Francisco Tallón Charlón, nado na Coruña o 26 de xaneiro de 1916 e finado en Linz (Austria) o 10 de decembro de 1983, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis.
Traxectoria Emigrou a Barcelona xunto co seu irmán Enrique, onde cursou os estudos primarios e recibiu formación como soldador eléctrico e cerralleiro, profesión á que se dedicou ata que se alistou en 1937 no exército republicano unha vez iniciada a guerra civil española. Co triunfo do bando franquista na guerra civil exiliouse en Francia. Tralo comezo da segunda guerra mundial integrouse na Compañía de traballadores estranxeiros nº 8 (CTE 8), sendo destinado á rexión do Delfinado e Savoia.
Foi apresado polo exército alemán trala caída de Francia na segunda guerra mundial e recluído primeiro no Frontstalag 140, en Belfort (Francia) e despois enviado ó Stalag XI-B, en Fallingbostel (Alemaña). Deportado ó campo de concentración de Mauthausen, onde ingresou xunto co seu irmán Enrique o 27 de xaneiro de 1941 co número de matrícula 5 773, e trasladado o 8 de abril de 1941 ó campo de concentración de Gusen co número de matrícula 12 044, permanecendo con vida ata a liberación do campo o 5 de maio de 1945 a pesar das duras condicións. Seu irmán Enrique non logrou sobrevivir.
Dende xuño de 1945 ata marzo de 1948 traballou para as Forzas Armadas dos Estados Unidos de América en Austria, permanecendo no país, primeiro en Wels e logo en Waizenkirchen, onde coñeceu á súa muller, Anna Hummer.
Traballou como cerralleiro en Linz, cidade na que faleceu o 10 de decembro de 1983.
Vida persoal Nado na Coruña, residiu nun domicilio que actualmente ocupa o número 14 da rúa da Franxa. Seu pai era orixinario de Outeiro de Rei e súa nai natural de Betanzos. Tivo un irmán máis vello, Enrique, nado en 1912.
Casou o 16 de setembro de 1947 con Anna Hummer, natural de Waizenkirchen, con quen tivo unha filla, Anna-Rosita Tallón, nada o 8 de abril de 1948.
Recoñecementos O 18 de febreiro de 2018 celebrouse no Parlamento de Galicia unha homenaxe promovida pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) onde se leron os nomes das 193 vítimas galegas que fuxindo da represión franquista acabaron deportadas nos campos de concentración nazis, entre eles o dos irmáns Enrique e Francisco Tallón Charlón.
O Concello da Coruña en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica colocou no ano 2025 cadanseu stolperstein en memoria dos irmáns Tallón Charlón ó pé do seu domicilio no número 14 da rúa da Franxa.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 1983 Categoría:Galegos sobreviventes dos campos de concentración nazis Categoría:Galegos de Cataluña Categoría:Galegos de Austria