José María González González, coñecido como Pucha, nado en Amoeiro o 6 de agosto de 1884 e finado no mesmo concello o 25 de marzo de 1970, foi un carpinteiro e político galego.
Traxectoria Aprendeu o oficio de carpinteiro e emigrou a Cuba. Retornou aos Casares en decembro de 1927. Foi elixido concelleiro de Amoeiro en 1931. Militante da UGT de Parada, como consecuencia da folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido o 10 novembro xunto con José González Sánchez, Agustín Rivera Suárez, Francisco Seco Lerumbe, Benigno González Caride, Manuel Crespo Crespo, David Dopazo Caride, S. Vázquez Rodríguez, Francisco Dopazo Rodríguez, Alfonso Pérez Nóvoa, Jesús Caride Dopazo e Higinio Dopazo Caride, acusados de insurrección.El Pueblo Gallego, 15-11-1934, p. 9. Logo da renuncia do alcalde Manuel Vázquez González, foi elixido alcalde o 19 de xaneiro de 1936. O 24 de febreiro cesou como alcalde pola reposición de Castor Sánchez Martínez.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu con Castor Sánchez ata o 21 de agosto, e logo retornou a Amoeiro para agocharse. Despois logrou fuxir a Portugal por Cartelle, pero foi detido pola policía portuguesa e entregado aos sublevados en Tui. Ingresou na Prisión Provincial de Ourense o 7 de decembro de 1937. Foi xulgado en Ourense por adhesión á rebelión o 25 de febreiro de 1938 na causa 1536/37 e condenado a pena de morte, sendo conmutada por cadea perpetua. Cumpriu condena na Prisión de Ourense de onde saíu en liberdade condicional o 12 de xuño de 1943.BOE, 24-7-1943, p. 7146.
Vida persoal
Casou con Perpetua Conde e foi pai de Aurora Fernández González.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Persoeiros da Corporación de Amoeiro na II República: “Pucha” Expediente persoal do recluso José María González González Ficha en Memoria da Coruña
Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Alcaldes de Amoeiro Categoría:Alcaldes de Galicia durante a II República Categoría:Represaliados polo franquismo
Categoría:Nados en Amoeiro
Categoría:Nados en 1884 Categoría:Finados en 1970