miniatura|Libro da Xénese nunha Biblia de 1723. A Biblia (do latín tardío biblĭa, e este do grego βιβλία [biblía]; literalmente ‘libros’) é un conxunto de libros canónicos que no cristianismo e noutras relixións considéranse produto de inspiración divina e un reflexo ou rexistro da relación entre Deus e a humanidade. A Biblia está organizada por dúas partes principais: o Antigo Testamento e o Novo Testamento, que se enfoca en Cristo e o cristianismo primitivo e apreciada noutras relixións abrahámicas como o islam. A Biblia é unha antoloxía (unha recompilación de textos de diversas formas) escrita orixinalmente en hebreo (con algunhas partes en arameo) e grego koiné. Os textos inclúen instrucións, historias, poesía, profecías e outros xéneros. A colección de materiais aceptados como parte da Biblia por unha tradición ou comunidade relixiosa concreta denomínase canon bíblico. Os crentes adoitan considerala un produto da inspiración divina, pero a forma en que entenden o que iso significa e interpretan o texto varía. Etimoloxía A palabra Biblia procede, a través do latín biblĭa, da expresión grega τὰ βιβλία τὰ ἅγια (ta biblía ta hágia; ‘os libros sagrados’), acuñada por primeira vez no deuterocanónico 1 Macabeos 12:9, onde βιβλία é o plural de βιβλίον (biblíon, ‘papiro’ ou ‘rollo’ e, por extensión, ‘libro’). Crese que este nome naceu como diminutivo do nome da cidade de Biblos (Βύβλος, Býblos), importante mercado de papiros da antigüidade.

No entanto, xa que Biblos soamente con dificultade podería ser un préstamo do nome orixinal de devandita cidade en fenicio, Gubla, existe a posibilidade de que fose a cidade a que recibise o seu nome grego a partir do termo que designaba á planta de papiro, e non ao revés.

Devandita expresión foi empregada polos hebreos helenizados (aqueles que habitaban en cidades de fala grega) moito tempo antes do nacemento de Xesús de Nazaret para referirse ao Tanaj ou Antigo Testamento. Na tradución ao grego do Libro de Daniel da Septuaginta (de aprox. 150 a. C.), biblía aparece como tradución do orixinal hebreo sepharim empregado en Daniel 9:2. Moitos anos despois empezou a ser utilizada polos cristiáns para referirse ao conxunto de libros que forman o Antigo Testamento, así como os Evanxeos e as cartas apostólicas (é dicir, o Novo Testamento). Por entón, xa era común utilizar unicamente o primeiro sintagma, τὰ βιβλία, a maneira de título.

Xa como título, empezouse a utilizar en latín Biblia Sacra (‘os libros sacros’), sen artigo, pois este non existía en latín. Con todo, ao ser Biblia un cultismo en latín, acabou pasando de considerarse un neutro plural a un feminino singular («a Sacra Biblia»), entendendo xa Biblia como o nome propio de todo o conxunto. A través do latín derivouse á gran maioría das linguas modernas.

O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Historia e relevancia A Biblia aprobada pola Igrexa católica contén 73 libros, isto é, 7 libros a máis que as Biblias non católicas. Eses son os ditos libros Deuterocanónicos, que, segundo unha perspectiva non católica, se chaman apócrifos. Os libros deuterocanónicos son os seguintes: Tobías, Xudit, I Macabeos, II Macabeos, Sabedoría, Eclesiástico (ou Sirácida) e Baruc. Posúe, ademais, adicións nos libros de Ester e Daniel.

Os cristiáns consideran que estes homes escribiron a Biblia inspirados por Deus e por iso consideran que a Biblia é a Escritura Sagrada. Porén, non todos os cristiáns consideran que a Biblia debe ser interpretada de forma literal, e moitos consideran que moitos dos textos da Biblia son textos metafóricos ou que son textos datados que tiñan sentido no tempo en que foron escritos, e que debe ser tido en conta o seu contexto para poder interpretalos correctamente.

Os cristiáns consideran que a Biblia é a Palabra de Deus, polo tanto ela é máis que só un libro, é a vontade de Deus escrita para a humanidade. Para eses cristiáns nela, e apenas nela, atópanse as respostas para os problemas da humanidade.

