Simón Lamas Trinidad, nado o 9 de xaneiro de 1992 en Vilalba, é un adestrador de fútbol galego. Actualmente dirixe o Bergantiños Fútbol Club, na Segunda Federación.
Traxectoria
Formouse como futbolista nas categorías xuvenís do Racing Club de Ferrol e do Racing Club Vilalbés. No segundo caso tamén formou parte posteriormente do primeiro equipo na Tercera División de España. Tras retirarse como xogador en 2013, seguiu vencellado ao club lucense como adestrador e coordinador da súa base. Baixo a dirección de Lamas, o conxunto xuvenil do Racing Club Vilalbés alcanzou un ascenso histórico á División de Honra Xuvenil en xuño de 2017.
En novembro de 2017, Simón Lamas comezou a adestrar o primeiro equipo do Racing Club Vilalbés, na Tercera División de España. Na tempada 2022/23, o club xogou a promoción de ascenso a Segunda Federación 2023 e o 3 de xuño de 2023 venceu ao CDFC La Calzada para conseguir un ascenso histórico do Vilalbés á Segunda Federación.
En maio de 2024, Lamas anunciou a súa saída do Racing Club Vilalbés. En agosto dese mesmo ano foi contratado polo FC Vizela para adestrar o conxunto sub-23. En novembro de 2024, Lamas foi promovido a adestrador do primeiro equipo na Segunda Liga portuguesa, tras a marcha do seu predecesor Rubén de la Barrera.
En xuño de 2025, Simón Lamas foi anunciado como novo adestrador do Bergantiños Fútbol Club para a campaña 2025/26 na Segunda Federación.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en transfermarkt Perfil en lapreferente
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Vilalba Categoría:Xogadores do Racing Vilalbés Categoría:Adestradores do Racing Vilalbés Categoría:Adestradores do Bergantiños FC