Luís García Arias, nado en Chantada o 24 de abril de 1921 e finado en Madrid o 18 de xaneiro de 1973, foi un catedrático e xurídico español que innovou os procedementos universitarios e relacións militares en España desde a súa especialidade en dereito internacional público.

Foi un xurista moi escoitado por Franco.

Traxectoria

Carreira académica García Arias estudou o bacharelato na Coruña,comezou os seus estudos de dereito na Universidade de Zaragoza e nesta mesma universidade foi catedrático de Dereito internacional público desde 1950. Iniciou os estudos de dereito en Zaragoza en plena Guerra civil española, na que participou como oficial. Participou na batalla do Ebro como alférez provisional e foi ferido en 1938.

Despois da guerra, completou a súa licenciatura na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente, continuou a súa especialización en dereito internacional e doutorouse na Universidade de Madrid cunha tese sobre a “Historia del principio de libertad de los mares”. A súa investigación académica dedicouna a temas militares e confrontacións internacionais.

Na Universidade de Zaragoza promoveu e dirixiu a cátedra Xeneral Palafox desde a que promoveu novas estratexias culturais de relacións entre o exército e a universidade. En 1955, organizou e programou catro cursos para esta cátedra: a guerra moderna, historia da guerra, defensa nacional e xeopolítica e xeoestratexia. Desenvolveu labores docentes na Facultade de Ciencias Políticas e Económicas e na Facultade de Dereito, sendo catedrático de Dereito Internacional Público e Privado da Universidade de Zaragoza desde 1950 e catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade Complutense de Madrid desde 1968. Nesta mesma universidade foi decano da Facultade de Dereito.

Outras actividades En 1958 organizou xunto a Antón Fraguas e Legaz Lacambra o I Curso Universitario de Primavera de Lugo, no que García Arias interveu co relatorio de título, A bomba atómica e o futuro do home.

En 1971, obtivo o recoñecemento internacional ao ser nomeado asociado do Instituto de Dereito Internacional. O ano seguinte, ingresou na Academia de Xurisprudencia e Lexislación cun discurso titulado Balance e perspectivas do Tribunal Internacional de Xustiza no que expuxo algunhas das súas investigacións sobre o Tribunal Internacional de Xustiza da Haia.

Fundou o Instituto Hispano-Luso-Americano de dereito internacional, promovendo estudos sobre dereito da guerra e organizacións internacionais, e foi o seu director. Tamén dirixiu a Revista Española de Dereito Internacional. Escribiu numerosas publicacións académicas, artigos de investigación e libros. Foi membro asociado do Institut de Droit International de Xenebra.

Faleceu en xaneiro de 1973. Un dos seus seguidores, o catedrático Adolfo Miaja da Muela, dedicoulle unha carta na súa memoria.

Obras seleccionadas

Historia del principio de la libertad de los mares (1946). Santiago de Compostela: EUC. Historia de la doctrina hispánica de derecho internacional (1949). Madrid. La Política de “Coexistencia Pacífica” de la Unión Soviética (1960). Zaragoza: Seminario de Estudios Internacionales “Jordán de Asso”. La política Internacional en torno a la Guerra de España (1936) (1961). Universidade de Zaragoza. La guerra moderna y la organización internacional (1962). Madrid: Instituto de Estudios Políticos. La ONU nuevo campo de lucha política internacional (1963). Madrid, Instituto de Estudios Políticos. Estudios de historia y doctrina del derecho internacional (1964). Madrid. Las diferencias entre la Unión Soviética y la China comunista (1964). Zaragoza: Seminario de Estudios Internacionales Jordán de Asso. Corpus Iuris Gentium,(1968). Zaragoza: Octavio y Ferez. Balance y perspectivas del tribunal Internacional de justicia (1972). Madrid: Real Academia de Jurisprudencia y Legislación.

Recoñecementos

1954: Secretario xeral da universidade de Zaragoza. 1955: Director da cátedra Xeneral Palafox na universidade de Zaragoza 1966: Cruz de Mérito Naval de terceira clase, con distintivo branco. 1966: Ingresou na Orde Civil de Alfonso X o Sabio, coa categoría de Encomenda con placa. 1966: Gran Cruz da Orde do Mérito Militar, con distintivo branco. 1966: Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort. 1970: Membro de número da Real Academia de Jurisprudencia y Legislación. Tomou posesión o 25 de xaneiro de 1972 co discurso sobre Balance y perspectivas del Tribunal Internacional de Justicia. 1971: asociado do Institut de droit international. Premios de dereito internacional Luís García Arias. O Concello de Chantada deulle o seu nome a unha praza que foi remodelada en 2025.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Finados en 1973 Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados en Chantada Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de Zaragoza Categoría:Profesores da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Xuristas de España