Róisín Mary Bridget McLaren, nada en Edimburgo o 12 de outubro de 1994, é unha activista polo clima británica e co-portavoz nacional do Partido Socialista Escocés (SSP, polas súas siglas en inglés).
Vida persoal McLaren naceu en Edimburgo antes de mudarse a Livingston e logo a West Calder, onde pasou a maior parte da súa infancia. O seu bisavó era mineiro de xisto e membro do Partido Laborista Independente en West Calder. O seu pai era membro do Partido Comunista de Gran Bretaña e despois foino da Esquerda Democrática de Escocia. A súa nai foi membro do Partido Socialista dos Traballadores. A súa familia era partidaria de votar "Si" no referendo de 1979 para a reinstauración da asemblea lexislativa en Escocia.
Asistiu á Academia de St. Kentigern antes de recibir un posto de "fundadora" na Escola de George Heriot. Logo estudou Xestión Ambiental Sustentable no Colexio Rural de Escocia. McLaren ten interese na cetraría.
Carreira política McLaren uniuse ao Partido Nacional Escocés en 2010. En 2013, uniuse á Asociación Nacionalista Escocesa da Universidade de Edimburgo e converteuse na presidenta da sociedade. Foi unha organizadora destacada da campaña "Yes Scotland" no campus da Universidade de Edimburgo. En 2014, participou no debate do campus sobre a independencia escocesa, instando á audiencia para aproveitar o impulso da campaña "Yes Scotland" para "crear un país socialmente responsable para as futuras xeracións".
McLaren uniuse ao Partido Socialista Escocés en 2017. Asistiu á conferencia da Scottish Independence Convention que levaba por título "Build: Bridges to Indy" e, nunha entrevista co xornal Scottish Socialist Voice, afirmou que "se a independencia ten que ver con algo, é con mellorar as vidas das persoas da clase traballadora".
En novembro de 2017, McLaren escribiu no xornal The Guardian para chamar a atención sobre os contratos de cero horas e a política do SSP dun salario mínimo de 10 libras. En decembro do mesmo ano, escribiu un artigo conxunto co actual Secretario Nacional do SSP, Hugh Cullen, en Conter, un blog radical pro-independentista, no que salientaban a necesidade dun partido socialista ben organizado e partidario da independencia de Escocia.
O 2 de xuño de 2018, McLaren presidiu unha sesión na Connolly150, unha conferencia internacional organizada ao redor da figura do obreiro irlandés e socialista James Connolly, que reuniu a conferenciantes de todo o mundo paia debater e celebrar a súa vida e as súas ideas. Uns meses máis tarde, o 10 de novembro de 2018, foi elixida co-portavoz nacional do Partido Socialista Escocés, vencendo a Frances Curran, e foi nomeada paia dirixir o grupo de acción sobre cambio climático do SSP.
Notas
Categoría:Nados en Edimburgo Categoría:Nados en 1994 Categoría:Políticos de Escocia Categoría:Activistas do Reino Unido