miniatura|250px|Na memoria dos "Homiños de Boimorto", memorial na rotonda dos Batáns (Ames). Coñécense como os homiños de Boimorto os doce veciños de Boimorto, once deles asasinados o 20 de agosto de 1936 por partidas falanxistas tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, paseados nos Batáns, Ortoño (Ames) e na Agra da Vila, O Amenal (O Pino), soterrados na foxa común do cemiterio de Ortoño (Ames) e nas foxas comúns do Amenal (O Pino) respectivamente. Conseguiu salvarse só un deles, José Cabanas Vázquez, a quen deron por morto, e regresou á súa casa, onde permaneceu agochado durante quince anos ata o día do seu falecemento.
Descrición dos feitos Ramón Enjamio Pombo, Manuel Espiñeira López, Isidro Filloy López, Andrés Mera Filloy, sobriño do anterior, Ramón Vázquez Garea, Ramón Sánchez Rapela, Antonio Felpete Budiño, Juan Martínez Bao, José Tojo García, José Barreiro Pérez e Caitán García Vázquez, veciños de Boimorto, nove dos cales formaban parte da corporación municipal de agosto de 1936, foron detidos por partidas de fascistas, compostas principalmente por falanxistas, e paseados un mes despois da sublevación militar contra a Segunda República. Só José Cabanas Vázquez conseguiu salvarse, caeu debruzado cando realizaron os disparos, quedando cuberto polo sangue dos compañeiros e dándoo por morto non lle deron o tiro de graza, cunha bala na perna –que logrou extraer coa axuda dalgúns veciños da contorna– regresou á súa casa, onde permaneceu agochado quince anos, ata que se suicidou finalmente en 1951.
Co triunfo do golpe en Galicia, as partidas fascistas procuraron eliminar a calquera sospeitoso de apoiar a República. En Boimorto trataron de apresar a 17 homes, presumiblemente sinalados polo párroco de Boimil e Andavao, Emilio López Freire, en desacordo coas políticas da República contrarias á Igrexa. A algúns deles fóronos buscar á casa, a outros mandáronlle recado para que se presentasen na Gándara (Boimorto), co pretexto de asinar uns documentos na casa do concello. O grupo estaba conformado polos principais representantes da esquerda do municipio, incluída case toda a corporación da Fronte Popular. O alcalde, Pedro López Bodelo, Manuel Sánchez de Valente e mais José Sánchez, desconfiando da situación, non se presentaron. A Ramón Lodeiro, escribán do concello, deixouno marchar o sarxento da Garda Civil unha vez chegado a Sobrado (Sobrado dos Monxes). Ó último dos 17, Andrés de Cardelle, mandárono de volta para a casa unha vez se presentou na Gándara.
O resto dos detidos foron trasladados en camión a Sobrado, onde quedaron recluídos no cárcere durante dous días sen comer nin beber e onde os torturaron. Posiblemente leváronos a madrugada do 20 de agosto de 1936 a Santiago de Compostela, onde non había sitio para máis presos, e dixéronlles que regresaran de volta con eles ou que fixeran o que estimasen oportuno. Decidiron separalos en dous grupos, levándoos a lugares diferentes.
En Ortoño (Ames), na curva dos Batáns, executaron a seis: Ramón Enjamio Pombo, Manuel Espiñeira López, Antonio Felpete Budiño, Juan Martínez Bao, José Tojo García e José Barreiro Pérez. Os veciños carrexáronos nun carro ó cemiterio parroquial, onde foron fotografados e inscritos como descoñecidos nas partidas de defunción. O cura de Ortoño mandounos soterrar no cemiterio nunha foxa común xunto a un mestre, tamén paseado, de identidade descoñecida. En Ortoño foron lembrados pola xente dende entón como «os homiños de Boimorto». miniatura|200px|Antonio Felpete Budiño, un dos paseados na curva dos Batáns, fotografado morto no camposanto de Ortoño (Ames). No Amenal (O Pino), na Agra da Vila, coa excepción de José Cabanas que logrou escapar, asasinaron os demais: Isidro Filloy López, Andrés Mera Filloy, Ramón Vázquez Garea, Ramón Sánchez Rapela e Caitán García Vázquez. Mandaron vir a uns veciños do lugar, escollidos polo súa simpatía coa República e para infundirlle de paso medo á xente da contorna, co propósito de que cavasen as foxas onde meter os cadáveres, baixo unha carballeira a carón da que estaban os fusilados. Nunha soterraron a dous e noutra os tres corpos restantes. O lugar coñeceuse pola veciñanza dende os fusilamentos como «a chousa dos mortos».
Traballos de exhumación Isidro Filloy López, Andrés Mera Filloy e Caitán García Vázquez, foron exhumados no ano 2007 tras unha primeira escavación no Amenal dirixida polo arqueólogo forense Javier Ortiz Lejarza promovida pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e entregados ós seus familiares no ano 2012 tras ser identificados. Os demais permanecen posiblemente nas foxas comúns do Amenal e en Ortoño polo que a ARMH e as familias de varios deles traballan co propósito de atopalos.
No cemiterio de Ortoño permanecen os restos de seis deles, segundo as conclusións de todas as investigacións. Este espazo foi remodelado e crese que todos os restos humanos atopados se trasladaron ó osario do novo camposanto de Ortoño en 1958, resultando complexa a súa identificación.
Recoñecementos No ano 2006 o concello de Ames colocou na rotonda dos Batáns unha placa en lembranza das vítimas dos Batáns, que en diante serviu como memorial para recordar os homiños de Boimorto. No ano 2007 o concello de Boimorto inaugurou nos xardíns da casa do concello un monólito na memoria das vítimas de agosto de 1936 deste municipio, que en diante serviu como lugar para conmemorar os represaliados do concello.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Boimorto Categoría:Ames Categoría:O Pino
Categoría:1936 en Galicia
Categoría:Artigos destacados sobre Galicia