Julio Wonenburger Canosa, nado na Coruña o 6 de xaneiro de 1882 e finado na mesma cidade o 1 de setembro de 1951, foi un industrial e político galego.
Traxectoria
Fillo de Manuel Wonenburger Cabezudo, dono dunha empresa que fabricaba instrumentos de ferro, reparaba máquinas de vapor, bombas e todo o relacionado coa mecánica. Quedou orfo con 16 anos, fíxose cargo dos seus sete irmáns e continuou co negocio paterno de fundición. Foi presidente da Patronal metalúrxica da Coruña. Republicano, foi elixido concelleiro da Coruña en 1922. Afiliado á ORGA, participou no pacto de Lestrobe. Coa chegada da Segunda República foi nomeado deputado provincial en maio de 1931. En 1933 dirixiu o xornal Tierra Gallega.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, a fundición Wonenburguer foi militarizada para producir obuses e pezas para aviación e maquinaria pesada. Tanto Julio como o seu irmán Juan conseguiron fuxir de expropiacións e sancións graza ás súas relacións, a satisfacer onerosos pagos e á rápida colaboración co réxime. Julio reinstalou unha fábrica de calzado que traballou para o exército golpista como provedor de calzado e correaxes, e despois pasou a ocupar un lugar destacado na provisión de alimentos e uniformes para fronte.
Na posguerra foi colaborador habitual do réxime, organizou e sufragou o arco monumental co que se recibiu ao caudillo na súa primeira visita á Coruña ao rematar a guerra. Foi xulgado polo Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo na causa 6/41 e sancionado con inhabilitación absoluta perpetua. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas, do que resultou absolto en 1945. Finou na Coruña o 1 de setembro de 1951.Necrolóxica en La Voz de Galicia, 9-9-1951, p. 7.
Vida persoal
Casou en 1926 con Amparo Planells Rubio e foi pai da matemática María Wonenburger Planells. Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Expediente de responsabilidades políticas de Julio Wonenburguer Canosa
María Wonenburger Planells. Mujer y matemática
Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Deputados provinciais da Coruña
Categoría:Masóns de Galicia
Categoría:Represaliados polo franquismo
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1882 Categoría:Finados en 1951 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes