Phänomenologie des Geistes (en ) é o primeiro libro do filósofo G. W. F. Hegel, publicado orixinalmente en 1807. O seu autor describiu a obra, unha vía de entrada cara ao máis amplo sistema filosófico desenvolvido na súa Enzyklopädie der philosophischen Wissenschaften im Grundrisse (en ), como "unha exposición do nacemento do saber". Este desenvolvemento pasa pola autocreación e disolución lóxica das "varias formas do espírito, como estacións no camiño deste ao converterse en coñecemento puro".

O texto supuxo un punto de inflexión no idealismo alemán. Centrado en temas como a consciencia, a metafísica, a ética ou a relixión, nel expóñense conceptos e métodos hegelianos como a filosofía especulativa, a dialéctica, o movemento da crítica inmanente, o idealismo absoluto, a Sittlichkeit ou a Aufhebung. A súa influencia no pensamento occidental aínda perdura, e foi "acusada e loada pola aparición do existencialismo, o comunismo, o fascismo, a teoloxía da morte de Deus e o nihilismo historicista".

Contexto histórico Hegel estaba a rematar o seu libro ao tempo que Napoleón se enfrontaba ás tropas de Prusia o 14 de outubro de 1806, na batalla de Jena ocorrida nas aforas da cidade. No día anterior ao combate, o propio Napoleón entrara na cidade de Jena. Ese mesmo día, Hegel escribiu unha carta ao seu amigo, o teólogo Friedrich Immanuel Niethammer, na que afirmou:

Segundo Terry Pinkard, esta pasaxe é "aínda máis sorprendente tendo en conta que xa escribira a sección crucial da Fenomenoloxía na que indicaba que a Revolución xa pasara oficialmente a outro país (Alemaña) que completaría 'mediante o pensamento' o que a Revolución só conseguira parcialmente na práctica".

Propósito e metodoloxía Función no sistema hegeliano A intención de Hegel era que a Phänomenologie servise de introdución ao seu sistema filosófico. Máis en concreto, trátase dunha defensa do seu sistema contra aqueles que non aceptan as súas premisas, na que establece un camiño do "pensamento non filosófico cara ao filosófico". O seu proxecto filosófico, artellado máis tarde na súa Enzyklopädie der philosophischen Wissenschaften im Grundrisse, buscaba demostrar que o mundo é en esencia racional e que a investigación humana pode lograr unha comprensión plenamente adecuada da realidade, un estado que Hegel denomina "coñecemento absoluto".

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Filosofía Categoría:Obras de Georg Wilhelm Friedrich Hegel