Fritz Jäger, nado o 21 de febreiro do 1886 en Múnic e finado o 14 de xuño do 1957 en Calw (Baden-Württemberg), foi un sinólogo alemán e decano da Universidade de Hamburgo. Foi membro do Partido Nazi.
Traxectoria Tras doutorarse en Filoloxía Clásica na Universidade de Rostock no 1909, comezou os seus estudos de sinoloxía con Otto Franke. Jäger completou a súa habilitation en Hamburgo no 1925 e, no 1931, obtivo un posto de profesor na Universidade de Hamburgo. En maio do 1933, uniuse ao Partido Nazi (membro 3.273.295). Nese mesmo ano, firmou a declaración do profesorado alemán a favor de Adolf Hitler. No 1934, escribiu Zur Frage der chinesischen Juden ("Sobre a cuestión dos xudeus chineses"). No 1935, foi nomeado catedrático de Lingua e Cultura Chinesas na Universidade de Hamburgo, en substitución de Alfred Forke. Entre o 1938 e o 1941 foi decano da Facultade de Filosofía nesa mesma institución. Como tal, interveu na negación do título de doutora á arabista xudía Hedwig Klein, unha das vítimas de Auschwitz.
Debido ás súas conexións co nazismo, foi destituído do cargo ao rematar a Segunda Guerra Mundial, pero volveu á docencia universitaria no ano 1947. Pouco despois, xubilaríase, retirandose formalmente no 1957. Dirixiu a tese de doutoramento de tres estudantes: Alfred Hoffmann, Herbert Pohl e Heinrich Eggert. Os tres morreron na guerra.
Obra Jäger abriu novos camiños nos Estudos Chineses. Por exemplo, co seu ensaio sobre o emprego de figuras retóricas na historiografía chinesa. Tamén escribiu sobre os yao, un pequeno grupo étnico do sur da China. Jäger estudou a obra do pensador Yang Xiong, ou as conexións culturais entre Europa e a China nos séculos XVI e XVII, así como a historia das ciencias naturais durante este mesmo período.
Ningunha imprenta alemá da época posuía os medios para imprimir os sinogramas, polo que a empresa Augustin de Glückstadt alcanzaría moita sona grazas á impresión das obras de Jäger, que os ilustrou no manexo da composición tipográfica chinesa.
Notas
Véxase tamén
Obras de e sobre Fritz Jäger (Deutschen Nationalbibliothek)
Categoría:Finados en 1957 Categoría:Nados en 1886 Categoría:Pobo alemán Categoría:Sinólogos Categoría:Profesores da Universidade de Hamburgo Categoría:Nazis