Manuel Piñeiro Agulleiro, nado en Albarellos (Dumbría) o 26 de decembro de 1905 e finado en Mauthausen (Austria) o 16 de febreiro de 1942, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis.

Traxectoria Fillo de Manuel Piñeiro Lado, labrador, e de Manuela Agulleiro Santos. Andaba ó xornal e estaba solteiro. Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, que deu inicio á guerra civil española, alistouse nas filas do bando republicano. En 1936 superou as probas de ingreso na Garda de Asalto en Barcelona e tomou posesión da súa praza o 6 de outubro de 1936 en Madrid, na 12ª Compaña de Asalto de Reserva. Foi destinado a Valencia en novembro de 1937, á 26ª Compaña, e trasladado a Barcelona en abril de 1938, á Quinta Compaña do 40º Grupo de Asalto, estivo tamén no 22º Grupo de Asalto. Co triunfo do bando franquista na guerra civil española exiliouse en Francia. Coa declaración da segunda guerra mundial integrouse na Compañía de traballadores estranxeiros, sendo destinado na zona da liña Maginot.

Foi apresado polo exército alemán trala caída de Francia na segunda guerra mundial e enviado primeiro ó Frontstalag 123, en Langres (Francia) e despois recluído no Stalag V-A, en Ludwigsburg (Alemaña). Deportado ó campo de concentración de Mauthausen, onde ingresou o 14 de xuño de 1941 co número de matrícula 6 622, pereceu o 16 de febreiro de 1942.

Recoñecementos O concello de Dumbría celebrou no ano 2006 na casa de Cultura de Olveira a primeira homenaxe en recordo dos veciños que pereceron no campo de concentración de Mauthausen-Gusen; Manuel Piñeiro Agulleiro, Silvestre Albite Miranda e Manuel Rodríguez Louro, así como en memoria de Máximo Ingilde Maceiras que perdeu a vida combatendo contra o exército alemán na Resistencia francesa.

O 18 de febreiro de 2018 celebrouse no Parlamento de Galicia unha homenaxe promovida pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica onde se leron os nomes das 193 vítimas galegas que fuxindo da represión franquista acabaron deportados nos campos de concentración nazis, entre eles o de Manuel Piñeiro Agulleiro.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Dumbría Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1942 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis