Micropterus salmoides é unha especie de peixe de auga doce da familia Centrarchidae que vive no sur dos Estados Unidos, onde lle chaman Florida bass (~'perca da Florida'). Antes considerábase da mesma especie que o que alí chaman largemouth bass (~'perca de boca grande', que agora se denomina Micropterus nigricans) e dábaselles o nome de M. salmoides ao conxunto de ambos, mentres que a forma da Florida era considerada subespecie (M. s. floridanus) ou tamén recibira o nome como especie separada de M. floridanus. Agora considérase que o nome M. salmoides lle corresponde ao Florida bass como especie separada.
Taxonomía
O Florida bass foi formalmente descrito en 1822 como Cichla floridana polo naturalista francés Charles Alexandre Lesueur dando como localidade tipo o leste da Florida. Era considerado conespecífico co largemouth bass (antes M. salmoides e hoxe M. nigricans), aínda que clasificada como subespecie (M. s. floridanus); porén, máis recentemente é tratada como especie separada primeiro co nome M. floridanus e agora co nome M. salmoides. Un estudo filoxenómico de 2022 apoiou a súa clasificación como especie separada, pero atopou que estaba máis espallada do que previamente se pensaba. De feito, a localidade tipo do antigo M. salmoides estaba dentro da área de distribución de M. floridanus e isto significa que a especie que se describira como M. salmoides por Bernard Germain de Lacépède en 1802 era o Florida bass e non o largemouth bass. Sendo así, o nome binomial correcto para o Florida bass é M. salmoides quedando M. floridanus como sinónimo júnior. Isto implica que hai que renomear ao largemouth bass (que era o antes denominado M. salmoides) dándolle o nome M. nigricans (Cuvier, 1822), que ten como localidade tipo o lago Huron, que está dentro do rango do largemouth bass.
Descrición
O Florida bass lembra o largemouth bass en que ten un corpo alongado que varía en cor desde branco prateado a verde bronce e ás veces a marrón claro en augas turbias. A coloración forma un debuxo de camuflaxe, xa que ten manchas olivas escuras na parte superior do corpo e unha banda negra ancha que está normalmente dividida nunha liña de manchas e pintas negras verdosas polos flancos. A aleta caudal ten unh marxe negra feluxe que é máis obvia nos individuos xoves. A boca é grande, a mandíbula superior esténdese para atrás máis alá do nivel do ollo en adultos e non ten dentes na lingua. Ten entre 9 e 11 espiñas na aleta dorsal e 3 espiñas na aleta anal. Esta especie é lixeiramente máis grande, cunha lonxitude de ata 97 cm, que a especie máis setentrional largemouth bass (M. nigricans) e difire na contaxe das escamas.
Distribución e hábitat O Florida bass pensábase antes que estaba restrinxido á Florida pero un estudo filoxenómico atopou que estaba espallado en sistemas fluviais costeiros do sur dos Estados Unidos, desde a Florida cara ao norte ata Cape Fear River en Carolina do Norte. Este peixe foi introducido en Nevada xunto co largemouth bass, e dentro da área de distribución do largemouth bass. Onde as dúas especies (que antes se consideraban unha soa) se mesturan pode producirse moi rapidamente unha introgresión dos xenes do Florida bass. Igual que o seu parente o largemouth bass, o Florida bass pode atoparse nunha ampla variedade de corpos de auga, desde grandes lagos, ríos e encoros, a corpos de auga máis pequenos, como pantanos, lagoas e pozas en pequenos ríos. Aínda que esta especie pode prosperar en moitos ambientes acuáticos, tende a ser máis numerosa en lagos cálidos eutróficos e con moita vexetación, ríos e encoros. Atópanse habitualmente ao longo das ribeiras pouco profundas, pero son máis frecuentes arredor de troncos, rochas e leitos de plantas acuáticas.
Notas
Categoría:Centrárquidos Categoría:Animais descritos en 1822 Categoría:Peixes de América do Norte