300pxFederaciónReal Federación Española de Deportes de HieloSeleccionadorJuan BravoÚltimo título 2025 (Div IIA)Máis partidosElena Álvarez Jiménez: 53Máis puntosVega Muñoz: 59Clasificación IIHF 24Estrea internacionalBaviera 10–1 España (Cergy, Francia; 21 de maio de 2009)Maior vitoria España 14–0 Irlanda (Sofía, Bulgaria; 19 de marzo de 2011)Maior derrotaBaviera 10–1 España (Cergy, Francia; 21 de maio de 2009) A selección feminina de hóckey sobre xeo de España é o equipo que representa a España nas competicións internacionais de hóckey sobre xeo en categoría feminina. En 2024, a IIHF (das siglas en inglés de Federación Internacional de Hóckey sobre Xeo) publicou a clasificación mundial de seleccións, na que España ocupou o 24º posto, oito postos por riba da selección masculina. Segundo datos da IIHF, en 2024 había en España un total de 201 mulleres que practicaban o hóckey sobre xeo.
O equipo debutou en 2009 nun torneo amigable disputado en Cergy (Francia), e en competición oficial no Campionato do Mundo 2011 - Division V, no que finalizou na segunda posición. En 2018 ascendeu ao cuarto nivel do Campionato do Mundo, a Division IIA. Ao longo da súa historia, a selección española gañou oito medallas na Division IIB Campionato do Mundo (1 ouro, 5 pratas e dous bronces), e catro na Division IIA (2 ouros e dúas pratas). España disputou o Preolímpico de hóckey sobre xeo en tres ocasións, mais en ningunha delas conseguiu praza para disputar os Xogos Olímpicos de Inverno.
Dende 2022 a selección absoluta feminina de hóckey sobre xeo de España está dirixida por Juan Bravo. Elena Álvarez Jiménez é a xogadora que máis partidos disputou co combinado español (53), mentres que Vega Muñoz é a máxima puntuadora histórica do equipo con 59 puntos. En 2025 o equipo español conseguiu o ascenso á terceira categoría, a Division IB, na que debutará en 2026 organizando o torneo en Puigcerdà.
Historia Inicios Se ben as primeiras referencias ao hóckey sobre xeo en España datan da década de 1920, disputándose o primeiro partido da modalidade en Madrid o 30 de outubro de 1922, o hóckey sobre xeo feminino non comezou a súa andaina en España ata o ano 2008, cando se disputou a primeira edición da Liga Nacional Femenina entre outubro dese mesmo ano e febreiro de 2009, así como a Copa de España.
Entre o 21 e o 24 de maio de 2009 a selección española feminina participou no XVI Torneo Internacional feminino de Cergy (Francia), o que supuxo o debut en competición internacional do hóckey sobre xeo feminino español. No torneo, organizado polo Hockey Club Cergy Pontoise, o combinado español enfrontouse aos equipos de Bélxica, Baviera (Alemaña), Grefrath (Alemaña), Collège Les Lynx d’Edouart Montpetit (Canadá) e Cergy (Francia). O equipo foi dirixido por Sylvain Humeau, quen convocou ás seguintes xogadoras:
Porteiras Carlota Alvarado (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Virgina Martínez (CPLV Dismeva Panteras Valladolid)
Defensas Lucía Ruiz (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Alicia González (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Laura Alvarado (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Vanessa Abrisqueta (Grupo Afer Gasteiz) Leticia Abrisqueta (Grupo Afer Gasteiz) June Monreal (SADH Majadahonda)
Atacantes Alejandra Rodríguez (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Andrea Peralta (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) María Gurrea (SADH Majadahonda) Julia Fouz (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Alba Calero (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Clara Hernández (CPLV Dismeva Panteras Valladolid) Ainhoa Merino (SADH Majadahonda) Jana Cassi (Inglaterra) Elisenda Verdera (CG Puigcerdà)
España debutou o 21 de maio fronte o equipo de Baviera, contra o que perdeu por 10-1. A autora do primeiro gol do equipo español foi Ainhoa Merino a pase de Julia Fouz. Con todo, o día seguinte o equipo conseguiu a súa primeira vitoria fronte o equipo alemán do Grefrath (4-0) con tres goles de Andrea Peralta e un de Alejandra Rodríguez. España finalizou o torneo na derradeira posición, cunha única vitoria, nove goles a favor e 26 goles en contra. A participación do equipo foi ben valorada no seo da Real Federación Española de Deportes de Hielo, xa que "puideron xogar de ti a ti contra deportistas dunha categoría moi superior", en palabras do vicepresidente da federación Frank González.
Ese mesmo ano a selección española debía ter debutado na Division V do Campionato do Mundo en Gdańsk (Polonia), mais o torneo foi cancelado.
Os anos na quinta categoría España debutou en competición oficial no Campionato do Mundo 2011 - Division V celebrado en Bulgaria. Para preparar a cita mundialista as xogadoras dirixidas por Sylvain Humeau participaron na "2011 Women Erzurum Cup" disputada na cidade de Erzurum (Turquía) entre o 3 e o 9 de xaneiro de 2011.
As xogadoras españolas debutaron cunha contundente vitoria fronte o equipo turco (7-0) con goles de Vanessa Abrisqueta, Clara Hernández, Laura Alvarado, Lorena Ortuño e Alejandra Rodríguez, estas dúas últimas con dous goles cada unha. Logo de repetir resultado fronte ás anfitrioas, o equipo español se enfrontou a Polonia co ascenso en xogo, mais un gol na prórroga de Karolina Pozniewska en superioridade para as polonesas privou do ascenso ás xogadoras de Humeau, que dominaron durante boa parte do partido. O derradeiro partido fronte a Irlanda (14-0) foi un simple trámite para confirmar o segundo posto das españolas en Sofía. Entre as xogadoras españolas salientou Vanessa Abrisqueta, que foi nomeada mellor defensora do campionato.
O Campionato do Mundo 2012 - Division II B disputado no mes de marzo na cidade de Seúl (Corea do Sur) non comezou ben para o equipo español, que cedeu novamente ante as xogadoras polonesas (3-4) na xornada inaugural, con todo, as xogadoras dirixidas por Humeau conseguiron gañar todos os partidos restantes do campionato para facerse coa medalla de prata. As xogadoras españolas aseguráronse a medalla xa na penúltima xornada logo de gañar a Bélxica (1-0), e despedíronse da competición cunha nova vitoria fronte a Islandia (0-3). España finalizou o torneo como o equipo menos goleado con tan só cinco goles en contra, e foi o segundo máximo goleador con 22 goles a favor, só superado por Polonia (38 goles a favor). No eido anotador salientaron Lucia Ruiz e Ana Ucedo, ambas con oito puntos (3+5 cada unha), mentres que a porteira española Carlota Alvarado foi a segunda mellor porteira do campionato cun 97,14 % de paradas e dous shutouts rexistrados. Ademais o equipo recibiu o premio ao xogo limpo.
Ese mesmo ano Barcelona acolleu o torneo preliminar de cualificación para os XXIIos Xogos Olímpicos de Inverno que se celebrarían na cidade rusa de Sochi. O grupo estivo integrado polas seleccións de Croacia, Dinamarca e Hungría, ademais da propia selección española. A pesar de que as españolas comezaron cunha vitoria sobre as croatas (1-2), caeron nos seguintes dous encontros e finalizaron na terceira posición con tres puntos, e quedaron fóra da loita pola praza olímpica.
En 2013 España organizou un Campionato do Mundo Feminino por primeira vez na súa historia e a sede elixida foi a localidade catalá de Puigcerdà. Na competición a derrota na segunda xornada fronte o equipo de Corea do Sur evitou que o equipo ascendera de categoría, sumando unha nova prata e finalizando o torneo como o segundo equipo menos goleado (7 goles en contra) e o segundo máis goleador (23 goles a favor). A porteira española Carlota Alvarado volveu ser unha das tres mellores porteiras do campionato cun 94,12 % de paradas, mentres que a atacante Ana Ucedo foi recoñecida como a mellor atacante do torneo.
