Franz de Paula Triesnecker, nado en Kirchberg am Wagram o 2 de abril de 1745 e finado en Viena o 29 de xaneiro de 1817, foi un astrónomo xesuíta austríaco que dirixiu o Observatorio de Viena desde 1792 até o seu falecemento.
Traxectoria
Naceu o 2 de abril de 1745 en Mallon, unha localidade de Kirchberg am Wagram (Austria). No ano 1761 ingresou na Compañía de Xesús. Entre 1764 e 1768 completou os seus estudos de filosofía en Viena e de matemáticas en Trnava. Tras a supresión da orde xesuíta en 1773, trasladouse a Graz para formarse en teoloxía e recibiu a ordenación como sacerdote en 1774. En 1782, Triesnecker comezou a traballar no Observatorio de Viena como director adxunto. En 1792 sucedeu a Maximilian Hell na dirección do centro, ocupando dito cargo o resto da súa vida.
Triesnecker centrou a súa actividade científica en diversos estudos de astronomía e xeografía. Entre 1787 e 1802 publicou unha serie de tratados con observacións de corpos celestes, como Tabulae Mercurii e Tabulae Martis. Tamén realizou determinacións de lonxitudes xeográficas que recibiron recoñecemento pola súa precisión. Colaborou con Johann Tobias Bürg como editor da revista Ephemerides Astronomicae.
Ao longo da súa traxectoria, Triesnecker formou parte de diferentes sociedades científicas: membro estranxeiro da Academia de Ciencias de Gotinga (1794), membro estranxeiro da Academia de Ciencias de Baviera (1808) e membro correspondente da Academia de Ciencias de Rusia (1812).Holger Krahnke: Die Mitglieder der Akademie der Wissenschaften zu Göttingen 1751–2001 (= Abhandlungen der Akademie der Wissenschaften zu Göttingen, Philologisch-Historische Klasse. Folge 3, Bd. 246 = Abhandlungen der Akademie der Wissenschaften in Göttingen, Mathematisch-Physikalische Klasse. Folge 3, Bd. 50). Vandenhoeck & Ruprecht, Göttingen 2001, , S. 242. En 1808 recibiu a Orde imperial de Leopoldo.
Triesnecker faleceu o 29 de xaneiro de 1817 na cidade de Viena.
Legado
A Unión Astronómica Internacional denominou dúas formacións superficiais da Lúa na honra de Franz de Paula Triesnecker: o cráter Triesnecker e o conxunto de rimas xeolóxicas Rimae Triesnecker.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Francis a Paula Triesnecker (en inglés)
Categoría:Astrónomos de Austria Categoría:Nados en 1745 Categoría:Finados en 1817 Categoría:Xesuítas de Austria