O burro () ou asno (Equus asinus) é un mamífero doméstico da familia dos équidos, de ata metro e medio aproximadamente de altura á cruz, caracterizado polas longas orellas e a cabeza proporcionalmente grande. O pelo das crinas é curto, polo que estas son erectas. Emprégase, ou mellor empregábase, como animal de carga.

O macho denomínase garañón, nome que tamén pode recibi-lo cabalo semental.

Desde o punto de vista zoolóxico, é un animal mamífero, vivíparo, ungulado (dedos rematados en pezuños), perisodáctilo (un único dedo nun pezuño simple) e herbívoro.

Orixe O burro actual procede da domesticación de dúas especies de asnos salvaxes norteafricanos, o asno salvaxe de Nubia (Equus asinus africanus), localizado entre a beira oriental do Nilo e o Mar Vermello, e o asno salvaxe de Somalia (Equus asinus somaliensis), localizado na península do mesmo nome. Ó parecer, foron os pastores do nordeste de África, dentro do proceso de desertificación do Sáhara, os que aproveitaron a capacidade de resistencia daqueles animais á falta de auga e ás altas temperaturas para consegui-la súa domesticación. Esta produciuse en dous procesos separados que se poden datar nunha antigüidade de 10.000 e de 7.000 anos .miniatura|left|Burro zamorano-leonés

Os primeiros datos históricos do burro como animal doméstico poden situarse en Exipto, estando xa presente nas pinturas dos templos exipcios. Cabe destacar tamén a súa presenza na Biblia e como indicador de riqueza no pobo hebreo. Posteriormente, produciuse unha expansión do burro desde Exipto a Persia e Europa, por unha banda (gregos e romanos utilizábano adoito como besta de carga e tamén como alimento), e ó resto de África, por outra, ata conseguir unha presenza nas zonas cálidas de todo o mundo. A chegada á China, o Xapón e Norteamérica sitúase no século XIX.

Segundo Jordi Jordana Vidal, do primeiro – E. a. africanus- derivaron as razas andaluza e majorera das Canarias, e do segundo –E. a. somaliensis- tódalas razas de capa negra propias do norte de España: a raza Catalá, a das Encartaciones (do País Vasco), a Mallorquina, a Zamorano-leonesa, así como o burro galego fariñeiro. Todas estas razas autóctonas españolas están actualmente en perigo de extinción.

En África aínda quedan exemplares salvaxes, chamados onagros, pero non en Europa.

Razas asnais miniatura|Burro catalán Asno andaluz (e o burro majorero, unha variante). Burro zamorano-leonés. Burro catalán (e a raza mallorquina, unha variante). Burro de las Encartaciones (no País Vasco).

Sen estar recoñecida de forma oficial nos catálogos raciais equinos, as características morfolóxicas do burro galego permiten describir un tipo diferente das razas anteriores, que se denominou burro fariñeiro galego.

Descrición Resulta difícil describi-las características morfolóxicas típicas do burro se temos en conta as variacións existentes entre as diferentes razas e o feito habitual da falta de pureza racial como resultado de cruces non controlados. A seguinte descrición corresponde ó que se vén chama-lo burro fariñeiro galego, como raza propia da nosa comunidade.

En xeral, é un animal relativamente pequeno, mesmo comparado con outras razas, chegando a talles de ó redor de 1 metro ou pouco máis. O peso medio oscila entre os 150 e os 200 kg. As femias son sempre máis pequenas cós machos.

O burro catalán pode chegar a pesos de 375 kg (os machos) e a talles medios de 1,50-1,60 metros á cruz. O burro zamorano é algo menor, con pesos de ó redor de 250 kg e alzadas de ata 1,40-1,50 metros.

O corpo está cuberto dunha pelaxe curta e suave, máis abundante na cabeza. Outras razas, coma o burro zamorano, caracterízanse pola maior lonxitude do pelo.

As variacións na capa son frecuentes e moi amplas segundo a raza, oscilando entre o gris cinsa, máis ou menos abrancazado (que son os denominados rucios) e o practicamente negro. A raza catalá é de cor negra escura mentres que a andaluza é de cor torda clara. No burro fariñeiro galego adoita ser escura, denominada tecnicamente torda (por mestura de pelos brancos e negros).

