A falacia do castelo de mota (chamada así polo castelo de mota ou mota castral) é un tipo de falacia informal na que quen argumenta confunde dúas posicións que comparten certas semellanzas pero ofrecen diferente grao de defensabilidade. Unha destas posicións é modesta e sinxela de defender, algo que practicamente forma parte do sentido común (a mota). A outra, pola contra, resulta moito máis controversa e é difícil de defender (o castro), sobre todo cando alguén a cuestiona con argumentos lóxicos e racionais. A falacia prodúcese cando se sostén unha opinión polémica e, fronte á crítica, quen a defende refúxiase nunha posición moito máis moderada, alegando que iso era o que defendía desde o principio. Así, o argumentador avanza cunha tese controvertida pero, unha vez impugnada, insiste en que só sostiña unha postura máis modesta.

Orixe O filósofo Nicholas Shackel, quen acuñou o termo, fala máis ben de «doutrina da mota e o castro» ca dunha simple falacia. En 2005 describiu así a metáfora defensiva:

Un castelo de mota consiste nunha torre de pedra sobre un túmulo (mota), rodeada por unha zona habitable (castro) e protexida cunha barreira —coma un foso—. A mota é húmida e incómoda para vivir; existe só pola utilidade do castro, que en conxunto coa mota resulta doado de defender contra pequenos ataques. Cando a presión inimiga aumenta, o castro deixa de ser defendible e retírase un á mota, moito menos desexable pero moito máis segura. Unha vez pasa o perigo, recupérase o castro. Na metáfora, o castro representa a doutrina apetecible para o seu proponente pero só lixeiramente defendible; a mota é a posición pouco atractiva mais inexpugnable á que un recúa baixo presión.

Shackel elaborou o concepto para criticar o que consideraba estratexias argumentativas enganadoras en autores como Michel Foucault, David Bloor, Jean-François Lyotard, Richard Rorty, Peter Berger e Thomas Luckmann, así como no discurso posmodernista en xeral. A expresión popularizouse en 2014 no blog «Slate Star Codex».

Exemplo Shackel propón a frase «a moral constrúese socialmente». A mota sería que as nosas crenzas sobre o ben e o mal dependen da sociedade; o castro, que non existen o ben nin o mal.

Segundo Shackel, o «programa forte» de David Bloor para a socioloxía do coñecemento científico emprega esta táctica ao definir o coñecemento como «calquera cousa que a xente tome por tal», sen distinguir entre crenzas amplamente aceptadas pero falsas e crenzas verdadeiras. A mota defendible é que chamamos coñecemento ao que socialmente se recoñece como tal; o castro desexable é que o coñecemento científico non se diferencia doutras crenzas comúns, co que a verdade deixaría de ter papel na ciencia.

Conversas cotiás Persoa A: «Non entendo por que a xente cre na astroloxía; non hai probas científicas que a apoien».

Persoa B: «A Lúa ten forza abonda para causar as mareas todos os días, ¿e dis que non afecta ás persoas? ¿Os humanos somos deuses inmunes á natureza? Supoño que a evolución tampouco é real».

Aquí, B substitúe un lema fácil de defender («os seres humanos están afectados por forzas naturais, incluída a gravidade lunar») pola tese controvertida («a astroloxía é cientificamente válida»).

Notas

Véxase tamén Outros artigos Falacia

Categoría:Falacias