As moedas dun centavo con perforación son uns espécimes cuñados nos Estados Unidos, a modo de proba, con ese valor facial, inicialmente entre 1850 e 1851 e logo en 1884 e 1885, con diversos deseños e composicións, como un intento de producir un centavo de peso e diámetro reducidos, dado que o aumento do prezo do cobre provocara que os centavos en circulación tivesen un valor intrínseco superior ao seu valor nominal.
Aínda que a súa composición habitual foi o billón, existen tamén exemplares de aluminio, cobre, cuproníquel, níquel, prata e alpaca."Annular - Holey Cent Pattern Coins". Coinauctionshelp.com
Historia
A finais da década de 1840, o prezo do cobre aumentara ata o punto de que os custos de produción de cada exemplar dos centavos grandes ascendían a máis dun centavo. En resposta a un proxecto de lei redactado en 1849 polo congresista Samuel F. Vinton para reducir o tamaño do centavo,"J119/P134". Uspatterns.com a Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou a buscar un tipo alternativo ao centavo grande en circulación. Unha das solucións propostas para ese problema consistiu en perforar a moeda no seu centro, creando unha aparencia de anel.
Os exemplares coñecidos das emisións en proba cuñáronse por primeira vez en 1850 con diversas composicións, e os resultados da experiencia apuntaron a que estas novas moedas resultaban difíciles de expulsar das prensas de cuñaxe e, no caso das que levaban prata na súa composición, a recuperación deste metal logo da súa desmonetización resultaría complicada. Por este e por outros motivos, o centavo perforado non chegou a se producir en masa para a súa posta en circulación, e o centavo de cobre de tamaño grande continuou a súa produción ata 1857, cando foi substituído polo centavo Flying Eagle, de tamaño máis reducido. Segundo o historiador e numismático Walter Breen, outro factor no rexeitamento do centavo perforado foi que a moita xente lle lembraba a moeda chinesa cash, que tiña un valor de compra mínimo.Breen, W. (1988). Páxina 215.
En 1884 houbo unha nova cuñaxe en proba do centavo con perforación. Daquela, o artista Eastman Johnson presentou un deseño algo máis bruto que os anteriores, cuns furados de maior tamaño e coa aparencia de estaren cortados manualmente."J1721/P1929". Uspatterns.com Esta proposta de Johnson foi algo perfeccionada nos espécimes datados no ano seguinte, máis a idea de cuñar centavos perforados acabou sendo abandonada ese ano."J1740/P1950". Uspatterns.com
Apúntase a que existen 196 variantes destas propostas de centavos con perforación central,"Pattern Cross Reference 1792-1856". Uspatterns.com que se produciron ademais con distintos diámetros do burato central. Os seus deseños tamén difiren, e mesmo algúns espécimes carecen de data e de motivos representados no reverso. Algúns deles nin sequera chegaron a ver efectuada a súa perforación, que simplemente aparece sinalada cunha liña por onde esta se debería producir.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6
Hewitt, J. J.; Bowers, Q. D. (2009). United States Pattern Coins (10ª ed.). Whitman Publishing. ISBN 978-0794822538
Outros artigos
Moeda de 5 centavos estadounidenses con perforación Moedas do dólar estadounidense Casa da Moeda dos Estados Unidos
Categoría:Moedas dun centavo de dólar estadounidense