Trifonia Melibea Obono Ntutumu, nada en Afaetom (Evinayong) o 27 de novembro de 1982, é unha xornalista e politicóloga, escritora, docente e investigadora ecuatoguineana, coñecida como Melibea Obono. As súas investigacións céntranse en temas de muller e xénero en África.
Traxectoria Trifonia Melibea Obono Ntutumu Obono é Licenciada en Ciencias Políticas e Xornalismo pola Universidade de Murcia, onde realizou un mestrado en Cooperación Internacional e Desenvolvemento.
É docente na Facultade de Letras e Ciencias Sociais da Universidade Nacional de Guinea Ecuatorial en Malabo. Forma parte do equipo do Centro de Estudos Afro-Hispánicos (CEAH) da Universidade Nacional de Educación a Distancia.
Obra En 2015 o seu relato "La negra" foi incluído na antoloxía Voces femeninas de Guinea Ecuatorial. Una antología editada por Remei Sipi. Nel conta a historia dunha rapaza ecuatoguineana que se ve obrigada a prostituírse para poder finalizar os seus estudos en España.
En 2016 publicou a súa primeira novela, Herencia de bindendee. Nela trata a desigualdade de xénero na tribo fang, a súa tribo de orixe. Ademais trata tamén as complexas relacións entre España e Guinea Ecuatorial. A acción desenvólvese nun poboado fang do século XXI, sen luz eléctrica nin auga potable e lonxe dunha cidade. A trama céntrase no embarazo dunha nai de seis nenas e a expectación que crea o xénero do futuro fillo xa que só un varón herdará o nome e as propiedades da familia, nas que están incluídas as mulleres. Elas son as bindendee.
Tamén en 2016 publicou La bastarda, a historia de Okomo, a filla adolescente dunha nai solteira fang, que vivía co avó Osá o Descalzo e as súas dúas esposas, unha delas a súa avoa Adà, primeira esposa de Osá e responsable da súa educación. Okomo non é aceptada na comunidade fang pola súa condición de bastarda. O problema é o dote que debeu entregar o seu pai ao seu avó. Pero esta novela trata tamén da identidade de xénero e a orientación sexual: ser fam e mina como o seu tío, ou ser lesbiana como a protagonista. É a primeira obra escrita por unha autora ecuatoguineana na que se abordan estes temas. O Seu tío ademais será o causante das desgrazas que ocorren na aldea, sobre todo ao negarse a fecundar a muller do seu irmán estéril. Pero non só será atacado pola tradición senón tamén pola Igrexa.
En 2017 publicou La albina del dinero, onde conta a historia dunha moza albina que é fonte de riqueza para a súa familia pola súa característica única. En 2018 publicou un libro de relatos centrados na sociedade fang e o papel das mulleres.
Todas as súas obras están realizadas desde unha perspectiva feminista, facendo visibles as desigualdades e inxustizas que sofren as mulleres e en especial as mulleres africanas e as lesbianas. Escribe para dar resposta a esas cuestións que sempre se formulou, malia as dificultades que sorteou pola súa procedencia para lograr publicar.
Recoñecementos Premio Internacional de Literaturas Africanas Justo Bolekia Boleká 2018 por Las mujeres hablan mucho y mal. Premio GLLI 2019 (Global Literature in Libraries Initiative) por La bastarda.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
La mujer fang tiene precio "10 mitos sobre mujeres que aman a otras mujeres en Guinea Ecuatorial", El País, 17 de decembro de 2017. V Seminario Internacional del CEAH: 50 años de independencia de Guinea Ecuatorial: "La calle es mi madre. La calle es mi padre. Penalización cultural de la diversidad sexual en Guinea Ecuatorial"
Categoría:Nados en Guinea Ecuatorial Categoría:Nados en 1982 Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Xornalistas de Guinea Ecuatorial Categoría:Escritores de Guinea Ecuatorial Categoría:Profesores Categoría:Feministas de Guinea Ecuatorial Categoría:Activistas LGTB Categoría:Alumnos da Universidade de Murcia