, nado na Coruña o 18 de abril de 1900 e finado na mesma cidade o 22 de febreiro de 1978, foi un músico galego.

Traxectoria Ao ser fillo de militar, a súa familia mudou varias veces de residencia.

Adolfo Anta Seoane foi discípulo de Xosé Baldomir na materia de piano da Escola Provincial de Belas Artes da Coruña, dependente da Real Academia Galega de Belas Artes e antecedente da actual Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. Mantivo contacto e admiración polo seu profesor ao longo da vida, facendo divulgación da súa obra e chegando a ser autorizado polo propio Baldomir para facer unha adaptación a coro mixto da súa balada Meus amores. in Pola súa vez, Baldomir fora discípulo de Marcial del Adalid e do seu curmán Marcial de Torres Adalid, por quen Anta Seoane tamén profesaba admiración.

Ingresou en 1917 na banda de música de Castropol, que chegou a dirixir. Máis adiante entrou na banda do Rexemento de Infantería Isabel a Católica da Coruña.

Ao longo da súa vida, Anta Seoane foi director de diversos coros como Cántigas da Terra (entre 1928 e 1951), a coral Troula de Sada, o coro Brétemas e Raiolas, a masa coral da Fábrica de Tabacos da Coruña ou a Agrupación Folklórica Aturuxo, que creou en 1954. miniatura|O coro Cántigas da Terra en Vida Galega, 1917. No seu papel de director de coros galegos, un ámbito que servía para a socialización gratuíta en épocas tan duras coma a década de 1940, Adolfo Anta Seoane e outros persoeiros como Leandro Carré Alvarellos conformaron a que Margarita Soto Viso denominou como xeración "de resistencia", que durante a posguerra non partiu ao exilio. Segundo Soto Viso, estas persoas serviron como "fíos conectores" entre as xeracións anteriores e as máis novas. Nese sentido, Adolfo Anta estudou —e divulgou en textos xornalísticos— a obra musical de precursores como Chané, Xoán Montes, Marcial del Adalid ou Baldomir, recolleu e harmonizou pezas folclóricas e promoveu a creación da Medalla de Ouro "Marcial del Adalid", da Real Academia Galega de Belas Artes, para recoñecer a dedicación dos coralistas máis veteranos.

Unha das anécdotas máis coñecidas de Anta Seoane ten que ver cunha sorprendente interpretación do Himno Galego nun contexto pouco favorábel. O 6 de setembro de 1958, tras unha cea de gala no pazo municipal de María Pita, Francisco Franco desfrutaba dun espectáculo musical. Estas ceas eran frecuentes nos veráns que Franco pasaba no pazo de Meirás e, neste caso, o xefe de Estado encontrábase acompañado por diversas autoridades coruñesas e polos ministros, que celebraran un consello no día anterior. No momento en que actuaban as agrupacións El Eco, Aturuxo e Cántigas da Terra, Adolfo Anta pediulle permiso ao ditador para interpretar o Himno Galego; para a sorpresa dos presentes, Franco accedeu. Na década de 1960 púxose á venda un disco, titulado Cantigas da Nosa Terra, que incluía unha versión do himno interpretada pola Coral Polifónica El Eco e arranxada por Anta Seoane.

Adolfo Anta foi membro numerario da Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, institución á cal lle legou o seu arquivo musical.

Colaboración con Saturnino Cuíñas miniatura|Homenaxe ao cura Saturnino Cuiñas Lois na capela de San Fins do Castro, Cesullas, Cabana de Bergantiños Cando o sacerdote Saturnino Cuíñas Lois era párroco de Orto (Abegondo) coñeceu a Anta Seoane; Cuíñas recollera cantos tradicionais das comarcas de Xallas e Bergantiños, da provincia de Pontevedra e doutros lugares da xeografía galega, así que ambos comezaron a colaborar para a incorporación desas pezas ao repertorio dos coros galegos (locais ou da diáspora).

Un dos froitos desa colaboración aparece nun artigo no xornal La Voz de Galicia, en que Anta Seoane deixou constancia do grande éxito que obtivo a estrea do Maneo de Trabazo en 1929, durante unha actuación de Cántigas da Terra no Recheo da Coruña. O propio Adolfo Anta sinalaba no artigo que, ata ese momento, a maioría do repertorio dos coros galegos estaba conformado polas pezas de Perfecto Feijoo, que fundara en 1883 o primeiro coro galego, Aires da Terra. Algunhas das pezas que Cuíñas transmitiu desta maneira ao repertorio coral galego foron as foliadas de Aguasantas, Bora, Caroi, Vilaxoán, Viascón, Trabazo e Corcoesto; as pandeiradas de Pontevedra, Trabazo, Carballedo, Cesullas ("Troula, troula"), Ponteceso, Loureiro, Espiriña, Paraño, Cuqueira, Fontenla, Xil de Cambados, Corcoesto, Bordel, Vilaseco e Carnota; alalás de Cercedo, Santo Ourente e Carballedo; e diversos cantos de berce, de aninovo e de canteiros.

Recoñecementos A rúa Maestro Anta (Labañou, A Coruña) está dedicada á súa memoria. O 20 de setembro de 2025, no 125º aniversario do seu nacemento, o concello da Coruña rendeulle homenaxe ao instalar unha placa na súa casa natal, no número 20 da rúa Alameda.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Cántigas da Terra Agrupación Folklórica Aturuxo Coros Galegos

Ligazóns externas ETRADCOVID19. GAITA 3º Medio - Brincadeira - Partitura + audio, vídeo da ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional) coa partitura e audio da muiñeira Brincadeira, de Adolfo Anta Seoane. Moncho do Orzán - Xeitosiña (Adolfo Anta Seoane), vídeo do proxecto Punto e Volta coa interpretación de Moncho do Orzán da muiñeira Xeitosiña, composta por Adolfo Anta Seoane. Publicación do blog Pezas para Gaita Galega coa partitura da muiñeira A Sega, de Adolfo Anta Seoane. Publicación do blog Pezas para Gaita Galega coa partitura da Muiñeira de Palavea, de Xulio Adolfo Anta Díaz, neto de Anta Seoane. Exemplos de pezas tradicionais recollidas por Saturnino Cuíñas Lois e incorporadas por Adolfo Anta Seoane ao repertorio do coro Cántigas da Terra. Adolfo Anta Seoane, páxina da Folkoteca Galega dedicada a Adolfo Anta Seoane.

Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1900 Categoría:Finados en 1978 Categoría:Artigos creados co asistente para a creación de artigos