O cruceiro do Home Santo, tamén chamado de Bonaval ou de Sabugueira, en Santiago de Compostela, lembra a morte de Xan Tuorum, segundo algúns autores, como Bernardo Barreiro, ou a peregrinación a Santiago de Vicente Ferrer en 1412, segundo outros, como o historiador Antonio López Ferreiro. Para autores como Castelao, Ángel del Castillo ou Clodio González Pérez é "un dos máis sobranceiros" de Galicia.

Descrición

Trátase dun cruceiro moi complexo, no que se representan trece figuras. Levántase sobre catro chanzos e un pedestal, aínda que todos estes elementos, máis o fuste, cuadrangular na parte inferior e octogonal no resto, son modernos e soamente a cruz é de factura gótica, orixinal, e xa moi erosionada, o que explica as discrepancias á hora de identificar as figuras. Atópase na praza da Porta do Camiño, ante a entrada do Camiño Francés á muralla de Santiago.

Na cruz destacan os extremos dos brazos, moi elaborados, de tipo florenzado ou pometeado.Termo heráldico que se aplica a unha cruz cos extremos rematados en floróns ou bólas. No anverso da cruz represéntase a Cristo baixo un dosel con arquiños trilobulados, crucificado con tres cravosDetalle que o diferencia do románico, no que son catro os cravos que suxeitan a Cristo. e flanqueado pola Virxe e San Xoán. Debaixo, e de menor tamaño, está o apóstolo Santiago, vestido de peregrino, co báculo e escarcela, acompañado polos seus discípulos Teodoro e Anastasio (segundo Arribas Arias); Carmen Manso identifica estas dúas últimas figuras con dous peregrinos axeonllados.

No reverso represéntase á Virxe, tamén baixo dosel, de pé e co Meniño no colo. Está flanqueada polas figuras de San Pedro e San Paulo (segundo Arribas Arias) ou por Santa Catarina e outra santa sen atributos que a identifiquen, que podería ser María Madalena, segundo Carmen Manso. Por debaixo hai unha figura que adoita identificarse coa Virxe das Dores (Arribas Arias) ou San Domingos (Carmen Manso), flanqueada por dous anxos ou dous peregrinos axeonllados.

Para Carmen Manso, a minuciosidade dos motivos florais, a talla ruda das figurasPorén, Clodio González afirma que "parece que saíu dun obradoiro de ourives que se dedicasen a facer cruces procesionais, pola delicadeza e minuciosidade con que se labrou" (Gran Enciclopedia Galega, s. v. cruceiro). e a indumentaria do Santiago peregrino fan pensar nunha cronoloxía situada no último cuarto do século XV.

Historia miniatura|esquerda|Porta de acceso ó cemiterio do Convento de Bonaval

Bernardo Barreiro recolle unha lenda etiolóxica do cruceiro. Disque houbo un ferreiro (ou ferrador), chamado Xoán Tuorum,Tamén pode aparecer grafado como Tourum (Castelao ou Arribas Arias) e mesmo Tuonum (Manso Porto, px. 185, nun máis que probable erro mecanográfico). que se destacou nos enfrontamentos dos veciños de Santiago contra o arcebispo Berenguel de Landoria tras ser nomeado por Roma en 1317. As revoltas duraron ata 1320 cando, por fin, conseguiu entrar na cidade e tomar posesión do seu cargo. Os líderes do levantamento foron asasinados ou xulgados, e entre eles Xoán Tuorum, que foi condenado a morte na forca.Disque denunciado por un fidalgo que lle facía as beiras á filla do ferreiro, ó ser rexeitado por ela. Cando estaba a ser conducido ó patíbulo no monte Ourís ou Ouriz, pediu axuda á Virxe do Belén, cuxa imaxe estaba no camiñoNunha capela, hoxe desaparecida, ante a que era costume deterse e permitir as últimas pregarias ós condenados a morte.: pediulle que lle valera (Ven e valme) e caeu morto no momento, interpretándose que ese feito demostraba a súa inocencia ante o tribunal de xustiza, salvándose da ignominia dunha morte pública na forca. Esta axuda divina leuse como un Bon aval, e de aí o nome de Bonaval para o lugar onde acaeceu este milagre. O Xoán Tuorum foi soterrado alí mesmo e colleu sona de home santo, polo que o cruceiro que se levantou sobre a súa tumba tomou o nome de cruz do home santo; non obstante, Vicente Risco conta que os monxes de San Domingos recolleron o corpo e levantaron no lugar unha imaxe da Virxe que, engade, "está permañentemente alumeada cun farol". Antonio Neira de Mosquera describiu o cruceiro cando aínda estaba en Bonaval, e di que "tiña por peaña unha pedra en forma de ataúde, porque alí xacía o ferrador Xoán Tuorum até que os restos foron levados ao convento de Santo Domingo".

Na porta de acceso ó antigo cemiterio do Convento de Bonaval, datada en 1330, pode lerse o seguinte texto: "Esta image he aquí posta por alma de Jvan Tvorum E. MCCCLXVIII".Gran Enciclopedia Galega s. v. Bonaval.

Porén, para López Ferreiro este Home santo ó que se refire o cruceiro foi o dominico valenciano Vicente Ferrer, que veu en peregrinación a Santiago en 1412. Basea esta afirmación nunha carta do pintor Cristóbal Francés do ano 1465 na que se describe o lugar de Bonaval como "donde edificou o home santo predicador o moxón de pedra con hua crux" e na constancia do topónimo do lugar Bon Aval xa na primeira metade do século XIII. Filgueira Valverde comparte esta mesma orixe para este e outros cruceiros galegos.

O concello de Santiago levantou en 1878 unhas escalinatas ante a Porta do Camiño e "como estorbaba tirárono [o cruceiro], rompéndose o varal e a plataforma". A cruz foi recollida polo cura párroco de Sabugueira (unha parroquia de Santiago, a poucos quilómetros da cidade), Jesús Caneda, e colocouna así sobre un fuste de nova construción. As presións de Bernardo Barreiro, xunto ó gravador Enrique Mayer Castro (de quen temos a primeira imaxe deste monumento) e o Museo da Sociedade Económica de Santiago, fixeron que o concello comezara en 1888 as reclamacións ante a parroquia de Sabugueira para a devolución do cruceiro, que non callaron ata mediados do século XX (existen fotos do cruceiro na Lavacolla en 1949; segundo Clodio González foi recolocado en 1964), cando o cruceiro foi recolocado na súa localización actual. Cóntase que o propio Cardenal Quiroga Palacios interveu na recuperación do cruceiro.

O historiador Ángel del Castillo, no seu Inventario de la riqueza monumental de Galicia (publicado en 1972, trala súa morte en 1961), sitúao na Lavacolla, un lugar da parroquia de Sabugueira, se ben engade en nota que "procedía de Santo Domingo de Bonaval, a onde se reintegrou":

O cruceiro do Home Santo é o logotipo que representa a Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de pedra e Petos de Ánimas. As razóns desta elección foron a antigüidade do monumento, o seu valor artístico e histórico e o feito de constituír un símbolo da rebeldía e loita do pobo compostelán contra a arbitrariedade da Igrexa, ó considerar a Xoán Tuorom un "mártir das liberdades públicas".Actas do IV Congreso Galego de Cruceiros, Lugo 2012 (en Galiciaencantada.com).

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía

(publicado orixinalmente en Faro de Vigo, 20 de abril de 1980). , en Gran Enciclopedia Galega, s. v. cruceiro. Gran Enciclopedia Galega, Lugo 2003, s. v. Bonaval.

Home Santo Categoría:Arquitectura en Santiago de Compostela