Lorna Gladys Wing (de nacemento Tolchard), nada en Gillingham (Kent, Inglaterra) o 7 de outubro de 1928 e finada en Bessels Green (Kent) o 6 de xuño de 2014, foi unha psiquiatra británica que destacou pola súa investigación sobre o autismo. Cuñou a expresión «síndrome de Asperger» e colaborou na fundación da National Autistic Society. 

Traxectoria Lorna Gladys Tolchard foi filla de Bernard Newberry Tolchard, enxeñeiro da Royal Navy, e de Gladys Ethel (de nacemento Whittell). Despois de graduarse na Chatham Grammar School for Girls, Lorna comezou a estudar medicina no University College Hospital en 1949. Tras graduarse como psiquiatra, o seu primeiro posto foi no Institute of Psychiatry (adscrito ao Maudsley Hospital) de Londres.

Desde 1959 centrouse nos trastornos do desenvolvemento infantil. Daquela pensábase que o autismo afectaba a 1 de cada 2.000-2.500 nenos. A súa prevalencia na década de 2010 estimábase en 1 de cada 100 aproximadamente, de acordo con Wing e os seus seguidores. O seu labor de investigación, coa súa colaboradora Judith Gould en particular, agora baséase na reflexión no eido do autismo. Crearon o Camberwell Case Register para rexistraren todas as persoas que utilizasen os servizos psiquiátricos nesa zona de Londres. Os datos acumulados mediante este enfoque innovador déronlle a Wing a base para a súa perspectiva de que o autismo constituía un espectro, no canto de trastornos claramente diferenciados. Tamén crearon o Centre for Social and Communication Disorders, o primeiro servizo integrado de diagnóstico e asesoramento para estas condicións no Reino Unido.

Wing escribiu moitos libros e artigos académicos, incluíndo «Asperger's Syndrome: A Clinical Account». Este artigo de febreiro de 1981 popularizou a investigación de Hans Asperger.

En 1962, xunto con algunhas familias de nenas e nenos autistas, fundou a organización agora coñecida como National Autistic Society no Reino Unido. Foi asesora até a súa morte do Diagnostic Centre for Social and Communications Disorders, cofundado por ela en 1991 e renomeado como Lorna Wing Centre for Autism en 2008.

Na Lista de Honores de Aninovo de 1995, Wing foi nomeada Oficial da Orde do Imperio Británico polos «servizos á National Autistic Society».

Vida privada Wing e o seu futuro esposo John Wing coñecéronse sendo estudantes de medicina, cando diseccionaban o mesmo corpo. Ambos se especializaron en psiquiatría e John converteuse en profesor desa especialidade. Casaron o 15 de maio de 1950. Tras saber que a súa filla Susie tiña autismo, Lorna Wing centrouse na investigación de trastornos do desenvolvemento, en particular nos trastornos do espectro autista.

Wing morreu de broncopneumonía en Bessels Green (Kent) o 6 de xuño de 2014, aos 85 anos.

Controversia con Hans Asperger Wing foi obxecto de controversia tras a publicación en 2018 do libro de Edith Sheffer Asperger's Children, debido á que Wing era partidaria de usar o nome do psiquiatra austríaco Hans Asperger para o diagnóstico da síndrome de Asperger. Segundo un artigo de 2018 de John Donvan, Fred Volkmar, psicólogo de Yale e personalidade importante no estudo do autismo, estaba no comité designado en 1993 para investigar se a síndrome de Asperger merecía ser incluída no Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais que se publicou o ano seguinte, o DSM-IV.

Volkmar chamou por teléfono á única persoa que coñecía que coñecera a Asperger, Lorna Wing, e preguntoulle se sabía algo dos rumores de Hans Asperger sobre os seus vínculos co nazismo. Wing, «abraiada» pola investigación de Volkmar, defendera a Asperger como un «home relixioso». Segundo Herwig Czech, Asperger «proviña de círculos católicos romanos, e a súa orientación durante o período do [anterior] sistema [austríaco] fora estritamente católica».

Donvan tamén incluíu esta información en In a different key: The Story of Autism (2016). No libro afirmou que Wing falaba da «profunda fe católica de [Hans Asperger]» e da «dedicación [de Hans Asperger] aos mozos durante toda a súa vida». Engadiu que Wing desestimara os lazos de Asperger co nazismo debido a que «el [Asperger] era un home moi relixioso». Antes de que Wing popularizase a denominación «síndrome de Asperger» na década de 1980 e principios da de 1990, Donvan escribiu: "Asperger, morto dende hat trece anos [en 1993], nunca [estivera] moi presente no escenario mundial, [e] seguira a ser unha figura pouco coñecida».

Notas

Categoría:Finados en 2014 Categoría:Nados en 1928 Categoría:Autismo Categoría:Psiquiatras do Reino Unido