permitisen a continuidade das explotacións e reducisen as cargas burocráticas. Tamén se opuxo ás políticas de protección do lobo que, ao seu xuízo, prexudican os gandeiros.
Axenda 2030, políticas climáticas e enerxía López é unha crítica reiterada da Axenda 2030 e das políticas climáticas da Unión Europea e do Goberno español. En 2023 responsabilizou a estas políticas de parte dos problemas do sector primario e dos lumes forestais en Asturias e defendeu un maior aproveitamento dos montes por parte dos gandeiros e dos habitantes do medio rural. Tamén vencellou a Axenda 2030 coa situación da industria e da gandería e así en abril de 2024 afirmou que de se manteren esas políticas, ía desaparecer o que denominou «ADN asturiano gandeiro e industrial».
No ámbito enerxético, opúxose ao peche das centrais térmicas asturianas e criticou a descarbonización acelerada. Defendeu o mantemento da capacidade de xeración eléctrica convencional e acusou os gobernos socialistas de non ofreceren alternativas industriais suficientes para os territorios afectados polos peches das minas e das térmicas.
Industria e desindustrialización López responsabilizou os gobernos socialistas da perda de peso do sector industrial asturiano e empregou o termo «desindustrialización» para describir a evolución económica recente. En 2025 relacionou a política fiscal, as políticas climáticas e o custo da enerxía coa perda de competitividade industrial. Segundo a súa interpretación, o peche das minas e das centrais térmicas, unido ao aumento dos custos enerxéticos e ás esixencias ambientais, contribuíu á perda de emprego industrial e á emigración da xente nova.
Fiscalidade e gasto público López defendeu a redución do gasto público ao consideralo político ou superfluo e tamén a redución da presión fiscal. Durante a campaña das eleccións autonómicas de 2023 propuxo reducir o número de deputados da Xunta Xeral, fusionar departamentos e direccións xerais e profesionalizar os organismos públicos.
Tamén defendeu a eliminación das subvencións públicas destinadas a sindicatos, partidos políticos, organizacións empresariais e asociacións que, segundo a súa valoración, promoven a denominada «ideoloxía de xénero». Propuxo destinar parte deses recursos á protección social das familias e á redución de impostos.
Feminismo e políticas de igualdade
López mantén unha posición crítica co feminismo institucional e coas políticas de igualdade promovidas polo Goberno asturiano e tamén se manifestou crítica coa lexislación estatal sobre violencia sexual e igualdade. En 2025 relacionou as súas críticas coas consecuencias que atribuía á denominada Lei do só si é si. En varias ocasións cualificou de «falso feminismo» determinadas políticas públicas de igualdade e defendeu eliminar partidas que consideraba destinadas a manter estruturas políticas vencelladas ao feminismo institucional e criticou o incremento do gasto da Consellería de Igualdade que levaba ás políticas institucionais de igualdade e feminismo constituíren, ao seu xuízo, unha estrutura política e clientelar financiada con fondos públicos .
Inmigración López defendeu unha política de maior control da inmigración irregular e criticou a acollida de inmigrantes en Asturias con cargo a fondos públicos. En 2023 afirmou que a inmigración irregular podía incrementar a inseguridade e reclamou políticas de «fronteiras seguras». En 2025 solicitou fiscalizar o gasto público destinado á atención de inmigrantes en situación irregular e afirmou que os recursos públicos destinados a este ámbito terían de lle dar prioridade as necesidades da poboación asturiana. Turismo, propiedade e regulación
López defendeu un modelo de turismo que, segundo as súas propostas, debía favorecer a actividade empresarial e reducir os atrancos burocráticos. En 2023 propuxo impulsar un turismo de calidade e un plan de fomento da hostelaría. En 2024 opúxose ao proxecto de reforma da Lei de Turismo do Principado. Malia considerar necesaria unha regulación ordenada das vivendas de uso turístico, defendeu que debía establecerse mediante unha regulación estatal homoxénea e criticou as limitacións ao dereito de propiedade que atribuía ao proxecto asturiano.. Notas
Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados en Tinéu Categoría:Deputados da Xunta Xeral do Principado de Asturias Categoría:Políticos de Vox Categoría:Alumnos da Universidade de Salamanca Categoría:Concelleiros de Asturias