José Pérez Pombo, nado na Coruña en 1892 e finado na mesma cidade o 21 de xaneiro de 1924, foi un futbolista galego, que xogaba como centrocampista.
Traxectoria Naceu na Coruña en 1892, sendo un dos cinco fillos do comerciante e concelleiro Cándido Pérez Rodríguez e de Manuela Pombo Salgado. Foi xogador do María Pita e máis tarde histórico capitán do Real Club Coruña, onde coincidiu con xogadores como Quincho Yarza ou Joaquín Caruncho. Foi a primeira grande estrela do fútbol coruñés e en 1913 formou parte do primeiro partido da historia da selección española, en Amute contra Francia. Formou no centro do campo xunto aos vascos Enrique Figueroa e Bonifacio Echeverría, nun partido que rematou con empate a un gol.
Ademais da súa faceta futbolística, practicou outras disciplinas. Foi debuxante e caricaturista, escritor e formou parte do coro Cántigas da Terra. Tamén escribiu un libro sobre fútbol titulado Compendio del Reglamento del fútbol.
Faleceu na Coruña o 21 de xaneiro de 1924, con só 31 anos tras unha enfermidade larínxea. No lapso de cinco anos, a súa familia perdeu catro membros, pois seu pai falecera en 1922, mentres que súa irmá Araceli morreu en 1926 e súa nai en 1927.
Familia Os seus irmáns eran Herminia, Consuelo, Luis e Araceli, sendo estes dous últimos tamén deportistas. Luis foi futbolista e xogou entre outros no Deportivo da Coruña, mentres que Araceli foi unha pioneira do tenis en Galicia e chegou a practicar bobsleigh en Suíza. Era ademais cuñado do tamén futbolista Carpio Martínez, esposo de súa irmá Herminia e compañeiro seu no Real Club Coruña.
Notas
Categoría:Nados en 1892 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Debuxantes de Galicia Categoría:Caricaturistas de Galicia Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Finados en 1924