A proteína tumoral controlada traducionalmente (TCTP polas súas siglas en inglés), tamén chamada p23, fortilina, e factor liberador de histamina. é unha proteína que nos humanos está codificada no xene TPT1 do cromosoma 13. Este xene humano comprende cinco intróns e seis exóns, contén un promotor cunha caixa TATA canónica e varios elementos promotores, que están ben conservados en mamíferos. O ensaio con xene reporteiro mostra unha forte actividade de promotor comparable con promotores virais.
A TCTP é unha proteína multifuncional e moi conservada que se encontra de forma ubicua en diferentes especies eucariotas e está distribuída en varios tecidos e tipos celulares.
A TCTP humana é unha proteína que se une ao calcio relacionada co crecemento.
Historia A TCTP descubriuse en 1989 como unha secuencia de ADNc obtida da biblioteca de ADNc do carcinoma mamario humano con sondas derivadas da proteína tumoral de rato relacionada co crecemento TCTP. A TCTP foi descrita orixinalmente como unha proteína relacionada co crecemento de células tumorais. O seu ARNm acumúlase en complexos de mRNP postpolisómicos reprimidos traducionalmente.
Investigacións feitas en 1997 mostraron que a TCTP non é unha proteína específica de tecidos ou de tumores, senón que se expresa de forma ubicua en moitos organismos desde plantas a animais. Estudos posteriores mostraron a presenza da TCTP no protozoo Trypanosoma brucei.
Características A TCTP é unha proteína de 20–25 kDa que se expresa de forma abundante e ubicua na célula. A proteína transcríbese en máis de 500 tecidos e tipos celulares; o xene da TCTP humana é un dos 10 xenes expresados máis ubicuamente en humanos examinando 1753 bibliotecas de tipos de tecidos, pero difire considerablemente na súa cantidade e taxa de expresión. A expresión é menor nos riles e células renais. Isto indica un amplo control transcricional e a intervención de factores específicos dos tecidos.
A maioría das publicacións establecen que a TCTP é unha proteína citoplásmica, pero tamén se informou da súa localización nuclear, así como da súa actividade extracelular; porén, o proceso de secreción non se descubriu.
Función A súa abundancia e ubicuidade indican que a TCTP pode ter funcións primarias importantes. Porén, atopáronse un gran número de funcións celulares e bioquímicas desde a década de 1980. A maioría destas funcións poden clasificarse en tres grupos, que se tratan a continuación.
Relacionada co crecemento A TCTP ten propiedades de proteína que se une á tubulina e asóciase con microtúbulos de maneira dependente do ciclo celular.
A sobreexpresión transitoria de TCTP en células HeLa impide que estas células sufran apoptose inducida por etopósido. A expresión da TCTP en U2OS (células epiteliais de osteosarcoma de óso humano) protéxeas da morte celular inducida por etopósido en varias concentracións e duracións da exposición. A sobreexpresión da TCTP inhibía a actividade similar á caspase-3 como se estima polo corte do substrato fluoroxénico.
Os niveis de expresión de TCTP estaban regulados á baixa nos niveis de ARNm e proteína durante a supresión de tumores e pola activación de xenes antitumorais ben coñecidos como p53 e Siah-1. A regulación á baixa da TCTP pode inducir a reversión de tumores, e en combinación con algúns fármacos que diminúen o nivel de TCTP e causan a morte de células tumorais. O knockdown de TCTP en células tumorias mamarias primarias, ten como resultado un incremento da expresión de p53 e unha diminución do número de células cancerosas similares a células nais.
Reducir os niveis de TCTP (dTCTP) na mosca Drosophila reduce o tamaño celular, número de células e tamaño dos órganos, o cal imita os fenotipos do mutante Drosophila Rheb (dRheb); A TCTP humana (hTCTP) mostra propiedades bioquímicas similares comparada coa dTCTP.
Relacionada coa inmunidade
A TCTP causa a liberación de histamina dos basófilos humanos dunha subpoboación de doantes, e esta liberación é dependente da IgE. A expresión de TCTP é regulada a dous niveis: a depleción do calcio do retículo endoplasmático causa un incremento na abundancia do ARNm da TCTP, e o incremento das concentracións de calcio citosólicas regulan a expresión xénica a nivel postranscricional.
A regulación á baixa dos niveis da proteína por ARN interferente pequeno en células HTR-8/SVneo (células de placenta de Homo sapiens) foi asociada cunha redución da actividade celular de captación de calcio e da capacidade de tamponamento.
Relacionada co cancro A TCTP ten un papel na reversión de tumores e no desenvolvemento.
A TCTP é un regulador das células canceríxenas, da reversión tumoral, da progesión de tumores e de certas formas de enfermidade inflamatoria. Ademais, describiuse a TCTP como unha proteína prosupervivencia que antagoniza a función da BAX.
Estrutura
O aliñamento de secuencias de secuencias da TCTP de máis de 30 especies revela un alto grao de consevación sobre un longo período de evolución.
A estrutura en disolución da TCTP do lévedo Schizosaccharomyces pombe determinouse por espectroscopia RMN, que indicou que esta proteína é estruturalmente similar a dúas pequenas chaperonas que se unen a proteínas Rab libres de GDP/GTP, chamadas Mss4 e Dss4. Agora a TCTP e Mss4/Dss4 son, por tanto, agrupadas estruturalmente nunha superfamilia de proteínas.
A TCTP está implicada nunha gran variedade de interaccións moleculares con compostos biolóxicos e non biolóxicos de variada composición química, como proteínas, péptidos, ácidos nucleicos, carbohidratos ou pequenas moléculas. A TCTP é, por tanto, unha plataforma importante e versátil. Validáronse moitas destas interaccións proteína-proteína, se ben só dunhas poucas se fixo unha caracterización estrutural en profundidade. Na publicación Remodelación da sinalización de TCTP/tpt1 desde as células nais á enfermidade, ponse o foco na análise estrutural da TCTP e a revisión da literatura dispoñible sobre a súa rede de interaccións desde unha perspectiva estrutural.
A estrutura da TCTP ten unha topoloxía moi complexa composta de tres hélices alfa e once febras beta dispostas en dúas pequenas follas beta, unha máis grande que a outra.
Interaccións
A TCTP presenta interaccións con ducias doutras proteínas, o cal relaciona a súa función con moitos mecanismos celulares e biolóxicos. Por exemplo, interacciona con: Regulador da apoptose BAX Mcl-1 Bcl-xL
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Proteínas