Santiago Aguiar Mella, nado en Santiago de Compostela o 21 de setembro de 1809 e finado en 1864, foi un xurista e político galego, vinculado ao Partido Progresista e deputado pola provincia da Coruña en 1856.

Traxectoria Era fillo de Jacobo Aguiar Mella e Joaquina Toxo. Por parte de pai estaba vencellado á fidalguía, pois descendía dunha rama menor da Casa da Riba (Pantiñobre, Arzúa), e a Universidade de Santiago de Compostela, fora colexial en San Xerome. Na Universidade compostelá, Santiago Aguiar cursou e rematou os estudos de Leis en 1833 e obtivo a categoría da bacharel en Canons en 1834, exercendo dende entón como avogado.

En 1835 comezou a súa vida pública sendo nomeado vogal do Consello de Administración e Disciplina do batallón da Milicia Nacional de Santiago de Compostela. Un ano despois foi nomeado subdelegado de rendas interino tamén en Santiago de Compostela.

Xuíz dende 1837 foi destinado en Grandas de Salime, e posteriormente en Bande, Murias de Paredes e, en 1841, na Coruña. Alí participou como socio na Sociedade Económica de Amigos do País da Coruña, fundada ese mesmo ano. Fiscal dende 1843 na Audiencia de Mallorca, foi trasladado en 1844 á de Burgos.

Politicamente próximo ao progresismo obtivo cargos públicos durante o Bienio Progresista: foi nomeado subsecretario do Ministerio de Graza e Xustiza e foi membro da Comisión de Codificación dende xullo de 1856. Tamén, nas eleccións do 4 de outubro de 1854 foi deputado suplente pola provincia da Coruña, incorporándose ao Congreso o 9 de febreiro de 1856 tras a baixa de José María Suances. A fin da experiencia de goberno progresista fixo que rematara a súa participación en cargos políticos.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1809 Categoría:Finados en 1864 Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos