Salzburgo ou Salsburgo (en ) é unha cidade austríaca, capital do estado federado (Bundesland) de Salzburgo e da rexión homónima. No ano 2019 tiña 154.211 habitantes.

Topónimo O nome alemán significa castelo [da] sal, e provén das barcas que transportaban sal no século VIII e que debían pagar un imposto, uso moi común en moitos ríos de Europa.

Xeografía Salzburgo está a 150 km ao leste de Múnic (Alemaña), e a 300 km ao oeste de Viena. A cidade sitúase ás beiras do río Salzach, a 25 km dos contrafortes setentrionais dos Alpes. O carácter montañoso do sur da rexión de Salzburgo contrasta coas suaves ondulacións da parte norte. O cumio alpina máis próximo é o Untersberg (1.853 m), a poucos quilómetros ao suroeste. O centro da cidade está rodeado por dúas elevacións pétreas, o Mönchsberg e o Kapuzinerberg, cuxos bosques constitúen o pulmón verde da cidade.

Historia No outeiro de Rainberg existen indicios dunha ocupación continuada desde o Neolítico até a conquista romana en tempos do emperador Augusto. No outeiro do castelo de Salzburgo e no Kapuzinerberg descubríronse restos de fortificacións do que na Idade de Ferro foi seguramente o centro máis importante do pobo celta dos ambisontes.

Os romanos agruparon as pequenas comunidades agrícolas nunha única urbe, Juvavum, no ano 15 a. C. Probablemente o nome sexa adaptado dun anterior nome celta, e non dunha divindade romana. Tralo colapso da fronteira con Noricum, a vila decaeu, e no século VII xa se convertera nunha ruína.

Cara ao ano 700 San Ruperto fundou unha poboación nese lugar, convertida no ano 739 en sede dun bispado e no 798, con Arno, en arcebispado.

Foi gobernado por un Príncipe-Arcebispo até principios do século XIX. O último Príncipe-Arcebispo foi Hieronymus von Colloredo.

Patrimonio 305x305px|miniatura|Vista nocturna de Salzburgo.

O casco antigo da cidade, Die Altstadt, é un dos mellor conservados das rexións xermanófonas, e en 1996 a Unesco considerouno Patrimonio da Humanidade. Está dominado polas torres das súas igrexas, as fortalezas medievais, e pola Fortaleza Hohensalzburg, edificada en 1077 por orde do arcebispo Gebhard von Helffenstein. Tamén se sitúa nel a catedral de Salzburgo, o mosteiro de San Pedro, a casa natal de Mozart, e os castelos de Mirabell e Hellbrunn.

Entre os seus museos destacan: Rupertinum (Museo de Arte Moderna) Haus der Natur Salzburg (Casa da Natureza) Stille Nacht Museum (Museo da Noite de Paz) Salzburger Freilichtmuseum (Museo ao aire libre) Dommuseum Salzburg (Museo Catedral) Museum der Moderne (Museo da Modernidade)

Na cidade celébrase desde 1920 o Festival de Salzburgo. Nel adóitase interpretar a música de Mozart e o drama Jedermann de Hugo von Hofmannsthal.

Lingua O alemán de Austria é a lingua utilizada, se ben o dialecto local, que pertence ao austrobávaro, está amplamente presente na vida social e familiar.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Información turística en www.salzburg.info . Información turística en www.visit-salzburg.net

Categoría:Salzburgo