Á marxe das crenzas, a Biblia é un libro de gran relevancia tanto histórica como literariamente, pois nel figuran, dunha ou outra maneira, as formas de vida e o designios culturais de diversos pobos. É, por outra banda, un dos libros máis lidos, investigados e publicados en toda historia da humanidade, boa parte das linguas e dialectos existentes xa foron alcanzados polas súas traducións. miniatura|Páxina do prólogo da Biblia de Delft (1477), primeira editada en neerlandés

As linguas bíblicas Foron utilizadas tres linguas diferentes na escrita dos diversos libros da Biblia: o hebreo, o grego e o aramaico. En hebraico foi escrito todo o Antigo Testamento, con excepción dos libros chamados deuterocanónicos que se escribiron en grego, e dalgúns capítulos do libro de Daniel, que foron redactados en aramaico. En grego, alén dos xa referidos libros deuterocanónicos do Antigo Testamento, foi escrito todo o Novo Testamento, agás unhas poucas expresións en arameo que atopamos nos evanxeos.

Debido ao seu longo proceso de elaboración, que abrangue un período duns 800 anos, o hebraico utilizado na Biblia non é todo igual. Atopamos nalgúns libros o hebraico clásico (Ex. libros de Samuel e Reis), noutros un hebraico máis rudimentario e noutros aínda, especialmente os últimos en seren escritos, un hebraico elaborado, con termos novos e influencia doutras linguas veciñas.

Pola contra, o grego do Novo Testamento que foi escrito nun período duns 70 anos, a pesar das diferenzas de estilo entre os libros, corresponde ao chamado grego Koiné, isto é, o grego común falado entón máis ou menos en todo o oriente do Imperio Romano.

As versións da Biblia A pesar da antigüidade dos libros bíblicos, os manuscritos existentes máis antigos datan a maior parte dos séculos III-IV. Tales manuscritos son o resultado do traballo de copistas que, durante séculos, foron facendo copias dos textos, de modo que fosen transmitidos ás xeracións seguintes. Transmitido por un traballo desta natureza o texto bíblico, como é obvio, está suxeito a erros e modificacións, involuntarios ou voluntarios, dos copistas, o que se traduce na coexistencia, para un mesmo treito bíblico, de varias versións que, aínda que non afecten grandemente o contido, suscitan diversas lecturas e interpretacións dun mesmo texto.

A gran fonte hebraica para o Antigo Testamento é o chamado Texto Masorético. Trátase do texto hebraico fixado ao longo dos séculos por escolas de copistas, chamados Masoretas, que tiñan como particularidade un escrúpulo rigoroso na fidelidade da copia ao orixinal. O traballo dos masoretas, de copia e tamén de vocalización do texto hebraico (que non ten vogais, e que, por ese motivo, ao tornarse lingua morta, necesitou de as indicar por medio de sinais), prolongouse ata o séc. VIII d.C. Pola gran seriedade deste traballo, e por ter sido feito ao longo de séculos, o Texto Masorético (abreviatura: TM) é considerado a fonte máis autorizada para o texto hebraico bíblico orixinal.

No entanto, outras versións do Antigo Testamento teñen importancia, e permiten suplir as deficiencias do testo Masorético. É o caso do Pentateuco Samaritano (os samaritanos son unha comunidade étnica e relixiosa separada dos xudeus, que tiñan culto e templo propios, e que só aceptan como libros sagrados os do Pentateuco), e principalmente a chamada versión dos Setenta.

A Biblia dos Setenta, ou Septuaginta (abreviatura: LXX), designa a tradución grega do Antigo Testamento, elaborada entre os séculos IV e II a.C., probabelmente no Exipto. O seu nome débese á lenda que refería ser esa tradución un resultado milagroso do traballo de 70 sabios. A versión dos LXX é a máis antiga versión do Antigo Testamento que coñecemos. A súa grande importancia provén tamén do feito de ser esa a versión da Biblia utilizada entre os cristiáns, desde o inicio, e a que é citada en gran parte do Novo Testamento.

Da versión dos LXX fan parte, alén dos libros da Biblia Hebraica, os deuterocanónicos (aceptados pola Igrexa Católica, mais non por xudeus nin protestantes), e algúns apócrifos (non aceptados como sagrados por ningunha destas relixións ou Igrexas).

