Venera 13 (en ; en ) foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 30 de outubro de 1981 mediante un foguete Proton K/D-1 desde o cosmódromo de Baikonur para estudar a atmosfera e a superficie de Venus.

Características Seguindo un deseño similar ás Venera 9 a 12, a Venera 13, igual que a Venera 14, era tan masiva que necesitou ser lanzada mediante un foguete Proton. Venera 13 e 14 foron lanzadas cunha diferenza de cinco días e foron redeseñadas para completar os obxectivos que tiñan que ter cumplido as Venera 11 e 12. Estaban formadas por dous compoñentes: un orbitador (bus) e un módulo de descenso.

O orbitador usaba o bus 4V, baseado no M-71 marciano, aínda que lixeiramente simplificado respecto dos de Venera 11 e 12. Estaba composto por un cilindro de 110 cm de diámetro acollendo os tanques de UDMH e tetróxido de nitróxeno usado polo sistema de propulsión, rodeado por un compartimento cónico con dous paneis solares e unha antena de alta ganancia de 1,6 m de diámetro. No extremo inferior do cilindro atopábase o motor KTDU-425A e na parte superior atopábase a esfera de 2,4 m de diámetro co módulo de descenso no seu interior. Rodeando a base do cilindro atopábase un toro presurizado de 2,35 m de diámetro coa electrónica e algúns instrumentos. Os paneis solares, de 1,25 x 2,10 m cada un, dábanlle á nave unha envergadura de 6,7 m. O control de actitude era levado a cabo polo motor principal direccional, propulsores de gas frío alimentados por nitróxeno, xiroscopios, sensores solares, sensores da estrela Canopus e un sensor terrestre. As comunicacións tiñan lugar mediante a antena de alta ganancia e seis antenas omnidireccionais helicoidais, catro para as comunicacións coa Terra e dúas para a comunicación co módulo de descenso. A antena de alta ganancia usaba lonxitudes de onda decimétricas e centimétricas para transmitir á Terra, mentres que os comandos desde a Terra se enviaban cara as antenas helicoidais. Os datos podían gardarse nunha cinta magnética a bordo cunha capacidade de 16 MB. Dun dos paneis solares estendíase un mastro cun magnetómetro no extremo e o control térmico acadábase mediante o uso de persianas e radiadores.

O módulo de descenso, cunha masa de 1600 kg, iba acaroado á parte superior do orbitador e incluía a esfera protectora para a reentrada atmosférica. O aterrizador en si tiña unha masa de 760 kg (uns 100 kg máis que Venera 9) e estaba formado por unha esfera de titanio de 80 cm de diámetro montada sobre unha serie de puntais sobre unha plataforma de aterraxe toroidal e cun disco tamén de titanio na parte superior a modo de aerofreo, coroado por un cilindro. A esfera iba cuberta con illante térmico e un delgado recubrimento de titanio. O interior tamén iba recuberto de illante térmico, usando nitrato de litio como acumulador térmico para atrasar o quencemento e un ventilador para redistribuir o calor. A parte inferior do módulo estaba circundada por pequenos triángulos co fin de aportar estabilidade aerodinámica, xa que unha das causas do fracaso parcial de Venera 11 e 12 foron as oscilacións e xiros durante o descenso inducidos polo instrumental exposto á atmosfera, causando bruscas aceleracións que puideron danar algúns experimentos. A bordo levaba instrumentos adicionais e baterías de maior capacidade con respecto de Venera 9 e 10, os instrumentos na súa maior parte no exterior do módulo, incluíndo un sistema de imaxe panorámica, un cromatógrafo de gases e espectrómetro de masas máis precisos, varios termómetros, barómetros e anemómetros e un sensor de ondas de radio no rango dos kHz derivado do GROZA das Venera 11 e 12, denominado GROZA-2, usado como detector de descargas eléctricas. Levaba un trade para recoller mostras do solo e analizalo no interior do módulo de descenso.

Instrumentos A cápsula de descenso levaba os seguintes instrumentos a bordo:

Un acelerómetro e analizador de impacto. Termómetros e barómetros. Un espectrómetro e fotómetro direccional. Un fotómetro ultravioleta. Un espectrómetro de masas. Un penetrómetro e resistómetro para o solo. Un indicador redox químico. Dúas cámaras telefotómetro a cor. Un cromatógrafo de gases. Un experimento de radio, micrófono e sismómetro. Un nefelómetro. Un hidrómetro. Un espectrómetro de fluorescencia de raios X para aerosois e outro para o solo. O trade GZU para recoller mostras do solo. Un oscilador estabilizado e experimento Doppler de radio.

O orbitador, pola súa banda, levaba estesinstrumentos:

Un detector de gromos de raios gamma. Detectores de partículas enerxéticas. Detectores de raios cósmicos de alta enerxía. Un magnetómetro. Dous transmisores para experimentos de radio.

Desenvolvemento da misión Venera 13 engalou o 30 de outubro de 1981 a bordo dun foguete Proton K Blok D-1 cara Venus, facendo dúas manobras de corrección de traxectoria, unha o 10 de novembro de 1982 e outra o 21 de febreiro de 1982. O módulo de descenso separouse do bus o 27 de febreiro despois de ser arrefriado a -10 °C e chegou á atmosfera de Venus o 1 de marzo, co paracaídas despregándose aos 63 km de altura e liberándose aos 47 km para caer ata a superficie aerofreando. A sonda tocou terra a 7,5° S e 303° E, xusto ao leste da zona elevada coñecida como Phoebe Regio, mentres o bus sobrevoaba o planeta recollendo os datos do aterrizador durante 127 minutos (a esperanza de vida do aterrizador era de 32 minutos) ata que quedou fora da súa liña de visión. O bus continuou a súa viaxe en órbita heliocéntrica e foi usado para probar manobras de espazo profundo para as futuras misións Vega ao cometa Halley, con acendidos do motor o 10 de xuño e o 14 de outubro de 1982. A nave continuou recollendo datos do espazo interplanetario ata polo menos o 25 de abril de 1983.

Resultados científicos miniatura|Panorámica da superficie de Venus obtida por Venera 13. Venera 13 aterrizou a unha velocidade de 7,5 m/s, rebotando, ao igual que Venera 14. A análise do impacto levou a concluír máis tarde que ambas sondas caeron sobre rocha dura cunha fina capa fráxil na superficie. A temperatura era de 457 °C e a presión de 89 atm. As medicións durante o descenso atoparon unha abundancia de argon-40 (un subproducto do decaemento radioactivo do potasio) dun 25% a terrestre, atribuído a que en Venus non hai tectónica de placas ou é residual, e os elementos radioxénicos volátiles como o argon quedan atrapados baixo a codia en lugar de ser liberados durante a súa renovación, como ocorre na Terra. Na zona de aterraxe a paisaxe obtida polas cámaras estaba formada por un terreo con suaves altibaixos e solo estratificado. Estudos posteriores que incluían análises mediante sondas con radar concluíron que Venera 13 aterrizou en terreo volcánico fracturado formado por suaves serras montañosas, un dos terreos máis típicos e antigos de Venus, con 750 millóns de anos de edade. As imaxes das cámaras tomadas cunha hora de diferenza captaron tamén o movemento do po pousado na sonda durante a aterraxe, mostrando o efecto do vento na superficie. As imaxes aparecen tamén menos difusas por momentos, o que se atribúe ao movemento das nubes, creando rexións do ceo un pouco máis ou menos escuras, aínda que se cree que a capa de nubes é tan densa e a dispersión tan forte que desde a superficie nunca se chega a distinguir o disco do Sol. O micrófono da sonda mediu o son do vento e os diversos sons dos instrumentos da sonda, calculando unha velocidade do vento de 0,5 m/s. O experimento de análise do solo funcionou sen problemas. Os resultados indicaron que no sitio de Venera 13 o solo parecía estar formado por un tipo de basalto similar a un tipo terrestre pouco común (basalto leucítico) rico en potasio.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Proton K/D-1 Programa Venera Venera 1 Venera 2 Venera 3 Venera 4 Venera 5 Venera 6 Venera 7 Venera 8 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 14 Venera 15 Venera 16 Venera-D

Categoría:Programa Venera