Xosé Velo Mosquera, nado en Celanova o 21 de abril de 1916 e finado en São Paulo o 31 de xaneiro de 1972, foi un escritor e político independentista galego, tamén coñecido polo sobrenome de Carlos Xunqueira de Ambía.
Traxectoria miniatura|Xosé Velo, membro do comité de homenaxe a Manuel Lezón, Celanova 1932. Era fillo de Lino Velo Castiñeiras, que fora alcalde conservador da vila, e Manuela Mosquera Alvarado, quedando orfo de pai en 1926. Nos seus tempos de estudante no colexio dos Escolapios de Celanova fixo amizade con Celso Emilio Ferreiro, con quen a finais de 1932 organizou as Mocidades Galeguistas en Celanova e formou parte do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, das cales foi elixido secretario xeral en abril de 1935. O 24 de abril casou con Jovita Pérez González.
Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, a Garda Civil detívoo o 21 de xullo, aínda que saíu libre ao pouco tempo, e o 14 de marzo de 1937 tivo que se incorporar ao exército sublevado na División Acoirazada Brunete ata 1938, ano no que volveu a Celanova, marchando ao pouco tempo á Guinea Española. Volveu ao remate da Guerra civil española, e en novembro de 1939 abriu unha academia de ensino na súa vila. En 1943 trasladouse a Vigo, onde abriu outra academia asociado ao seu curmán Castor Velo Cobelas, e por manter contactos con organizacións da oposición galeguista no exilio a policía detívoo en 1944. Beneficiado por unha amnistía, saíu en 1945 e permanece durante un ano agochado preto de Celanova. miniatura|Blanco-Amor nunha viaxe a Caracas, con Xosé Velo, Xoán Noya, Mariano Otero Castelao e Manuel Meilán. 1952."Historias de ida e volta: O exilio galego" Consello da Cultura Galega.
Exilio miniatura|300px|Reunión dos participantes no 1º Congreso da Emigración Galega. Sentados de esquerda a dereita: Alberto Vilanova, Xerardo Álvarez Gallego, Vicente Gómez Paratcha, Alfonso Díaz Trigo, Xavier Bóveda, Rafael Dieste e Laxeiro. De pé: Francisco Comesaña Rendo, Ramón de Valenzuela, Lois Tobío Fernández, Eduardo Blanco Amor, Xosé Velo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Luís Seoane, Marcial Fernández Vázquez, Xosé Núñez Búa, Emilio González López, María del Carmen Soler, Mariví Villaverde e Antonio Baltar. Buenos Aires. 1956. En 1948 fuxiu a Portugal, onde o detivo a PIDE, a policía política portuguesa, e trala súa posta en liberdade conseguiu saír cara Venezuela, onde chegou o 9 de outubro de 1948. Ao ano seguinte uníuselle a súa familia, que mantivo traballando como profesor en academias e colexios privados, e mesmo en 1959 foi profesor na Escola de Suboficiais do Exército venezolano. Xosé Velo foi presidente do Lar Gallego (1956) e participou no primeiro Congreso da Emigración Galega que se celebrou entre o 24 e o 31 de xullo de 1956 en Buenos Aires.
Entrou en contacto co grupo da oposición española que dirixía Alberto Bayo dende Cuba, e participou na súa emisora de radio, Radio Claridad. Pero, descontento coa actuación deste grupo, organizou con membros da oposición portuguesa ao réxime de Salazar exiliados en Suramérica, como Humberto Delgado e Henrique Galvão, e con outros galegos como José Fernando Fernández Vázquez (Comandante Sotomayor), o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación en 1959. Velo foi o cosecretario xeral xunto a Humberto Delgado dende xaneiro de 1960, e participou con outros membros galegos e portugueses desta organización na toma do navío portugués Santa María o 22 de xaneiro de 1961, en ruta entre Curaçao e San Xoán de Porto Rico, na coñecida como Operación Dulcinea, co obxectivo de dirixirse a África e iniciar unha revolta antisalazarista, ao tempo que pretendía chamar a atención internacional sobre os réximes ditatoriais da Península Ibérica. Fracasada a operación por diversos motivos, o 4 de febreiro de 1961 acordouse co goberno brasileiro recoñecer a Velo e ao resto dos secuestradores como refuxiados políticos. Asentouse co seu fillo Víctor, que tamén participou na toma do navío, na cidade de São Paulo.
En 1962 estableceu en São Paulo a librería Nós, e en 1966 a Editora Nós, que tan só publicou unha tradución de Rosalía de Castro. En 1971 fundou a revista mensual Paraíso 7 días, que só publicou 5 números. O 31 de xaneiro dese mesmo ano morreu de cancro de pulmón.
Obra
Xosé Velo. Textos escollidos (2022). Deputación de Pontevedra. 163 páxs. Ed. de Aser Álvarez e Lois Codias.
Obras colectivas Aires de poesía. Escolma de poetas da bisbarra de Celanova. Aira editorial, 2023. ISBN 978-84-125593-7-8
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Páxina web da Comisión Pro Centenario Xosé Velo Mosquera Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra (2022). Deputación de Pontevedra. Arraianos. Torna, Cilia (24/1/2020). "Xosé Velo, un rebelde con causa" Nós Diario.
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Galegos de Venezuela Categoría:Exilio galego Categoría:Nados en Celanova Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 1972 Categoría:Edición en Galicia Categoría:Finados por cancro de pulmón Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Poetas en lingua galega