San Miguel de Couso é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Coristanco na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2018 tiña 290 habitantes distribuídos en 11 entidades de poboación (133 homes e 157 mulleres), 139 menos ca en 1999. Segundo o padrón municipal en 2004 tiña 396 habitantes (211 mulleres e 185 homes), e segundo o IGE en 2014 tiña 336 habitantes (152 homes e 184 mulleres).
Toponimia Basicamente seguimos as informacións de Fernando Cabeza Quiles (1992, 2000 e 2008):
Couso procedería do latín capsu (caixa) e faría referencia a unha caixa orográfica ou depresión no terreo; tamén podería ser un lugar para encerrar animais. Brenlla é posible que aluda a unha terra accidentada e poboada de maleza. Currás, sitio pechado e con finalidades agrícolas ou gandeiras. Esternande pode pensarse que leva o prefixo grego esterno (peito ou parte saínte) pero o máis probable é que veña de *Astranandus nunha villa, granxa ou posesión medieval. A Furoca, situada nun fochanco, o nome pode ter algo que ver co seu emprazamento. Pereiras podería ter dúas acepcións: lugar no que son abundantes esas árbores froiteiras pero tamén topónimo que indica sitios máis ou menos elevados ás veces sobre outeiros escarpados. A Ribela parece indicarnos un diminutivo de ripa (ribeira) e indicaría un asentamento nunha aba ou ladeira. O Ventoso, lugar moi batido polo vento. O Vilar, do latín villa, propiedade agraria ou habitacional da época romana, tamén pode referirse a un conxunto de terras de labradío, cerradas e pertencentes a varios donos.
Ríos e vexetación Preto do castro que hai na aldea do Vilar ten a súa orixe o Rego da Bordesca -máis adiante do Calvar- orixinado polas augas de tres fontes. Nela ten, tamén, a súa orixe o Río Vao formado pola confluencia de tres regatos: o Ponte Trilla, o de Couso e o maior dos tres que é o da Rabuxenta que nace a menos dun km de Esternande.
Na vexetación distínguense dous apartados: as terras agrícolas nas que apenas hai vexetación de porte arbóreo, como moito nos ribazos ou lindes das fincas, onde é posible ver algún que outro carballo; por outro, a superficie forestal, no que é omnipresente o eucalipto.
Demografía Os primeiros datos do número de habitantes datan de 1607 e fálannos de que en Couso vivían 30 fregueses que en 1708 pasarían a ser 236 habitantes,mentres que en 1836 chegarían aos 260. No séc. XX acadáronse as seguintes cantidades:326 (1887), 381, 468, 449, 491, 569, 660, 679, en cada unha das décadas. A partir de 1970 iníciase un descenso e así a partir desa data o montante demográfico foi o seguinte:658 (1981), 619 (1986), 483 (1991), 489 (1996),433 (2001),385 (2006),350 (2011) e 336 (2014). Nesta última data os seus habitantes estarían repartidos entre as distintas aldeas do seguinte xeito: Bormoxoio (9), Brenlla (61), Couso (7), Currás de Abaixo (33), Currás de Arriba (23), Esternade (35), A Furoca (16), Pereiras (51), A Ribela (24), O Ventoso (13) e O Vilar (64). A súa superficie sería de 13 km cadrados, para acadar unhas densidades de 50,23 hab./km cadrados (1981), de 33,05 (2001) e de 25,65 (2014), a metade de hai 33 anos.
Historia A parroquia estivo habitada desde moi antigo como o proban a existencia de, polo menos, sete mámoas e un poboado castrexo. Catro da mámoas sitúanse preto da aldea da Ribela e a terceira no curuto dun monte ao sur do Vilar. Está ben conservada e aínda se lle nota moi ben o cono de violación. De dimensións considerables, coñécese como a Moa Zapateira. As outras estarían preto da Brañeira e no Monte do Marco (Bormoxoio). No inventario de bens patrimoniais (2000) constan como elementos inscritos: catro mámoas no monte da Medoñas, o túmulo do Monte do Marco, a mámoa do Rato, a mámoa da Moa Zapateira, o castro de Vilar, o igrexario e cruceiro de Couso, a reitoral e vivendas contiguas e unha casa e hórreo en Brenlla. No PXOM figura o anterior; pero, ademais, un total de dez mámoas, cinco casas, tres hórreos e un muíño en Pereiras.
O castro está situado ao noroeste do Vilar, moi preto das casas. Na súa construción aproveitouse un montículo que facilita considerablemente a súa función defensiva. A medida dos seus diámetros son 96x75 m e os seus desniveis exteriores poden acadar os 20 nalgúns puntos. Ten dous puntos de entrada. Segundo a tradición popular foi feito polos mouros que vivían nos arredores, que nel hai unha viga de ouro, pero que ninguén a atopou; tamén que hai un encanto dunha galiña con pitos que aparecen a noite de San Xoán e, mesmo, a sitúan nun punto determinado no lado norte moi preto da muralla externa.
En 1607, Del Hoyo (1976:249) recolle que os condes de Altamira tiñan adquiridos certos dereitos sobre a parroquia por teren a sincura por dereito patrimonial e que lle supoñían os dous terzos das rendas que pagaban os veciños da parroquia (unhas 40 cargas de todo pan, equivalentes a uns 320 ferrados de cereais).
Notas
Lugares e parroquias Lugares de Couso
Parroquias de Coristanco
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Lugares de Coristanco
Categoría:Parroquias de Coristanco Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Miguel Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía