Mónica Castelo Mejuto, nada en Oleiros o 18 de abril de 1987, é unha ex xogadora de rugby galega que xogaba de segunda liña. Foi 31 veces internacional coa selección española, coa que conquistou seis edicións do Campionato de Europa.
Traxectoria Vencellada ao deporte desde moi nova, antes de dedicarse ao rugby practicou a natación e o remo. Membro do Club Regatas Perillo, foi subcampioa de España na categoría de bateis, ao tempo que traballaba como socorrista na praia de Bastiagueiro. En 2008 iniciouse no rugby e uniuse ao CRAT A Coruña, onde comezou a destacar na máxima categoría do rugby feminino español, chamando a atención dos seleccionadores nacionais.
Ao longo da súa carreira no CRAT A Coruña distinguiuse pola súa fortaleza física e a súa capacidade para anotar, asinando ensaios decisivos na liga española. O seu rendemento abriulle as portas do rugby profesional en Francia, fichando en 2021 polo Stade Rennais Rugby, co que pasou a competir na Élite 1, máxima categoría do rugby francés.
Selección española Debutou coa selección española en 2012, nun partido contra Francia, e axiña se consolidou como unha xogadora clave na segunda liña. Nos seguintes anos participou en numerosos partidos internacionais e conquistou coa selección os Campionatos de Europa de 2016, 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022.
Aínda que en 2022 anunciou a súa retirada da selección nacional despois de gañar o seu sexto Campionato de Europa, dous anos despois recibiu de novo a convocatoria da selección para enfrontarse a Gales nun partido clave de clasificación para a Copa do Mundo de 2025 e para a loita polo ascenso á liga internacional WXV.
Finalmente, tras conseguir a clasificación, foi convocada tamén para a Copa do Mundo de Rugby de 2025, sendo a xogadora máis veterana do equipo. Despois do Mundial, tras caer na fase de grupos, Mónica anunciou a súa retirada internacional da selección.
Notas
Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados en Oleiros Categoría:Xogadores de rugby de Galicia Categoría:Xogadoras do CRAT