E 2014 España baixou por primeira vez na súa historia ao terceiro caixón do podio do Campionato do Mundo - Division IIB. As xogadoras españolas comezaron ben a competición disputada en Reiquiavik (Islandia) ao impoñerse a Bélxica (5-0), con todo, as derrotas fronte a Croacia (5-7) e Eslovenia (5-3) no segundo e no derradeiro partido respectivamente levaron á selección española a conseguir o primeiro bronce da súa historia logo de tres pratas consecutivas nas súas tres primeiras participacións. Desta volta, o rendemento de Carlota Alvarado na portería reduciuse, rexistrando un 88,70 % de paradas, o que a situou na quinta posición da clasificación de porteiras, só por diante da islandesa Karitas Halldórsdóttir.
En 2015 España organizou por segunda vez o Campionato do Mundo - Division IIB, desta volta na localidade aragonesa de Jaca, cuxo logotipo se presentou en xaneiro dese mesmo ano. Malia a xogar na casa con audiencias de ata 1 500 persoas no Pavillón de Xeo de Jaca, e do bo traballo da defensora Vanesa Abrisqueta, que foi nomeada mellor defensora do campionato, España volveu perder fronte Eslovenia (que se acabaría proclamando campioa) e México, e só puido sumar dous puntos na vitoria na prórroga sobre as xogadoras islandesas, o que deixou de novo ao equipo no terceiro posto da táboa. O 5 de agosto dese mesmo ano a Federación Española anunciou que o sueco Christian Yngve sería o seleccionador nacional feminino na seguinte tempada, co obxectivo de levar o equipo á Division I en tres anos.
Por segundo ano consecutivo Jaca acolleu o Campionato do Mundo - Division IIB en 2016. O equipo español partía co obxectivo de gañar o campionato e ascender á Division IIA, para o cal o equipo preparouse con sesións de adestramento dobres, tanto no xeo como fóra del, con todo, a derrota fronte a Australia na cuarta xornada deixaba a clasificación final no aire á espera da disputa da quinta e derradeira xornada, na que o triunfo das australianas sobre Islandia deulles o ascenso, facendo insuficiente a vitoria de España fonte a Turquía. A nivel individual dúas xogadoras españolas foron recoñecidas pola organización, tratouse de Alba Gonzalo e de Vanesa Abrisqueta, nomeadas mellor porteira e mellor defensora respectivamente.
Entre os días 4 e o 6 de novembro de 2016 disputouse no Palacio de Xeo de Txuri Urdin de Donostia o grupo H da segunda rolda do torneo de cualificación para os Xogos Olímpicos de 2018 que se celebrarían na cidade surcoreana de Pyeongchang. Todos os rivais de España competían en categorías superiores, a pesar do cal, as xogadoras dirixidas por Christian Yngve conseguiron rematar na terceira posición da clasificación logo de gañar na derradeira xornada a Eslovenia (5-1).
O 27 de xaneiro de 2017 anunciouse a lista de xogadoras que competirían coa selección española no Campionato do Mundo - Division IIB que se disputou entre os días 17 de febreiro e o 5 de marzo en Akureyri, Islandia. O torneo non comezou ben para o cadro español, que caeu no seu debut fronte á selección mexicana (3-1). Finalmente, as xogadoras dirixidas por Christian Yngve conseguiron a prata logo da vitoria na prórroga fronte a Nova Zelandia (3-2), as goleadas a Romanía (8-1) e Turquía (11-0), e a vitoria na última xornada fronte ás anfitrioas. A pesar de non conseguir o ascenso, o combinado español foi o equipo máis goleador da competición con 26 goles e o menos goleado con sete, aínda que ningunha das xogadoras españolas estivo entre as cinco mellores anotadoras, e ningunha das porteiras recibiu o galardón á mellor porteira, que foi para a mexicana Mónica Rentería.