José Vicente Solarat López, nado na Rúa en 1956, é un avogado e político galego. Traxectoria Licenciado en Dereito, foi administrativo dunha entidade bancaria. Militou na UCD. En 1983 foi elixido concelleiro na Rúa por Coalición Galega, sendo o primeiro tenente de alcalde. Trala dimisión do alcalde Cosme López, foi elixido novo alcalde na súa substitución en xaneiro de 1986. Tras pasar a formar parte de Centristas de Galicia, encabezou a coalición deste partido con Alianza Popular nas eleccións de 1987. Pese a se-lo candidato máis votado, perdeu a alcaldía ó apoiar os demais grupos ó candidato da CPG Emiliano Quiroga. En febreiro de 1990 foi nomeado Director Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Cesou como Director Xeral para encabeza-la candidatura de Centristas de Galicia á alcaldía da Rúa en 1991, sendo elixido alcalde como cabeza da lista máis votada. Trala integración de Centristas no PPdeG pasou a formar parte da organización conservadora. En 1995, tras designar o PPdeG o exalcalde Emiliano Quiroga como candidato á alcaldía, encabezou a formación independente Rueses Unidos Adiante (RUA) e volveu ser elixido alcalde como cabeza da lista máis votada. En 1999 foi superado en votos polo PPdeG, polo que perdeu á alcaldía tras non chegar a acordos cos demais grupos.
Tralo falecemento en agosto de 2001 do entón alcalde popular, recuperou a alcaldía grazas a un pacto de goberno tripartito entre RUA, BNG e PSdeG. En 2003 revalidou a alcaldía, novamente grazas a un pacto entre RUA, PSdeG e BNG. En 2007 revalidou a alcaldía mediante un pacto co PSdeG-PSOE, mais a cambio de rotarse na alcaldía co candidato socialista Luis Fernández Gudiña, ó cal lle cedeu o bastón de mando en xuño de 2009.
En 2011 encabezou novamente o RUA, pasando a ser terceira forza política tralo PPdeG e o PSdeG. Se ben chegou a un acordo co PSdeG e o BNG para facilita-la reelección do socialista Luis Fernández Gudiña, a abstención do seu número 2, Fernando Rodríguez, facilitou a elección do candidato popular Avelino García Ferradal como alcalde. En 2015 non se presentou co RUA e retirouse da primeira liña política tras 32 anos. Afirmou colaborar con Ciudadanos dende 2014, sendo simpatizante da formación.
En 2019 regresou á primeira liña política encabezando novamente o RUA, logrando 2 concelleiros e sendo chave de goberno. Facilitoulle ó PPdeG a alcaldía grazas á súa abstención, e posteriormente estableceu un pacto de goberno cos populares, sendo tenente de alcalde. En 2023 encabezou novamente o RUA e mantivo os 2 concelleiros da outra ocasión, e sendo novamente chave de goberno. Nesta ocasión chegou a un acordo de goberno co BNG e o PSdeG que fixo alcaldesa á nacionalista María González Albert, polo cal pasou a ser segundo tenente de alcalde.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais na Rúa
Ligazóns externas Entrevista en La Región.
Categoría:Alcaldes da Rúa Categoría:Alcaldes de Galicia de candidaturas independentes Categoría:Alcaldes de Galicia por Centristas de Galicia Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados na Rúa Categoría:Nados en 1956 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes