Cynthia Alexandria Pratt, nada en Nova Providencia o 5 de novembro de 1945, é un política bahameña que exerce como 12ª gobernadora xeral das Bahamas desde 2023.

Traxectoria Cynthia Pratt naceu o 5 de novembro de 1945, sendo filla de Herman e Rose Moxey. Estudou enfermaría na escola do Hospital Princess Margaret e graduouse en 1963, pasando os seguintes 14 anos traballando alí. En 1978 foi trasladada á escola secundaria CC Sweeting, onde ensinou Educación Física, antes de marchar para estudar no estranxeiro en 1980.

Durante os seus estudos no St. Augustine's College en Raleigh, Carolina do Norte, exerceu como adestradora do equipo de softbol. Obtivo unha licenciatura en Ciencias da Saúde e a Educación cunha especialización en Socioloxía. En 1993, o St. Augustine's College outorgoulle un doutoramento honoris causa en Letras Humanas.

Cynthia Pratt levou o equipo nacional feminino de softbol das Bahamas a gañar unha medalla de bronce nos Xogos Mundiais de 1981 en Santa Clara, California. Foi durante estes xogos que lle deron o alcume de Mother ("Nai"), que aínda conserva. Tamén foi membro das seleccións nacionais de baloncesto e netball.

Despois da súa graduación, volveu á docencia no instituto CC Sweeting e máis tarde pasou á educación terciaria converténdose en profesora a tempo parcial e subdirectora de actividades estudantís no Colexio das Bahamas.

Carreira política Despois de xubilarse do Colexio das Bahamas, entrou en política e converteuse en membro do Parlamento das Bahamas en 1997, representando a circunscrición de Santa Cecilia, posto que ocupou durante 15 anos.

En 2002, tras a vitoria do Partido Liberal Progresista nas eleccións nacionais, Pratt converteuse na primeira viceprimeira ministra das Bahamas, cargo que desempeñou ata 2007. Exerceu como primeira ministra en funcións en 2005 cando o primeiro ministro Perry Christie sufriu un derramo cerebral.

Tamén foi a primeira muller en exercer como ministra de Seguridade Nacional, carteira que ocupou de 2002 a 2007.

Gobernadora xeral Exerceu como segunda do gobernador xeral das Bahamas en varias ocasións.

En agosto de 2023, o primeiro ministro Philip Davis anunciou que lle recomendara ao rei Carlos III que Pratt fose nomeada a próxima gobernadora xeral das Bahamas. O 1 de setembro de 2023, Pratt xurou o cargo como 12ª gobernadora xeral das Bahamas durante unha cerimonia na Casa de Goberno

Notas

Categoría:Nados nas Bahamas Categoría:Nados en 1945 Categoría:Gobernadores Xerais das Bahamas Categoría:Profesores Categoría:Enfermeiros