No sistema político-administrativo español, un tenente de alcalde ou vicealcalde (vicealcaldesa, tenenta de alcalde, tenenta de alcaldesa ou tenente de alcaldesa, nas súas formas femininas) é un concelleiro ou concelleira dun concello nomeado polo alcalde ou alcaldesa. É membro da xunta de goberno con voz e voto. Amais, ten a capacidade legal para substituír ao alcalde nos supostos que determina a lexislación, principalmente en caso de enfermidade, ausencia, dimisión ou falecemento, nestes dous últimos casos ata que o pleno elixa un novo alcalde.
Esta persoa asiste ao alcalde e participa en tódalas decisións importantes do concello, ocupando o segundo posto na orde de prelación despois do alcalde.
Nomeamento Os nomeamentos faranse por resolución do alcalde, da que se informará ao pleno na súa primeira sesión. Os nomeamentos tamén son notificados persoalmente e a resolución publícase no boletín oficial da provincia (BOP). O nomeamento produce efectos ao día seguinte da sinatura da resolución por parte do alcalde. É necesaria aceptación por parte do nomeado ou nomeada.
Nos concellos con xunta de goberno local, o número de tenentes de alcalde non pode superar o número de membros da xunta. Onde non haxa xunta, o número de tenentes de alcalde non poderá exceder dun terzo do número legal de membros da corporación municipal.
Cesamento A condición de tenente de alcalde pérdese por dimisión, destitución por decreto do alcalde ou perda da pertenza á xunta de goberno local.
Notas
Categoría:Concelleiros