Edith Louisa Cavell (|ˈkævəl|), nada en Swardeston o 4 de decembro de 1865 e finada en Bruxelas o 12 de outubro de 1915, foi unha enfermeira británica condenada a morte en xuízo sumarísimo por un tribunal militar alemán durante a primeira guerra mundial, acusada de alta traizón por acoller no seu hospital en Bruxelas ata douscentos soldados belgas, franceses e ingleses (prisioneiros evadidos e pilotos abatidos) e axudalos a fuxir de Bélxica e reintegrarse nos seus postos de combate.

Cavell, que tiña 49 anos cando foi executada, foi unha pioneira da enfermaría moderna en Bélxica.

Traxectoria Naceu en Swandeston (Norfolk) en 1865, filla máis vella do vigairo da localidade. Tras completar a súa educación, traballou como institutriz para varias familias, entre elas unha de Bruxelas de 1890 a 1895. Volveu á súa casa para coidar o seu pai enfermo, e trala súa recuperación, decidiu estudar enfermaría. En 1896, con 30 anos, comezou a traballar como enfermeira en prácticas no London Hospital. miniatura|Edith Cavell (no centro) cun grupo de estudantes de enfermaría da escola de Bruxelas. En 1907, o doutor Antoine Depage recrutouna para convertela en enfermeira xefa do Instituto Berkendael. En outubro dese ano Depage fundou L'École Belge d'Infirmières Diplômées, confiándolle a dirección a Cavell.

Cando estalou a primeira guerra mundial, a escola e o instituto quedaron en mans da Cruz Vermella, que tiña como presidente a Depage. Cavell converteuse en axente do MI6, o servizo secreto británico. ao invadir os alemáns Bélxica, ordenouse que todos "os feridos perigosos ou sospeitosos" fosen sacados do hospital. Cavell abandonou os seus labores de espionaxe e dedicoue a axudar centos de soldados a escapar cara aos Países Baixos, país neutral, grazas a unha rede de evasión organizada por belgas da zona de Mons e franceses de Lille e Valenciennes, violando a lei marcial imposta polos ocupantes. Non obstante, un espía alemán infiltrado descubriu esta rede, o que levou á súa neutralización e á detención de numerosas persoas, entre elas Edith Cavell, que foi arrestada o 3 de agosto e encarcerada na prisión de Saint-Gilles.

Os xuízos aos integrantes da rede tiveron lugar o 7 e o 8 de outubro de 1915. Edith Cavell non fixo intento ningún por defenderse, admitindo os cargos. O 11 de outubro foi condenada a morte.

O goberno británico non puido facer nada por salvar a vida da enfermeira. Os Estados Unidos, que aínda non entraran na contenda, exerceron presións diplomáticas. O primeiro secretario da súa representación en Bruxelas, Hugh Gibson, falou co gobernador alemán de Bélxica, von der Lancken, inclinado a perdoar a vida de Cavell pola súa honestidade ao admitir os seus cargos e porque salvara numerosas vidas alemás e aliadas:

Hugh Gibson, o asesor legal da embaixada estadounidense e o embaixador de España, Rodrigo de Saavedra, organizáronse para pedir a conmutación da pena ou polo menos o seu aprazamento, e durante toda a noite do 11 ao 12 de outubro recorreron ás máis altas instancias alemás sen éxito ningún. Para acabar coas presións internacionais, os alemáns decidiron executar a sentenza de forma expedita: Cavell foi fusilada na madrugada do 12 de outubro nun terreo militar coñecido como Tir national.

O embaixador español aconsellou que o seu corpo fose inhumado rapidamente no cemiterio habilitado no mesmo lugar da execución.

Consecuencias da súa morte miniatura|Anuncio do filme The Woman the Germans Shot Nos anos seguintes á morte de Edith Cavell, a súa historia foi publicada en innumerables artigos de prensa, panfletos, imaxes e libros. Converteuse nunha figura icónica de propaganda para o recrutamento militar en Gran Bretaña, e nos Estados Unidos empregouse para incrementar as simpatías cara ao bloque aliado. A súa popularidade emanaba do seu sexo, a súa profesión de enfermeira e da súa actitude heroica ante a morte. A súa execución presentouse como unha demostración da barbarie e a depravación moral dos alemáns.

