O Partido Comunista de España (internacional) foi a denominación que tomaron dúas organizacións en España durante a década de 1970.

Primeiro PCE(i) Foi un partido político comunista fundado en 1967 a partir dunha escisión do PCE e do PSUC, a cuxas direccións acusaba de revisionismo, de renunciar á revolución proletaria e de aceptar postulados burgueses. Conseguiu implantarse en zonas agrícolas de Andalucía e nalgunhas universidades. En 1968 sufriu a escisión de Bandera Roja. En 1970 sufriu unha nova escisión, que adoptou o nome de PCE(i)-Línea Proletaria.

En 1973 formaron parte da Asemblea de Cataluña, e en 1975 da Junta Democrática de España. Ese mesmo ano cambiaron o seu nome polo de Partido del Trabajo de España.

Segundo PCE(i) En 1975 produciuse a escisión de Línea Proletaria en Cataluña, que recuperaría as siglas do PCE(i). A diferenza do primeiro, destacou por defender a independencia de Cataluña, das Illas Canarias e das Illas Baleares dende unha órbita obreirista e inmigrante. Tivo moito eco durante os primeiros anos da transición en Barcelona.

A súa base ideolóxica era maoísta. Era partidario da guerrilla urbana de baixa intensidade, contrario á reforma política e partidario da independencia de Cataluña, ademais da de outros territorios. Sempre mantivo a súa ilegalidade. O seu símbolo en Cataluña era a estelada con fondo vermello.

A influencia do PCE(i) nas rúas barcelonesas foi notable debido aos altercados producidos nas súas manifestacións contra a policía antidisturbios. Empezou a declinar a raíz da morte por un disparo do xove militante Gustau Muñoz, acaecida en 1978 despois dun enfrontamento coa Policía no transcurso dunha manifestación. Os feitos e a responsabilidade desta morte nunca foron aclarados.

Trala morte de Muñoz, e seguramente debido á actuación orquestada polo Ministerio de Gobernación, o PCE(i) foi desaparecendo pola detención e a desarticulación da maioría dos seus militantes, condenados a longas penas de prisión sen motivos concretos.

Destaca tamén a morte doutro dos seus compoñentes, Jordi Martínez de Foix, en teoría manipulando un explosivo, a pesar de que a familia cre que foi provocado por alguén infiltrado. No seu enterro, na Parroquia de Sant Andreu, interviron o senador Lluís Maria Xirinacs, o pai de Jordi, xente de Socors Català, e outros compañeiros de militancia. Centenares de persoas achegáronse, mais atoparon a praza e os arredores ocupados pola Policía. A familia, para evitar máis dor, decidiu anular a cerimonia, a pesar de que o cura prestábase a realizala. En aqueles anos de gran represión sobre o PCE(i), o Ministerio de Gobernación español estaba a cargo de Rodolfo Martín Villa.

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Partidos comunistas de España