Marta Huerta de Aza, nada en Población de Campos o 31 de marzo de 1990, é unha profesora e árbitro de fútbol española. Dende 2024 arbitra na Segunda División masculina.

Traxectoria Nacida e criada en Población de Campos, interesouse pola arbitraxe dende nova e aos 15 anos asistiu ao seu primeiro curso. Máis tarde asentouse en Tenerife, onde compaxinou a arbitraxe co seu traballo como mestra.

En 2016 converteuse en árbitro internacional da FIFA, dirixindo partidos de fútbol feminino. En 2017 arbitrou o seu primeiro partido na Primeira División Feminina e ao remate da tempada 2017/18 foi elixida como mellor árbitro da categoría, recibindo o Trofeo Vicente Acevedo. O 9 de febreiro de 2020 arbitrou a final da Supercopa de España Feminina entre a Real Sociedad e o FC Barcelona no Estadio Helmántico de Salamanca, partido no que o Barcelona gañou por 10-1.

O 3 de outubro de 2021 traballou por primeira vez na Primeira Divisón masculina, actuando como cuarto árbitro no encontro entre Getafe e Real Sociedad. Converteuse así na primeira muller en exercer como cuarto árbitro na máxima categoría masculina.

En 2022 arbitrou un partido de cuartos de final da Liga de Campións Feminina entre o Bayern de Múnic e o PSG e ese mesmo ano dirixiu tamén un partido de fútbol na Eurocopa entre Inglaterra e Austria.

O 9 de xaneiro de 2023 a FIFA nomeou a Huerta de Aza e a Guadalupe Porras Ayuso como parte do grupo de árbitros para a Copa do Mundo de 2023 en Australia e Nova Zelandia. Debutou no certame mundial nun partido entre Haití e China.

En xuño de 2024 ascendeu á Segunda División, converténdose na primeira muller en arbitrar un partido profesional en España. Ao remate da tempada do seu debut, recolleu o Trofeo Guruceta como a mellor árbitro da categoría.

Notas

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados na provincia de Palencia Categoría:Profesores de España Categoría:Árbitros de fútbol de España