Margaret MacDonald, nada o 9 de abril de 1903 e finada o 7 de xaneiro de 1956, foi unha filósofa analítica británica. Traballou nos eidos da filosofía da linguaxe, a filosofía política e a estética.
Traxectoria Educación Margaret MacDonald naceu en Londres e foi abandonada polos seus pais cando era nena. Estudou no University College de Londres, graduándose en Filosofía en 1932. En 1934 obtivo o seu doutoramento pola mesma institución, baixo a supervisión de Susan Stebbing, que contribuíu economicamente ás súas investigacións.
MacDonald uniuse ao Girton College de Cambridge como bolseira de investigación en Ciencias Morais entre 1934 e 1937. Durante a súa estadía en Cambridge, estudou con G. E. Moore e, en especial, con Ludwig Wittgenstein. Xunto coa súa compañeira Alice Ambrose, tomou en secreto apuntamentos das aulas do austríaco, quen prohibía esta práctica nos seus cursos; estas anotacións foron posteriormente publicadas. Ambas convenceron a Wittgenstein para que lles permitise continuar transcribindo as clases abertamente.
Carreira Entre 1937 e 1941 MacDonald ensinou filosofía no St Hilda's College de Oxford, onde tamén desempeñou funcións de bibliotecaria. Durante a guerra foi temporalmente directora da Xunta de Comercio. Logo traballou como profesora no Bedford College da Universidade de Londres. Naquel momento, foi unha das poucas mulleres que ensinaban filosofía fóra da Universidade de Oxford. A partir de 1947 exerceu docencia sobre Ética para funcionarios do Ministerio de Interior británico. En 1955 ascendeu de rango no Bedford College.
Os seus primeiros artigos analizaban criticamente a obra de filósofos contemporáneos. Máis tarde centrouse no eido da estética; en especial, en como a linguaxe se relaciona coa arte. Tamén se interesou pola filosofía política no seu artigo "Natural Rights" (en ), no que atacou a idea de que os dereitos naturais se fundamentan nunha "lei natural".
O seu traballo recibiu moita atención na súa época. Dous dos seus artigos foron reeditados na serie Logic and Language (en ), de 1951, que incluíu artigos representativos das tendencias filosóficas contemporáneas. Estudante de Wittgenstein antes da súa chegada a Oxford en 1937, MacDonald aplicou moitos dos conceptos do austríaco nos seus traballos, e algúns autores defenden que a súa obra foi unha fonte importante de inspiración para o seu íntimo amigo Gilbert Ryle.
En 1933, MacDonald contribuíu á fundación da célebre revista de filosofía Analysis, en colaboración con Susan Stebbing, C. A. Mace e Gilbert Ryle. Así mesmo, foi editora da mesma entre 1948 e 1956.
Pasamento Margaret MacDonald faleceu en Londres en 1956, tras unha cirurxía de corazón.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1903 Categoría:Filósofos da historia Categoría:Finados en 1956 Categoría:Filósofos analíticos Categoría:Filósofos do Reino Unido