En tódalas razas obsérvanse degradacións a gris prateado ou branco no ventre, bragada e axilas, así como ó redor do fociño e dos ollos, tipicamente bordeados dun halo branco.

Nalgúns exemplares pode observarse un listón máis escuro cá cor do resto da pel, a todo o longo do espiñazo e que baixa polo centro das escápulas formando un debuxo en cruz característico. Conta a lenda que o teñen como signo do agradecemento de Xesús ante o intento dun burro de cargar por el a cruz durante a ascensión ó Calvario. Como sexa que os soldados romanos non llo permitiron, o pobre animal conformouse con seguilo e permanecer xunto a el baixo a cruz na que foi crucificado. Engade a lenda que se trataba do mesmo burro no que tivo que fuxir, acabado de nacer, para escapar da matanza de Herodes.

Destaca o tamaño desproporcionadamente grande da cabeza (maior cá dos cabalos). As orellas son grandes e moi móbiles, máis escuras có resto da capa.

Peito estreito, e liña dorsolumbar claramente deprimida, coa coxa levantada. O espiñazo está ben marcado e o ventre voluminoso e caído. Rabo longo e delgado, rematado nunha borla de longas sedas.

As patas son delgadas, e os pezuños pequenos e comprimidas lateralmente.

A voz do burro chámase orneo, e emitir orneos é ornear ou arnear. Cómpre dicir que ornear tamén se aplica á vaca en Sarreaus e A Merca, e, na forma orneiar, na Gudiña. En Feás, orneo designa o brado da vaca.

Reprodución A madurez sexual chega ós dous anos nas femias e máis tarde nos machos. Poden vivir ata 25 anos, aínda que se citan casos de exemplares de 40 anos.

O período de xestación é de 11 a 12 meses, cunha cría única en cada parto.

Hibridación con outros équidos miniatura|270px|dereita|Híbrido entre burro e cebra do Zoolóxico de Colchester, Inglaterra O burro, tanto o macho como a femia, poden cruzarse co cabalo, dando lugar a híbridos estériles. A razón desta esterilidade está no diferente número de cromosomas nas dúas especies: os cabalos teñen 64 cromosomas e os burros, 62, dando como resultado híbridos de 63 cromosomas.

Se se cruza un burro macho cunha egua, obtemos unha mula ou un macho. O nome de besta aplícase normalmente ás eguas, pero tamén como denominación colectiva para calquera equino, incluídas as mulas.

Se se cruza un cabalo cunha burra, obteremos unha mula burreño ou besta burreña. Non nos consta que burreño tamén funcione como substantivo.

As mulas son extremadamente fortes e resistentes, o que as fixo moi apreciadas para o transporte de cargas pesadas a grandes distancias, sobre todo en terreos montañosos e difíciles. Os burreños, en cambio, son pequenos e débiles.

Tamén se poden obter, aínda que son infrecuentes, híbridos entre burros machos e cebras femias, coñecidos como cebrasnos ou ceburros ABC.es (10.08.2014). Máis raros aínda son os híbridos entre burras e cebras machos.

Usos agrícolas O principal uso do burro como animal doméstico sempre foi como animal de carga ou de traballo, para o transporte de xente e cousas e para tirar do carro ou, menos frecuentemente, do arado. Aprovéitase a tal fin a súa resistencia e docilidade, así como a capacidade de movemento en camiños irregulares, propiedades que o fan moi útil e sufrido. Ademais, son animais lonxevos e moi pouco esixentes no tocante ó seu mantemento. En tempos, tamén se utilizaba como animal produtor de carne e leite. Ten moita sona a chacina leonesa obtida a partir da carne de mula.

miniatura|esquerda|Mercado dominical en Khotan, República Popular da China. Aínda que hoxe en día este uso agrícola desapareceu nos países desenvolvidos, pola mecanización da agricultura, seguen representando unha valiosa axuda no terceiro mundo.

