Yola Mgogwana, nada na Cidade do Cabo en 2008, é unha activista climática surafricana.
Traxectoria Mgogwana é estudante da escola primaria Yolomela en Khayelitsha, un dos municipios máis empobrecidos de Cidade do Cabo. A súa educadora ambiental é Xoli Fuyani, quen é tanto unha mentora como unha colaboradora chave no seu traballo, e tamén é a Coordinadora de Educación Ambiental no Proxecto Earthchild, unha organización sen fins de lucro coa que Mgogwana está conectada.
O activismo de Mgogwana comezou en 2019, cando só tiña once anos, tras preocuparse pola contaminación, os patróns climáticos pouco comúns e a inminente crise da auga no seu país. Foi unha inspiración para que os mozos de África se uniran a ela na súa loita pola xustiza climática. Xunto coa científica Kiara Nirghin e Ruby Sampson, foi aclamada como a resposta surafricana á activista climática sueca Greta Thunberg.
Mgogwana foi unha relatora activa nas escolas e instou repetidamente ao goberno a tomar medidas urxentes sobre o cambio climático. Comezou a colaborar como voluntaria co proxecto Earthchild en xaneiro de 2019, cuxo obxectivo é levar a educación ambiental ás comunidades e aulas que aínda non teñen acceso a estes coñecementos. En marzo de 2019, uniuse a unha folga xuvenil polo clima e marchou até o Parlamento esixindo mellores políticas e xustiza. Tras este acto, falou ante unha audiencia de 2.000 mozos en Cidade do Cabo.
En agosto de 2019, foi a relatora principal no simposio do Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA, polas súas siglas en inglés), sobre Saúde Sexual e Reprodutiva, Xénero e Resiliencia ao Cambio Climático en Xohanesburgo.
O seu labor enmárcase no crecente recoñecemento entre os mozos de todo o mundo de que a súa xeración se enfrontará ás consecuencias máis graves do cambio climático, aínda que eles contribúan pouco á devastación do medio ambiente. O seu activismo inspirouse na palabra zulú ubuntu, que significa "Eu son, porque ti es".
Recoñecementos Mgogwana recibiu o recoñecemento nos medios de comunicación nacionais e internacionais como unha notable e xove activista climática que se asemella a Greta Thunberg en Suráfrica.
Notas
Categoría:Activistas de Suráfrica Categoría:Nados en 2008 Categoría:Nados en Cidade do Cabo