Xosé Hixinio Gómez González, coñecido como frei Xosé Gómez, nado en Lalín o 3 de abril de 1932 e finado en Lugo o 8 de xaneiro de 2008, foi un prelado galego e bispo de Lugo.

Traxectoria Fillo dun avogado que ocupou o posto de secretario de varios concellos do interior galego, estudou a escola en Lalín e Cea, e a secundaria no colexio dos franciscanos de Herbón e logo en Ponteareas. Ingresou na orde franciscana en 1948. Estudou filosofía e teoloxía nos colexios desta orde en Ponteareas e Santiago, e ordenouse como crego católico en Santiago o 24 de xuño de 1956.

Proseguiu estudos de teoloxía en Roma, onde se licenciou primeiro na especialidade de Teoloxía Moral e logo na de Dereito canónico e na de Dereito romano, pola que ademais se doutorou (1961) cun traballo sobre os elementos esenciais do matrimonio romano. De volta a Galicia, traballou como docente en distintos colexios e universidades, e colaborou con distintos xornais. Ademais, dentro da orde franciscana, ocupou os cargos de vicerreitor e logo reitor do colexio de Compostela, para pasar despois a ser viceprovincial e finalmente prefecto da provincia de Santiago.

O 28 de xuño de 1980 accedeu ao cargo de bispo de Lugo na catedral desa cidade. Facía o número 100 no catálogo episcopal da diocese. Logo de 28 anos á fronte do seu posto, e enfermo de cancro, foi relevado a finais de 2007 por Alfonso Carrasco Rouco. Faleceu días despois e foi soterrado na catedral luguesa.A nosa voz . Revista informativa da Diocese de Lugo.

Foi nomeado fillo adoptivo de Lugo en 2007.

Notas

Categoría:Bispos da diocese de Lugo Categoría:Bispos católicos de Galicia Categoría:Nados en Lalín Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2008 Categoría:Franciscanos de España Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes