O pronome de preferencia ou pronome de xénero preferido é un conxunto de pronomes persoais que unha persoa prefire que se usen para dirixirse e ela e reflectir a súa identidade de xénero. Nos xéneros binarios, os pronomes "el" úsanse para os homes e "ela" para as mulleres. Non obstante, propuxéronse pronomes neutros para persoas de xénero non binario, que non se senten cómodas cos pronomes tradicionais. O galego non ten unha versión consolidada, aínda que se suxeriu o pronome "elu", do mesmo xeito que en portugués. Tamén se usan as formas "eli" e "ele".

Razoamento e uso Os pronomes de preferencia son empregados como unha forma de promover a equidade e a inclusión para as persoas trans e de xénero fluído. Xorde da revisión e crítica do binarismo de xénero e a dicotomía dos pronomes "el"/"ela" que en linguas como o inglés e o galego non deixan espazo para outras identidades de xénero e que, por este motivo, pode ser unha fonte de incomodidade ou frustración para as comunidades trans e cuir.

Non existe a día de hoxe unha proposta estandarizada en galego. Carla Míguez Bóveda, no seu artigo "A linguaxe non binaria: unha proposta a partir da tradución", fai unha proposta de linguaxe non binaria. Indica que as formas “ele/eles” teñen o inconveniente de que a forma en plural "eles" é igual ao masculino. Tamén recolle a posibilidade de “elis”. En portugués tamén se empregan as formas “elu(s)” e “ilu(s)” para o neutro. Nee Barros, decántase polo uso de “elu” e o seu plural “elus”, “común para o galego normativo e a norma reintegrada”. As fórmulas rematadas en "@" ou "x", comúns no seu momento para substituír o masculino xenérico, presentan problemas máis alá da súa pronuncia, xa que moitos programas de lectura de pantalla para persoas con diversidade funcional sensorial non recoñecen estes signos.

Notas

Categoría:Clase de palabra Categoría:LGBTIQ+