Lubomír Doležel, nado en Lesnice o 3 de outubro de 1922 e finado en Verona o 28 de xaneiro de 2017, foi un teórico da literatura de orixe checa e un dos fundadores da chamada teoría dos mundos posibles.

Traxectoria Doležel naceu en 1922 na localidade de Lesnice, na antiga Checoslovaquia. Estudou na Universidade Carolina de Praga, onde obtivo o seu doutoramento en Filoloxía Eslava polo Instituto da Lingua Checa, pertencente á Academia Checoslovaca das Ciencias. Moitos dos seus profesores eran representantes do chamado Círculo de Praga, recoñecido a nivel internacional polas súas achegas ao estruturalismo e á semiótica no período de entreguerras. A influencia desta escola é evidente na súa tese, O stylu moderní české prózy (en ), publicada en 1960, así como nos seus traballos posteriores. Na década de 1960, Doležel foi investigador asociado do Instituto da Lingua Checa e, posteriormente, profesor na Facultade de Filosofía da Universidade Carolina. Os seus intereses principais eran a aplicación das matemáticas (en especial, a estatística), a teoría da información e a cibernética ao estudo da linguaxe e da literatura. Fundou e coeditou a serie de publicacións Prague Studies in Mathematical Linguistics.

En 1965 Doležel foi invitado como docente á Universidade de Míchigan, en Ann Arbor, onde permaneceu até 1968. Durante esta etapa, foi coeditor, con Richard W. Bailey, dunha colección de estudos titulada Statistics and Style. Tras o seu regreso a Praga, foi nomeado investigador do Instituto de Literatura Checa da Academia Checoslovaca das Ciencias. Porén, en outono de 1968 abandonou o país a causa da invasión soviética. Foi invitado como docente polo Departamento de Linguas e Literaturas Eslavas da Universidade de Toronto, axudando a establecer unha área de estudos sobre a lingua e a literatura checas. En 1982 comezou a traballar tamén para o Centro de Literatura Comparada. O seu principal interese era a teoría da literatura, en especial a narratoloxía. As súas ideas estaban moi influenciadas pola filosofía analítica, sobre todo a noción de "mundos posibles". Con motivo da súa xubilación en 1988, o Centro organizou unha conferencia internacional sobre o tema "Ficcións e mundos".

Doležel presentou as súas investigacións en moitas conferencias internacionais e en universidades de Norteamérica e Europa. Foi profesor invitado das universidades de Ámsterdam, Múnic e Carolina, entre outras. Publicou moitos artigos sobre a historia da poética, a narratoloxía e a semántica da ficción, así como varios libros sobre os mesmos temas.

Finou en Verona o 28 de xaneiro de 2017.

Publicacións

1960: O stylu moderní české prózy (en ) 1973: Narrative Modes in Czech Literature (en ) 1990: Occidental Poetics: Tradition and Progress (en ) 1997: Heterocosmica: Fiction and Possible Worlds (en ) 2010: Possible Worlds of Fiction and History: The Postmodern Stage (en )

Notas

Categoría:Profesores da Universidade de Míchigan Categoría:Alumnos da Universidade Carolina de Praga Categoría:Finados en 2017 Categoría:Nados en 1922