O ministro alemán de Asuntos Exteriores, Arthur Zimmermann, declarou á prensa do seu país que a execución de Edith Cavell fora “lamentable mais necesaria”:

Segundo dixo posteriormente un oficial do Estado Maior alemán, «foi un dos nosos maiores erros. Non puidemos concibir unha acción máis impopular».Suplemento diario La Nación, Chile, fascículo 7, páx. 104 A noite anterior á súa execución confesoulle ao capelán da prisión que non sentía odio ningún contra os alemáns e que non temía a morte porque vira tanta no hospital que a coñecía demasiado ben. O famoso poeta alemán Gottfried Benn, entón médico militar da prisión de Saint-Gilles, presenciou e certificou a súa morte, e escribiu que nunca coñecra unha muller con tanto valor: «Como debe xulgarse o fusilamento de Edith Cavell? Entrou na guerra e a guerra destruíuna».

Posguerra miniatura|Interior do vagón Cavell na estación de Bodiam. O 13 de maio de 1919, finalizada a guerra, o corpo de Edith Cavell foi trasladado dende Bruxelas a Londres, escoltado por un destacamento de tropas británicas e aclamado por miles de persoas que acompañaron a comitiva en Bélxica e no Reino Unido. Tralo funeral de estado na abadía de Westminster, ao que asistiron os políticos máis destacados e a familia real, o féretro trasladouse por tren a Norwich, onde repousa nunha zona chamada Life's Green ao pé do muro leste da catedral."Gran Bretaña". Guías visuais Peugeot-El País-Aguilar. Madrid, 2.ª edición, 1998. ISBN 84-03-59434-8. páx. 186. O vagón que trasladou os seus restos dende Dover a Londres, bautizado como Cavell Van, propiedade da Kent ande East Sussex Railway, pode visitarse na estación histórica de Bodiam.

Honras Erixíronse monumentos na súa memoria en varias cidades, dos cales, os máis importantes son: A estela situada no enclos des fusillés do Tir national de Bruxelas, na que figura o seu nome entre os 35 fusilados nese lugar. Tumba e monumento na catedral de Norwich. Monumento realizado por George Frampton en St. Martin's Place de Londres. Monumento a Edith Cavell e Marie Depage na entrada da clínica Edith Cavell de Uccle (Bruxelas). No patio desa clínica consérvase a lápida da tumba orixinal de Cavell no enclos des fusillés.

A Igrexa de Inglaterra dedica o 12 de outubro á memoria de Edith Cavell, como conmemoración da súa vida e sacrificio, aínda que non está canonizada no sentido tradicional.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Diana Souhami. Edith Cavell. Quercus, Londres 2010, ISBN 978-1-8491-6359-0 (Opinións) Outros artigos Louise de Bettignies, espía francesa arrestada polos alemáns que morreu en catividade en 1918 Mata Hari, bailaría neerlandesa executada polos franceses en 1917 por cargos de espiar para Alemaña Gabrielle Petit, enfermeira belga executada polos alemáns por espiar para os británicos en 1916 Andrée de Jongh, enfermeira belga que, inspirada por Cavell, creou durante a segunda guerra mundial o Comète Line para repatriar aviadores aliados Masha Bruskina, enfermeira belarusa executada polos alemáns en 1941 por axudar a fuxir a soldados Ligazóns externas Edith Cavell - Not a Martyr But a Nurse, documental sobre Edith Cavell Edith Cavell commemoration site Katie Pickles: Cavell, Edith Louisa, in: 1914-1918-online. International Encyclopedia of the First World War

Categoría:Nados en Norfolk Categoría:Nados en 1865 Categoría:Finados en 1915 Categoría:Enfermeiros do Reino Unido Categoría:Primeira guerra mundial Categoría:Fusilados