A denominación galega de burro fariñeiro non fai alusión á cor da capa senón ó seu uso para o transporte de grao e fariña cara e desde os muíños. Tamén foi tradicional o uso en Galicia para o transporte de cargas por zonas escarpadas, como os cantís de Ortigueira ou Santo André de Teixido, así como para a recollida da uva na Ribeira Sacra. Precisamente por esa capacidade de moverse con soltura polos terreos máis escarpados, onde resultaba máis difícil atoparse cos gardas, era o animal de carga preferido polos contrabandistas da raia con Portugal.

Noutras zonas de España sempre foron burros ou mulas as que movían as rodas de norias e muíños, e co mesmo fin utilizáronse en Quiroga para move-los muíños de aceite.

En Galicia, foron vacas e bois os que tiraban de carros e arados, pero para labores menores ou en situacións de pobreza eran substituídos por burros. Tamén transportaban todo o necesario para a subsistencia dos pastores cando tiñan que realizar longos desprazamentos ou estancias prolongadas nas brañas.

Actualmente estanse a producir diversos movementos de recuperación do burro que buscan da-la volta ó progresivo descenso do número de exemplares. No intento de darlles unha rendibilidade económica poden destacarse novos usos como mascota, como terapia para certas incapacidades ou para potencia-lo turismo rural, ó facilita-lo movemento en rutas de montaña, paseos ecolóxicos etc.

Aínda que sexa bordeando un pouco a lenda, non podemos esquece-la tradición que corre por Galicia adiante de utiliza-los burros para deseña-lo mellor camiño entre dúas aldeas afastadas. Bastaba con levar un burro dunha aldea á outra e deixalo volver de seu, coa seguridade de que o camiño que escollera sería o máis curto e cómodo.

De feito, existe unha sentenza islámica que vén dicir que «Segue ó burro e atoparás o teu pobo. Segue a unha cabra e caerás nun barranco».

En Portugal corre a crenza de que o burro tamén é quen de gardar eficazmente os rabaños de ovellas contra os ataques de cans e lobos, arredándoos do gando a base de couces e dentadas. Pero que para que así o faga ten que estar un burro só, xa que se hai dous só se preocuparán de facerse compañía, esquecendo o coidado do rabaño .

Carácter e temperamento O carácter teimudo do burro, ó que non se lle pode facer cumprir unha orde se el non quere (Non levarás por ben o burro á auga se el non ten gana), está amplamente arraigado na nosa cultura. En realidade non parece ser certo senón que ese comportamento obedece a un alto instinto de autoprotección, polo que se negan a facer calquera traballo que descoñezan e que sintan que poida representar un perigo. Porén, unha vez que o animal comproba que non implica perigo ningún, realizará eses traballos sen problemas.

Outro tópico tamén moi estendido é o da súa suposta falta de intelixencia, metáfora trasladada desde antigo á lingua e á imaxinería (lémbrense as orellas de burro que se lle colocaban ós rapaces como castigo). Fóra de consideracións sobre a existencia ou non de intelixencia nos animais, o certo é que se admite que son quen de aprender máis de vinte ordes distintas e de abrir co fociño a porta das cortes ou o portelo das leiras.

Protección Non é posible cuantifica-lo estado actual do censo asnal en España (os últimos datos corresponden ó ano 1999), pero a evolución está clara. Cara a fin da Guerra Civil había, segundo os censos oficiais, máis dun millón destes animais, pero os sucesivos censos publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación evidencian claramente o descenso imparable do número de cabezas:

+ Censo nacional de gando asnal e mular Especie 195019601970198019901999 Asnos 732 686 363 188 130 55 Mulas 1.089 1.158 533 199 100 28 (En miles de cabezas. Fonte: Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación)

Coma no resto do estado, tamén en Galicia as cifras seguen unha evolución semellante. En 1986 estimábase un censo de 26.041 burros (segundo un estudo feito pola Universidade de Córdoba). En 1999, o censo era de só 14.677 burros e 4.038 mulas (segundo a Gran Enciclopedia Galega, 2003).

miniatura|200px|Burro de Galicia