John Hewit Judd, nado en Dawson, Nebraska, o 12 de maio de 1899 e finado en Omaha, Nebraska, o 23 de decembro de 1986, foi un médico e numismático estadounidense, presidente da American Numismatic Association entre 1953 e 1955.

Traxectoria

Primeiros anos e formación J. Hewitt Judd naceu en Dawson, Nebraka, o 12 de maio de 1899,Smith, P. (2025). o primeiro dos dous fillos de Melinda Heim (1874-1947) e de Delbert B. Judd (1872-1938)."Dr John Hewitt Judd". Findagrave.com

Acadou o título de Bachelor of Science na Universidade de Nebraska e en 1924 o título de doutor en Medicina na facultade de Medicina da mesma universidade. Máis tarde realizou estudos de posgrao na Universidade de Viena,GCL (1987). nos anos 1925 e 1926."New President of the A.N.A.". En The Numismatist. Outubro de 1953. Páxinas 1.034-1.035.

Exercicio da medicina Trasladouse a Omaha en 1930, e alí iniciou a práctica da medicina de xeito privado. Ao mesmo tempo, incorporouse ao persoal docente voluntario da Universidade de Nebraska, e en 1942 pasou a ser profesor titular e xefe do departamento de Oftalmoloxía. Finalmente, en 1964 foi nomeado catedrático emérito desa universidade, logo da súa xubilación.

A súa colaboración foi decisiva no establecemento do Banco de Ollos Memorial Lions-Vince C. Hascall de Nebraska en 1960, motivo que o fixo acredor do premio anual da Fundación de Conservación da Vista Lions de Nebraska en 1964.

Interese pola numismática Paralelamente á súa dedicación á medicina, Judd foi un destacado coleccionista de moedas e estudoso da numismática. A súa traxectoria como numismático estivo moi ligada á American Numismatic Association (ANA), na que ingresou en 1937 e a cuxo consello de goberno pertenceu de 1945 a 1951. Posteriormente ocupou os postos de vicepresidente primeiro (1951-1953) e de presidente, do 26 de agosto de 1953 ao 27 de agosto de 1955. Esta entidade recoñeceu a súa traxectoria co seu premio máis sobranceiro en 1955.

Tamén foi membro do consello de administración e presidente da Central States Numismatic Society. En 1965 foi membro da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.

Como coleccionista, Judd especializouse na moeda estadounidense e principalmente nos exemplares cuñados a modo de proba pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. Unha boa parte da súa colección foi adquirida polo numismático e comerciante de moedas Abe Kosoff, e outras partes foron vendidas en senllas poxas celebradas en xuño de 1977 pola casa Superior e en marzo de 1980 pola compañía Stack's.

Judd foi tamén autor dun libro de referencia para a catalogación das emisións estadounidenses en proba, titulado United States Pattern, Experimental and Trial Pieces, publicado en 1959 e con numerosas reedicións —a 7ª edición, de 1982, conta coa colaboración de Abe Kosoff e Walter Breen—.

Recoñecementos

1948: Medalla ao Mérito, American Numismatic Association (ANA)."Past ANA Service Awards Recipients". American Numismatic Asociation (Money.org). 1955: Premio Farran Zerbe Memorial (ANA).

Vida persoal

Judd foi membro da masonaría. Casou o 14 de setembro de 1935 con Elleanore Baxter (1905-1986), con quen tivo unha filla, chamada Katherine.

John Hewitt Judd finou en Omaha, Nebraska, o 23 de decembro de 1986, aos 87 anos, vítima da doenza de Alzheimer, logo de pasar os seus derradeiros oito anos na residencia Ville de Santé, desa cidade. Foi soterrado no cemiterio Forest Lawn Memorial Park, de Omaha.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

GCL (1987). "John Hewitt Judd". En The Numismatist. Outubro de 1953. Páxina 384. Smith, P. (2025). "Judd, J(ohn) Hewitt, M.D.". En American Numismatic Biographies. Páxina 238.

Categoría:Nados en 1899 Categoría:Finados en 1986 Categoría:Nados en Nebraska Categoría:Membros da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos Categoría:Numismáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Médicos dos Estados Unidos de América Categoría:Coleccionistas Categoría:Oftalmólogos Categoría:Alumnos da Universidade de Nebraska-Lincoln Categoría:Profesores da Universidade de Nebraska-Lincoln Categoría:Alumnos da Universidade de Viena Categoría:Personalidades sen imaxes