Luis Antonio Santaló Sors, nado en Xirona, España, o 9 de outubro de 1911 e falecido en Buenos Aires, Arxentina, o 23 de novembro de 2001, máis coñecido por Luis Santaló, foi un matemático español de fama internacional, que se exiliou na Arxentina en 1939 ao iniciarse a segunda guerra mundial por ser partidario do derrotado bando republicano en España.

Na Arxentina outorgouselle o título de profesor emérito da Universidade de Buenos Aires, tras desenvolver alí un fecundo labor. Publicou máis de cen traballos de investigación fundamental e de divulgación; e varios libros, en especial sobre Xeometría integral, tema do que é considerado un dos fundadores.

Traxectoria O seu pai Silvestre Santaló y Pavorell era mestre, mentres que a súa nai Consuelo Sors y Llach ocupábase das tarefas da casa e a crianza de sete fillos. Fixo a escola primaria no establecemento onde ensinaba o seu pai. Os estudos secundarios realizounos no Instituto de Bacharelato de Xirona, completándoos en 1927, cando tiña 16 anos.

Realizou os seus estudos superiores na Universidade de Madrid. Viviu na célebre Residencia de Estudiantes. Aínda que tiña pensado chegar a ser enxeñeiro de Camiños, durante o curso introdutorio de Matemáticas decidiu adicarse ao estudo desta ciencia. Logo de terminar a Licenciatura en Matemáticas en 1934, comezou a traballar como profesor interino nun instituto de secundaria e como profesor auxiliar na Universidade. Influenciado por Julio Rey Pastor, conseguiu unha bolsa da Junta para la Ampliación de Estudios, para doutorarse na Universidade de Hamburgo. Alí escribiu a súa tese baixo a dirección de Wilhelm Blaschke, quen estaba a iniciar o desenvolvemento da Xeometría integral.

Volveu a Madrid en 1935 co traballo feito para a súa tese xa publicado en revistas matemáticas alemás, españolas e francesas. O tema era completamente novo, tanto, que lle resultou difícil atopar un tribunal de tese en España.

Chegou a ser profesor na universidade española, pero abandonou esa actividade debido á guerra civil española e incorporouse á aeronáutica republicana. Foi entón cando escribiu un estudo sobre a historia da aviación, que foi publicado na Arxentina anos máis tarde.

Cando rematou a guerra, pediu asilo en Francia, pero enviárono a un campo de concentración, do cal logrou saír grazas ao matemático Élie Cartan. Chegando a Lisboa, soubo do comezo da segunda guerra mundial, en 1939. Decidiu entón marchar á Arxentina, atraído polos comentarios favorables de Rey Pastor, que xa se radicara alí en 1921.

De 1939 até 1947, Santaló foi investigador principal e vicedirector do Instituto de Matemáticas da Facultade de Ciencias Matemáticas, Físico-Químicas e Naturais Aplicadas á Industria, dependente da Universidade Nacional do Litoral, na cidade de Rosario.

Entre 1948 e 1955 foi profesor contratado na Facultade de Ciencias Fisico-Matemáticas da Universidade Nacional de La Plata.

Foi nomeado Profesor Emérito da Universidade de Buenos Aires onde se especializara en Xeometría diferencial e integral.

Cómpre destacar que desde 1960, tomou partido pola chamada matemática moderna. Dedicouse entón á didáctica da mesma, sendo considerado un brillante educador a nivel internacional. A súa preocupación foi sempre a apatía con que os mozos estudaban unha disciplina cuxo descoñecemento podía deixalos apartados do mundo actual.

Aínda que recibiu numerosas ofertas das Universidades catalás para regresar a España, el contestaba: En Arxentina fixen a miña vida e xa non podo irme.

Os que o coñecían, ademais de eloxiar a súa brillante actividade investigadora nunha área dura e pouco agradecida, describíano como encantador, moi sinxelo e que conquistaba coa súa extrema amabilidade.

A Selecta das súas obras foi publicada en 2009

Obra científica

Santaló foi un matemático de primeira liña na investigación en xeometría integral e soubo transmitir os seus coñecementos con entusiasmo, humanidade e mestría pouco habituais. O seu libro Integral Geometry and Geometric Probability é considerado o "clásico necesario" para calquera que queira realizar investigación relacionada co tema.

Cabe mencionar que da xeometría integral deriváronse a Tomografía Computada, baseada en estudos da transformada de Radon (1917) e a a Estereoloxía, mediante unha frutífera interrelación coa xeoloxía e a bioloxía (1961).Luís Santaló: un científico, un maestro, por Carles Barceló i Vidal Sociedad Argentina de Estadística. (SAE)

Publicacións Publicou memorias en revistas especializadas e é autor de varios importantes libros na súa materia, entre outros:

Xeometría Integral (1951). En colaboración con Julio Rey Pastor. Xeometría Analítica (1965). En colaboración con J. Rey Pastor e M. Balanzat) A probabilidade e as súas aplicacións. Introduction to Integral Geometry (1953). Historia da Aeronáutica. Editorial Espasa Calpe Argentina, Historia y Filosofía de la Ciencia, 1946, 340 pp. Xeometrías non euclidianas (1966) Libro de EUDEBA en que expón o tema en forma sinxela, atraente e clara. Vectores e Tensores coas súas aplicacións (1970) Tamén de EUDEBA, desenvolve a álxebra e o cálculo vectorial e tensorial de maneira moderna e completa. Xeometría Proxectiva (1966). EUDEBA Espazos vectoriais e xeometría analítica (1970) 3ª edición, monografía asuspiciada pola OEA, a través do Departamento de Asuntos Científicos. Integral Geometry and Geometric Probability (1976). Addison-Wesley.

Cargos académicos

Presidente da Academia Nacional de Ciencias Exactas Membro da Academia de Ciencias de Madrid Membro do Comité Interamericano de Educación Matemática (que presidiu en 1979), Membro da Academia Nacional de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, Académico de número da Academia de Ciencias da Educación Membro das Academias de Lima, de Córdoba (Arxentina), Chile e as Illas Canarias. Membro do Instituto de Estudos Cataláns.

Recoñecementos e distincións A súa importante obra valeulle obter diversos premios, entre eles: Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 1983, polas súas investigacións sobre xeometría

Premio Bernardo Houssay, outorgado pola Organización de Estados Americanos

Encomenda de Alfonso X o Sabio en 1996.

A Generalitat de Cataluña concedeulle en 1984 a medalla Narcís Monturiol á Ciencia e a Creu de Sant Jordi en 1994.

A Universidade Politécnica de Cataluña nomeouno doutor honoris causa, do mesmo xeito que a de Buenos Aires. Recibiu o Premio Konex de honra en 2003, a título póstumo.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Fundación Príncipe de Asturias, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica y Técnica 1983 DUGi Fons Especials. Fondo Lluís Santaló (en catalán) Fondo Lluís Santaló, de la Universidad de Gerona (en catalán) Diario o Mundo, 24 de novembro de 2001

Categoría:Nados en Xirona Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Sevilla Categoría:Profesores da Universidade de Buenos Aires Categoría:Premios Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica Categoría:Científicos de Cataluña Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid Categoría:Wikipedia:Páxinas con traducións non revisadas Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 2001