O voo 171 de Air India era un servizo internacional regular de Air India entre o aeroporto de Ahmedabad e o aeroporto de Londres-Gatwick. O 12 de xuño de 2025, ás 13:38 IST, o Boeing 787-8 Dreamliner que operaba o voo esnafrouse pouco despois da engalaxe contra o bloque de albergues do B. J. Medical College no barrio de Meghaninagar en Ahmedabad, India.

No avión viaxaban 230 pasaxeiros e 12 tripulantes. Das 242 persoas a bordo só un pasaxeiro sobreviviu ao accidente. En terra morreron ademais polo menos outras 38 persoas. O accidente marcou a primeira perda total dun Boeing 787 Dreamliner e o primeiro accidente deste modelo con vítimas mortais.

Avión O aparello implicado era un Boeing 787-8 Dreamliner de 11 anos con rexistro VT-ANB e número de serie 36279. O avión foi ensamblado na fábrica de Boeing en Everett e incluía seccións de fuselaxe fabricadas nas instalacións de Boeing en Charleston. Foi entregado a Air India o 28 de xaneiro de 2014 e estaba propulsado por dous motores General Electric GEnx-1B67.

Pasaxeiros e tripulación O voo transportaba 242 persoas, entre elas 230 pasaxeiros (11 deles nenos e 2 bebés), xunto con 2 pilotos e 10 auxiliares de voo. A lista de pasaxeiros incluía 169 cidadáns indios, 53 británicos, 7 portugueses e un canadense.

O voo estaba comandado polo capitán Sumeet Sabharwal, de 55 anos e con 8 200 horas de experiencia de voo, e o primeiro oficial Clive Kunder, de 32 anos e 1 100 horas de experiencia de voo.

Accidente O voo 171 engalou da pista 23 do aeroporto de Ahmedabad ás 13:38 IST (08:08 UTC) con destino a Londres-Gatwick. Segundo os informes METAR emitidos arredor da hora da saída, os ventos na superficie do aeroporto eran lixeiros, con velocidades que oscilaban entre os 3 e os 6 nós; a visibilidade era de 6 quilómetros (3,7 millas); e non había nubes significativas.

O transpondedor ADS-B da aeronave informou dunha altitude de presión máxima duns 625 pés (191 m) sobre a pista antes de que o sinal se perdese ás 08:08:50 UTC. A tripulación de voo emitiu unha chamada de emerxencia despois de 36 segundos, informando dunha perda de potencia e pulo pouco despois da engalaxe.

Un vídeo do incidente, captado por unha cámara de seguridade xunto á pista, mostrou o avión gañando altitude inicialmente antes de descender gradualmente mentres parecía cabecear cara arriba e logo, fóra de vista, estrelándose uns trinta segundos despois da engalaxe, seguido dunha columna de lume e fume.

Notas

Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2025 Categoría:Accidentes e incidentes de Air India Categoría:Accidentes aéreos na India Categoría:Accidentes e incidentes de Boeing 787