En España denomínase entidade singular de poboación, desde o punto de vista estatístico, a «calquera área habitable dun termo municipal, habitada ou, excepcionalmente, deshabitada, claramente diferenciada no seu interior e coñecida por unha denominación específica que a identifica sen posibilidade de confusión», segundo a definición do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Entidades de poboación e Nomenclátor O Nomenclátor publicado polo INE distingue, dentro de cada termo municipal, diversas entidades de poboación, ás que lles corresponde un ámbito territorial delimitado:

Entidade colectiva de poboación: agrupación de dúas ou máis entidades singulares de poboación. Entidade singular de poboación: calquera área habitable dun termo municipal, habitada ou, excepcionalmente, deshabitada, claramente diferenciada no seu interior e coñecida por unha denominación específica que a identifica sen posibilidade de confusión. Núcleo de poboación: conxunto de, cando menos, dez edificacións que forman rúas, prazas e outras vías urbanas. Por excepción, o número de edificacións poderá ser inferior a 10, sempre que a poboación que habita nelas supere os 50 habitantes. Inclúense no núcleo aquelas edificacións que, estando illadas, disten menos de 200 metros dos límites exteriores do conxunto. Para o cálculo desa distancia exclúense os terreos ocupados por instalacións industriais ou comerciais, parques, xardíns, zonas deportivas, cemiterios, aparcadoiros e outros, así como canles ou ríos que poidan ser cruzados por pontes. Diseminados: edificacións —habitadas ou non— que non cumpren as condicións establecidas para constituír un núcleo de poboación.

As entidades singulares de poboación poden estar constituídas por varios núcleos de poboación, ademais de por diseminados. No caso de non existir ningún núcleo de poboación no interior da entidade singular, esta queda formada polos diseminados existentes no seu territorio.

Cada entidade singular de poboación posúe unha categoría, entendida como a cualificación outorgada ou tradicionalmente recoñecida (por exemplo, cidade, vila, lugar ou aldea). Na súa ausencia, emprégase a que responde á orixe e ás características do asentamento (por exemplo, casarío, poboado, barrio, mosteiro, centro turístico, zona residencial, urbanización e outras).

De modo análogo, a un núcleo de poboación correspóndelle unha das seguintes categorías: cidade, vila, lugar, aldea, poboado, barrio, zona residencial ou urbanización.

Algunhas entidades colectivas de poboación reciben, de acordo coa lexislación propia de cada comunidade autónoma, a consideración de entidade de ámbito territorial inferior ao municipio prevista na normativa de réxime local.Art. 24 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Segundo a normativa autonómica, poden recibir denominacións propias —como parroquias, concejos ou pedanías— e outras análogas. En Álava e en Navarra,Art. 37 da Lei foral 6/1990, do 2 de xullo, da Administración Local de Navarra. estas entidades reciben o nome de concejos e, conforme a lexislación correspondente, teñen personalidade xurídica.

No ámbito da investigación xeográfica, o emprego das entidades de poboación resulta particularmente útil en municipios de escasa poboación cuxo termo municipal queda englobado nunha única sección censual; nese contexto, o uso do Nomenclátor e a súa distribución espacial en entidades constitúe unha vía para aproximarse á distribución intramunicipal da poboación en municipios con volumes moi reducidos.

Código INE de entidades e núcleos de poboación As entidades e os núcleos de poboación están codificados polo Instituto Nacional de Estatística desde 1981. O código componse de 11 díxitos:

os dous primeiros, para a provincia; o terceiro, cuarto e quinto, para o municipio dentro da provincia; o sexto e sétimo, para a entidade colectiva dentro do municipio (se existe); en caso contrario emprégase «00»; o oitavo e noveno, para a entidade singular dentro da colectiva ou do municipio (se non existe entidade colectiva); e os dous últimos, para os núcleos de poboación dentro da entidade singular, utilizando «99» para o diseminado.

Por exemplo, o código 33016022002 refírese a:

Código Entidade Tipo de entidade Código completo 33 Asturias provincia 33 016 Concejo de Castrillón municipio 33 016 000000 02 Parroquia de Laspra entidade colectiva de poboación 33 016 020000 20 Arnao entidade singular de poboación 33 016 022000 02 A Mina núcleo de poboación 33 016 022002

Os códigos restablecéronse en 1991 seguindo a orde alfabética dos núcleos de poboación dentro de cada entidade singular. Ás entidades de nova creación asígnaselles un código correlativo ao último existente e non se reutilizan os das que desaparecen. Os concellos deben revisar, cando menos unha vez ao ano, a relación de entidades e núcleos de poboación e remitila ao Instituto Nacional de Estatística, que a publica con periodicidade anual.

Esta relación serve de base para a elaboración do padrón municipal de habitantes.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Nomenclátor Núcleo de poboación Entidade local menor Diseminado

Bibliografía

Categoría:Demografía de España