Benjamín de Arriba Castro, nado na Ferrería (Penamaior, Becerreá) o 8 de abril de 1886 e finado en Barcelona o 8 de marzo de 1973, foi un relixioso galego, cardeal da Igrexa católica. Ocupou os cargos de bispo de Mondoñedo (1935-1944), Oviedo (1944-1949) e arcebispo de Tarragona (1949-1970). Traxectoria Fillo de Antonio de Arriba e Pilar de Castro, cando tiña nove anos a familia foi vivir a Madrid. Iniciou estudos de Letras clásicas, Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario Conciliar de Madrid, e seguiu en Roma entre 1908 e 1913. Na época en Roma residiu como colexial no Pontificio Colexio Español e estudou en diversos centros académicos. Doutorouse en Filosofía na Pontificia Academia de San Tomé de Aquino e en Sagrada Teoloxía na Pontificia Universidade Gregoriana. Ademais, estudou un curso de Sagrada Escritura no Pontificio Instituto Bíblico. O 14 de xullo de 1912 foi ordenado sacerdote en Roma polo cardeal Rafael Merry del Val, secretario de Estado da Santa Sé.

En 1913 regresou a Madrid e foi nomeado profesor no Seminario Conciliar de Madrid, cargo que exerceu até 1921. Impartiu as materias de Metodoloxía e crítica histórica, Grego, Hebreo e Teoloxía fundamental. Nestes anos, ademais de desenvolver a actividade docente, licenciouse en dereito canónico na Universidade Pontificia de Toledo.

En 1921 obtivo por oposición unha praza de cóengo na catedral de Madrid e foille encomendada a secretaría de Cámara e Goberno da arquidiocese de Madrid, función que desenvolveu até 1930, cando foi nomeado provisor e tenente vicario xeral da arquidiocese.

O 1 de maio de 1935 foi preconizado para bispo de Mondoñedo, e o papa Pío XI proclamouno bispo o 16 de xuño dese ano. Tras o golpe de Estado de 1936 adheriuse ao bando sublevado e asinou a Carta colectiva dos bispos españois con motivo da guerra en España, redactada polo arcebispo de Toledo Isidro Gomá.

O 8 de agosto de 1944 foi preconizado para bispo de Oviedo, e tomou posesión o 29 de outubro. O 22 de xaneiro de 1949 foi preconizado para arcebispo de Tarragona, e tomou posesión da sé o 1 de xullo dese ano. O 12 de xaneiro de 1953 foi nomeado cardeal, e o 29 de outubro o papa Pío XII impúxolle o capelo de cardeal no palacio de Castelgandolfo. En 1970 dimitiu do cargo de arcebispo de Tarragona e pasou a ser bispo emérito.

Faleceu en Barcelona o 8 de marzo de 1973. Foi soterrado na igrexa parroquial de San Pablo de Tarragona.

Distincións

Cruz de Mérito Naval, con distintivo branco Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort Gran Cruz da Real e Moi Distinguida Orde de Carlos III Gran Cruz do Mérito Militar, con distintivo branco Medalla de Ouro da Mocidade Medalla de Ouro de Tarragona Medalla de Duarte da República Dominicana

Foi nomeado fillo predilecto da provincia de Lugo e fillo adoptivo de Alforja, Montblanc, Riudoms, Ferrol e Cardedeu.

Obras Jesucristo, supremo educador. Crítica de algunos principios y procedimientos de la educación contemporánea (Madrid, 1918) Catecismo de Acción Católica (Xixón, 1946) El deber de los católicos en la hora presente (Tarragona, 1950)

Notas

Categoría:Nados en Becerreá Categoría:Cardeais de España Categoría:Bispos da diocese de Oviedo Categoría:Bispos da diocese de Mondoñedo Categoría:Bispos de Galicia Categoría:Cardeais creados por Pío XII