En anatomía, o termo sistema reticuloendotelial (SRE), que hoxe en día adoita estar asociado co termo sistema fagocítico mononuclear (SFM), empregábase ao principio do século XX e posteriormente para indicar o conxunto de células especializadas que podían eliminar as tinturas vitais coloidais (que tinguen células vivas) da circulación sanguínea. O termo aínda se utiliza hoxe, pero o seu significado foi cambiando co paso dos anos, e actualmente utilízase na literatura de maneira algo inconsistente. Aínda que SRE é comunmente asociado exclusivamente cos macrófagos, investigacións recentes revelaron que as células nas que se acumulan as tinturas vitais administradas por vía intravenosa pertencen a un grupo moi especialiado de células chamado células endoteliais limpadoras (scavenger endothelial cells, SECs), que non son macrófagos.

Historia Na década de 1920, o creador do termo SRE, Ludwig Aschoff, revisou o campo das tinturas vitais e concluíu que as células que tapizaban os sinusoides hepáticos son con diferenza as células máis numerosas e importantes que acumulaban as tinturas vitais administradas por vía intravenosa en mamíferos e outros vertebrados. As células que tapizan os seos linfáticos, e os capilares das glándulas adrenais e pituitaria e da medula ósea tamén acumulaban tinturas vitais, se ben en menores proporcións. Baseándose nas observacións de Aschoff na súa revisión concluíuse que estes eran os órganos que albergaban as células do SRE, no sentido estrito do termo. Na época en que lanzou a noción de SRE, a comprensión dos conceptos como o de endotelio, macrófago e fagocitose era inmatura comparada co que se coñece hoxe, e durante os cen anos seguintes houbo considerables cambios na maneira en como se entenden eses termos hoxe.

Confusión entre o SRE e o SMF Durante os anos que seguiron á creación co concepto de SRE por Aschoff, a investigación sobre os macrófagos e o seu papel como fagocitos aumentaba constantemente, e na década de 1960 propúxose o concepto do sistema fagocítico mononuclear (SFM) para indicar todas as células identificadas como macrófagos. As células do SFM, debido ao seu papel funcional común como fagocitos profesionais, eliminan da circulación materias particuladas como bacterias, células de fungos, virus e células mortas. Como a limpeza do sangue é tamén unha función característica das células do SRE, suxeriuse ao final da década de 1960 que o SRE é idéntico ao SMF, e propúxose que o termo SRE fose substituído por SMF.

Durante a década de 1980 e 1990 algúns laboratorios decatáronse de que unhas células endoteliais especializadas (chamadas células endoteliais limpadoras ou scavenger endothelial cell), pero non os macrófagos, eran as responsables da ávida eliminación de macromoléculas e nanopartículas da circulación sanguínea. Isto motivou unha reavaliación da noción ben establecida e que SRE = SMF. En 1998 leváronse a cabo experimentos para repetir os estudos de Aschoff, seguindo exactamente a descrición dos métodos orixinais, e usando formas modernas de identificar as células que se encargaban da retirada do carmín de litio coloidal inxectado intravascularmente, que é a tintura vital máis comnmente usada. Os estudos mostraron que o sistema de células que Aschoff describira como SRE no fígado eran células endoteliais sinusoidais do fígado, pero non os macrófagos hepáticos (células de Kupffer).

Na maioría dos libros de texto e artigos actuais o termo SRE úsase como sinónimo de SMF. Isto é especialmente desafortunado cando se discute, por exemplo, a limpeza de nanoformulacións. Ser reticente a incluír as células endoteliais sinusoidais do fígado altamente activas cando se discute a limpeza do sangue pode levar a fracasar á hora de comprender os mecanismos de limpeza de varias substancias da circulación.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Sistema fagocítico mononuclear

Categoría:Fígado Categoría:Células humanas