Purificación Martín Aguilera, coñecida artisticamente como Norma Duval, nada en Barcelona o 4 de abril de 1956, é unha vedete, actriz e presentadora española.

Carreira artística Inicios Nada en Barcelona, trasladouse a Madrid onde foi elixida Miss Madrid en 1973. O título serviulle para que Valeriu Lazarov, membro do xurado no certame de Miss España, se fixase nela e lle propuxese formar parte da súa compañía de actores para representar diferentes obras de teatro.

Máis tarde debutou en televisión no programa ¡Señoras y señores! (1974), xunto a outras artistas coñecidas no medio como Ángela Carrasco e Marcia Bell.

Revista Os seus desexos de montar unha compañía propia levárona a presentar o espectáculo Norma y su ballet, ademais de acompañar como bailarina a Fernando Esteso nas parodias teatrais Ay Bellotero (1975), Ramona, te quiero (1977) e Ya tenemos risocracia (1978). A finais de 1979 substituíu a Bárbara Rey como vedete principal do Teatro Lido no espectáculo Una noche bárbara, xunto a Quique Camoiras.

Consagrouse finalmente como actriz de revista. En 1980 foi primeira vedete do centenario teatro parisiense Folies Bergère, antano frecuentado por Henri de Toulouse-Lautrec. Foi a segunda española que conseguía ser cabeza de cartel do devandito local, tras a Bela Otero. Norma foi unha das últimas estrelas da revista tradicional, un tipo de espectáculo que durante eses anos estaba en decadencia e que se mantiña fundamentalmente grazas aos turistas que visitaban París.

Xa en España e como empresaria, Norma Duval montou diferentes espectáculos cos que percorreu España e o estranxeiro. En México e en Italia conseguiu grandes éxitos. Avanzada a década de 1980, e coincidindo co declive do destape, deixou o mundo do cine e dedicouse exclusivamente ao teatro e ás súas aparicións en televisión. Obtivo importantes éxitos como a zarzuela La Corte del Faraón, que representou en Valencia en 1993.

Tras uns anos apartada dos escenarios, en outubro de 2000 estreou o musical La mujer del año; non obstante, con posterioridade, decidiu abandonar o musical para dedicarse á interpretación e á publicidade.

Cine A principios dos 80 interveu en varias películas, maiormente de destape que explotaban a súa espectacular beleza. Jesús Yagüe dirixiuna en Préstame a tu mujer xunto a Alfredo Landa e Juan Luis Galiardo. Ás ordes de Germán Lorente protagonizou Tres mujeres de hoy xunto a Robin Ellis (Poldark) e Ana García Obregón. Outros títulos foron a triloxía Victoria de Antoni Ribas, xunto a Helmut Berger e Xabier Elorriaga, e La mujer del juez, película de grande éxito comercial na que traballou con Héctor Alterio.

Televisión Presentou diversos programas de televisión, case todos eles musicais e de entretemento e variedades: Superstar (1984) de Fernando Navarrete, Contigo (1988) con Pedro Rollán e José Manuel Parada, Bellezas al agua (1990) con Paco Cecilio, Desde Palma con amor (1991) con Andoni Ferreño, Los domingos por Norma (1992-1993) en Antena 3 e en solitario, Espejo secreto (1997) novamente xunto a Andoni Ferreño, e diferentes especiais de fin de ano.

Como actriz, protagonizou unha adaptación do relato erótico La Lozana andaluza dentro da serie Las pícaras (1983) e tamén interveu nun episodio da serie de televisión London Street e protagonizou diversas campañas publicitarias.

Vida privada En 1981 mantivo un romance con Jorge García Lago, ao que estivo prometida. Non obstante a familia do mozo, que se opoñía á voda, denunciou a Norma Duval por violación de morada ao instalarse ela no piso do seu noivo. O caso, non obstante, foi sobresido e o noivado rompeu. O mozo faleceu poucos meses despois, o 11 de xaneiro de 1982 aos 32 anos como consecuencia dunha miastenia gravis que padecía dende había tempo.

En 1983 inicia unha relación sentimental co ex xogador de baloncesto Marc Ostarcevic, con quen ten tres fillos: Marc Iván (1984), Yelko (1986) e Christian (1994). Ambos os dous casaron o 10 de febreiro de 1992 e separáronse en outubro de 2001:

O 20 de outubro de 1993, no programa radiofónico de Luis del Olmo, «Protagonistas», da Cadena Radiofónica Onda Cero, durante o «Debate del Estado de la Nación Española», a vedete acudiu para atacar duramente o xornalista do corazón Jimmy Giménez-Arnau e contrarrestar a ácida crítica que contra ela proferira o citado xornalista. A indignación de Norma foi tal, que lanzou un dos seus zapatos contra Jimmy.El Zapatazo de Norma Duval

O 29 de setembro de 2004 contraeu matrimonio co empresario español, produtor e distribuidor cinematográfico, José Frade, do que se divorciou en 2009. Durante ese matrimonio Norma Duval desapareceu por completo dos medios de comunicación, e apenas nada transcendía á prensa.

Actualmente, Norma Duval mantén un romance co axente inmobiliario alemán Matthias Kühn, quen se dedica exclusivamente á promoción de mansións de luxo nas Illas Baleares. Amigo íntimo do tenista alemán Boris Becker, Kühn, converteuse nos últimos anos no rei dos terreos de gran calibre en Mallorca.

A súa irmá Carla, actriz, faleceu o 31 de outubro de 2010 vítima dun cancro de colo de útero aos 46 anos.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Actores de Cataluña Categoría:Presentadores de televisión de Cataluña Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1956