Sylvia Olga Fedoruk, (ucraíno: Федорук), nada en Canora, Saskatchewan (Canadá) o 5 de maio de 1927 e finada o 26 de setembro de 2012, foi unha física especialista en medicina, atleta e vicegobernadora de Saskatchewan.
Traxectoria Sylvia Fedoruk era filla de inmigrantes ucraínos, Annie Romaniuk e Theodore Fedoruk. Asistiu a unha escola dunha soa habitación en Wroxton, ao nordés da cidade de Yorkton. O seu pai era o seu profesor. Durante a segunda guerra mundial, a familia trasladouse a Ontario, onde os seus pais traballaron nunha fábrica de guerra. En 1946, terminou os seus estudos no Walkerville Collegiate de Windsor Ontario, sendo a mellor da súa clase e recibindo a medalla Ernest J. Crede Memorial e unha bolsa de acceso á universidade. Pero a familia optou por volver a Saskatchewan, onde Sylvia ingresou na Universidade de Saskatchewan no outono de 1946.
Licenciouse en física na Universidade de Saskatchewan en 1949 e recibiu a Medalla de Ouro do Gobernador Xeral. Fedoruk completou a súa mestría en física en 1951.
Fedoruk foi contratada polo Dr. Harold E. Johns para traballar como radiofísica na Clínica do Cancro de Saskatoon. Chegou a ser a xefa de física médica da Clínica do Cancro de Saskatoon e directora dos servizos de física da Clínica do Cancro de Saskatchewan. Foi profesora de oncoloxía e membro asociado de física na Universidade de Saskatchewan. Participou no desenvolvemento da primeira unidade de cobalto-60 do mundo e dunha das primeiras máquinas de exploración de medicina nuclear. A unidade de terapia cobalto 60, ou a "bomba de cobalto", foi a primeira da súa clase en utilizar con éxito a radiación dirixida para tratar o cancro nun paciente. O feixe de radiación colimado da máquina podía axustarse ao tamaño do tumor para irradiar o crecemento. O traballo de mestría de Fedoruk sobre as medicións da dose para o tratamento con radiación foi esencial para o éxito da unidade de terapia de cobalto.
Recoñecementos Foi a primeira muller membro da Xunta de Control da Enerxía Atómica do Canadá. De 1986 a 1989 foi reitora da Universidade de Saskatchewan. Foi a primeira muller que ocupou este cargo na Universidade de Saskatchewan.
Foi presidenta (de 1971 a 1972) da Asociación Canadense de Curling Feminino. En 1986, ingresou no Salón da Fama do Curling canadense, e recibiu a Orde do Mérito de Saskatchewan. En 1961, xogou no primeiro Campionato Diamante "D" co equipo de Saskatchewan, que gañou o torneo. En 1986 ingresou no Salón da Fama do Curling canadense.
En 1987, foi nomeada Oficial da Orde do Canadá.
De 1988 a 1994, foi vicegobernadora de Saskatchewan. Na década de 1990, a cidade de Saskatoon nomeou unha nova estrada, Fedoruk Drive, na súa honra. A estrada vai desde Central Avenue ata McOrmond Drive, ao norte das comunidades de Silverspring e Evergreen e ao sur da comunidade de Aspen Ridge e o Northeast Swale. Fedoruk Drive é unha vía arterial menor no sector nordés da cidade.
O 3 de outubro de 2012, o nome do Centro Canadense para a Innovación Nuclear ( CCNI) cambiouse polo de Centro Canadense para a Innovación Nuclear Sylvia Fedoruk, en honra ao traballo pioneiro que realizou no tratamento do cancro con radioterapia de cobalto-60 na década de 1950.
En 2009, foi incluída no Salón da Fama da Medicina Canadense.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Sylvia Olga Fedoruk - Mulleres canadenses no Goberno
Categoría:Canadenses de ascendencia ucraína Categoría:Físicos do Canadá Categoría:Finados en 2012 Categoría:Nados en 1927 Categoría:Nados en Saskatchewan