O Novo Testamento, escrito en grego, atópase en moitos manuscritos, que presentan moitas variantes. Á diferenza do Antigo Testamento, non hai para o Novo Testamento unha versión á que se poida chamar, por así dicir, normativa. Hai con todo algúns manuscritos máis importantes, polas súa antigüidade ou credibilidade, e que son o alicerce da Crítica Textual.

Outra versión con importancia é a chamada Vulgata, ou sexa, a tradución latina de San Xerome, elaborada no séc. IV-V, e que foi utilizada durante moitos séculos polas Igrexas Cristiás do occidente.

Edición en galego

Tralo Concilio Vaticano II comezou a formularse a posibilidade de traducir a Biblia en lingua galega, e en 1973 o consello de administración da SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, creada en 1966) decidiu levar a cabo o proxecto. Creouse un grupo de traballo coordinado por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do que formaban parte Martín María Díaz, Xesús Ferro Ruibal, Anxo González Núñez, Emilio Losada Castiñeiras, Xosé Antón Miguélez Díaz, Francisco Pérez Santalices, Manuel Regal Ledo, Xosé Rodríguez Carballo, Xoán Carlos Rodríguez Herranz, Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Xosé Antonio Salgado Agromartín. En 1980 saíu a tradución do Novo Testamento, e a edición completa da Biblia en galego apareceu en 1989, tomada directamente do hebreo, arameo e o grego. En 1990 acadou o Premio Nacional de Tradución de España.

No ano 2022 presentouse a cuarta edición da Biblia en galego e en 2025 inaugurouse a web abiblia.gal co contido da Biblia editada por SEPT.

Libros da Biblia A Biblia é un conxunto de escritos antigos. Foi composta ao longo dun período de preto de 1500 anos. No entanto, entre os exexetas cristiáns hai bastante consenso verbo da autoría e datación das obras, aínda que tamén hai diverxencias notábeis.

Os primeiros escritos do Antigo Testamento serían de arredor do ano -950, aínda que farían tamén referencia a feitos anteriores e os últimos libros serían entre os anos -100 ou 1. No caso do Novo Testamento, o período de tempo foi moito máis breve, pois a primeira obra, I Tesalonicenses, é de arredor do ano 40 e as derradeiras, II Carta de Pedro e Apocalipse, entre os anos 100 e 110.

O canon foi fixado ben posteriormente, no caso do canon católico fixouse no Concilio de Trento en 1512, aínda que existen teorías controvertidas, e a división en capítulos e versículos que coñecemos hoxe debeu xurdir en 1550 ou 1600 d.C. como medio para facilitar o estudo e a citación.

Antigo Testamento

Pentateuco Os cinco primeiros libros da Biblia, que os xudeus chaman a Tora (Lei).

Xénese - Éxodo - Levítico - Números - Deuteronomio.

Libros Históricos Repasan a historia de Israel desde a chegada á terra prometida ata pouco antes do nacemento de Cristo.

Xosué - Xuíces - Rut - I Samuel - II Samuel - I Reis - II Reis - I Crónicas - II Crónicas - Esdras - Nehemías - Tobías - XuditAceptado polos católicos e ortodoxos mais non polos xudeus e protestantes - Ester.

Libros Poéticos e Sapienciais Oracións e reflexións dos "sabios de Israel", mestres da Lei.

Xob - Salmos - Proverbios - Eclesiastés - Cantar dos Cantares - Sabedoría - Eclesiástico.

Libros Proféticos Recollen a mensaxe dos profetas, que desenvolveron a súa misión nos tempos das monarquías de Israel e Xudá.

Isaías - Xeremías - Lamentacións - Ezequiel - Daniel - Oseas - Xoel - Amós - Abdías - Xonás - Miqueas - Nahum - Habacuc - Sofonías - Axeo - Zacarías - Malaquías.

Novo Testamento

Escritos que, aínda que seguen a tradición veterotestamentaria, nacen arredor da figura e a mensaxe de Xesús de Nazaret.

Evanxeos e Feitos Vida e mensaxe de Xesús e da primeira igrexa.

Evanxeos sinópticos: Mateu - Marcos - Lucas